BNG e ecoloxistas cargan contra a Lei de Montes do PP

Concentración en Valdeorras en protesta pola politica de prevencion e extincion da Xunta Dominio Público Praza Pública

A nova Lei de Montes, que foi aprobada en solitario polo PP, xa recibiu no seu momento as criticas xeralizadas dos grupos da oposición e de colectivos ambientalistas. Os lumes que tiveron lugar hai uns dias en Valdeorras fan que esas críticas regresen. Este mércores a Alianza por un Medio Rural Vivo reuniu un cento de persoas no Barco nunha concentración de protesta contra a política de prevención e extinción da Xunta.

Adega, que forma parte desta plataforma denuncia que a Lei de Montes, ao modificar pola porta de atrás a lei de prevención contra os lumes de 2007, facilitar a extensión das pirófitas, introducir a especulación no monte e reducir ao mínimo o papel da administración, provocará "lumes de récord: máis rápidos, altos e fortes". Adega denuncia que Feijóo diminuiu as distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas (de 50 a 30 metros); reduciu os anos nos que se limita o aproveitamento dos terreos queimados (de 3 a 2 anos); eliminou o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 25 hectáreas continuas; abreu a posibilidade de forestar terras agrarias e desviou cara os concellos parte das responsabilidades de control.

De igual xeito, este mércores a deputada do BNG no Parlamento Galego, Tereixa Paz, visitou O Barco e denunciou que “a falta de ordenación do territorio, nomeadamente do monte, a ausencia de políticas preventivas, desmantelamento da actividade agrogandeira e o abandono do medio rural son as inequívocas causas dos incendios forestais”. En consecuencia Paz demandou a derrogación da norma pois “bota o lume ás portas das aldeas, pois non ordena os usos da terra e permite forestar terras agrarias, polo que incrementa o caos e a desorde”.

Concentración en Valdeorras en protesta pola politica de prevencion e extincion da Xunta Dominio Público Praza Pública
A deputada do BNG Tareixa Paz, este mércores no Barco © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.