Ordes erguerá espigas de millo este domingo por un rural vivo e digno na comarca

Pancarta contra o vertedoiro de Lesta e os eólicos no Concello de Ordes CC-BY-SA Praza Pública

Ordes pretende converterse este vindeiro domingo en símbolo da loita por un rural vivo e sustentable e "contra a rapiña depredadora empresarial" que "pon cada vez en maior perigo o futuro ambiental, social, sanitario e económico do rural galego". Así, varios colectivos da comarca convocan a unha manifestación este día 30 a partir das 12.30 que apoian xa numerosos colectivos sociais, veciñais e ecoloxistas, partidos políticos ou sindicatos. 

Varios colectivos únense na convocatoria dunha mobilización "contra a rapiña depredadora empresarial" que "pon en perigo o futuro" da comarca

A concentración reclamará Aire, auga e terra limpas e nela os participantes erguerán espigas de millo "como símbolo e fortaleza do rural que loita por sobrevivir con dignidade". O obxectivo da manifestación é denunciar e chamar a atención do que os convocantes consideran "fortes agresións" que suporían varias polémicos iniciativas empresariais e industriais facilitadas "pola axuda das últimas leis impulsadas polo Goberno da Xunta". 

Os manifestantes erguerán espigas de millo para reclamar "aire, auga e terra limpas" e "como símbolo de fortaleza do rural"

Refírense aos parques eólicos "proxectados por unha compañía de capital saudí atravesando Ordes, Mesía, Frades, Trazo e Cerceda"; as novas liñas de alta tensión proxectadas "para desembocar na subestación eléctrica do Mesón do Vento, que a día de hoxe xa ten máis que saturada a zona de campos electromagnéticos"; o novo vertedoiro de residuos industrias de Lesta, "a escasos metros do macrovertedoiro de Sogama na Areosa ao que vai parar o lixo de toda Galicia"; e a actividade mineira de extracción de seixo "que Erimsa pretende ampliar en Mesía e Frades a costa da vida dunha zona eminentemente gandeira".

A marcha foi convocada pola Coordinadora contra a Implantación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes, a Asociación de Afectados polo Vertedorio de Lesta, a Comisión de Seguimento da Minería e Defensa do Rural Mesía-Frades e a Asociación A Picota de Trazo. Chaman a toda a veciñanza da comarca e contan co apoio de entidades e formacións políticas e sindicais, non só da zona, senón de comarcas lindeiras e que, lembran, serán tamén afectados polos proxectos contaminantes. 

Advirten do risco e afectación do proxecto eólico, das liñas de alta tensión, do novo vertedoiro de Lesta ou da actividade mineira de Erimsa

Os organizadores destacan que non están en contra, por exemplo, da produción de enerxía eólica, pero "sempre que se realice de forma ordenada, responsable e sustentable", algo que, din, "non se cumpre nos macroproxectos ideados e tendo en conta as características socio-económicas da zona". Denuncian, por exemplo, que están previstos aeroxeradores a cen metros das vivendas e que poñen en perigo o modo de vida de 500 explotacións agropecuarias que supoñen 1.000 empregos directos e indirectos. 

"Hai aeroxeradores que se chantarían nunha granxa ecolóxica e que suporían unha produción anual de 1 millón de euros fronte aos 4 millóns da explotacións; nin falar dos postos de traballo, que son actualmente 50 fronte aos 3-4 que suporía o mantemento dos muíños... Non é só un problema de impacto ambiental senón económico", explican os organizadores, que aclaran que o principal problema co que se atopan en todos os proxectos son "a falta absoluta de planificación e ordenación económica" así como as facilidades e aforro de trámites que a Lei de inciativas empresariais de Galicia, rebautizada como Lei de Depredación de Galicia, supón para as compañías. 

Os convocantes denuncian "a falta de ordenación e planificación económica" nos polémicos proxectos empresariais

"Atopámonos con moitos incumprimentos nos proxectos; se non estás metido nisto e non estás atento, é moi difícil presentar alegacións a todas as eivas que atopamos, moito máis se es un particular que non ten tanto acceso á información", explican. 

Entre os exemplos do que consideran un descotrol e falta de plans serios citan outros como o da liña de alta tensión que no proxecto presentado, segundo denuncian, "pasa por riba do vertedoiro de Lesta, aínda en tramitación e recorrido". "No propio proxecto do vertedoiro advírtese de que se poden producir gases que provoquen explosións e no da liña vese como esta pasaría por riba do vertedoiro, que mesmo podería tocar con ela nalgunha zona". 

En Mesía e Frades, advirten, a actividade de Erimsa provoca importante contaminación que afecta tanto a nivel hídrico dos solos como ao aire, ademais de estarse a elvar a cabo "continuas irregularidades" como a "entrada en terreos sen permiso para facer catas, escavacións e movementos de terras". 

Por todo isto, os organizadores esperan encher Ordes este domingo nun acto no que se erguerán espigas para reclamar aire, auga e terra limpas "para a comaraca e para toda Galicia" e no que se dará lectura a un manifesto unitario. Ademais,  haberá música, recollida de sianturas, intervencións de representantes de cada un dos colectivos para expoñer as problemáticas e participación de persoeiros da cultura. 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.