Se o Concello non o fai, facémolo nós

Batería militar de San Cristovo © http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es

"Fartas de ollar como se deteriora o patrimonio e a natureza de Ferrol, e vendo que o desgoberno municipal dirixido por Rey Varela non acomete ningún tipo de obra, varias cidadás concienciadas e algunhas desempregadas, decidimos acometer a limpeza da antiga Mina de Ouro en Ponzos". Hai unhas dúas semanas un grupo de persoas da comarca de Ferrol comezaron a traballar na recuperación de espazos públicos abandonados, como unha forma de protexer e poñer en valor o patrimonio e tamén como denuncia dunha actitude de "desleixo" do actual alcalde de Ferrol, o popular José Manuel Rey Varela, como refliten no seu manifesto.

Nas tres semanas anteriores os traballos de Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos centráronse na referida mina de ouro de Ponzos, que xa quedou recuperada. Desta vez o obxectivo é a limpeza da batería militar de San Cristovo, situada entre o Castelo de San Felipe e o Porto Exterior, así como nas escaleiras que dan acceso ao mesmo. Ao igual que en Ponzos, os traballos contarán co asesoramento de expertos, coma a Sociedade Galega de Historia Natural, e serán "respectuosos" co patrimonio material e coas especies vexetais retiradas.

O colectivo aclara que "con esta acción non pretendemos quitar o traballo a ninguén", senón denunciar a falta de actividade do Concello e o gasto de por exemplo 700 mil euros nas obras da Praza de España. O colectivo esixe "que ese diñeiro se gaste, e que sexa destinado a contratar xente en situación de desemprego, mediante a creación de cuadrillas de traballo contratadas directamente polo Concello para a reparación, limpeza e saneamento dos espazos públicos" e mesmo propón que se faga en contratos a media xornada para facer que ese diñeiro se reparta entre o maior número de traballadores.

A Asemblea de Desempregados da CIG colabora na iniciativa e Esquerda Unida xa lle pediu ao alcalde ferrolán que contrate grupos de desempregados cos cartos que se gastarán na Praza de España.

Chaman á participación de todas as persoas interesadas, que se poden inscribir por correo electrónico ou teléfono ou ven acudir directamente á zona ou ao aparcadoiro da Feira de Mostras o sábado ás 8.45 horas.

Batería militar de San Cristovo © http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es
A mina de Ponzos, antes dos traballos de limpeza © http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es
Ponzos, despois da limpeza © http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.