Sergio Salgado: "As tarxetas Black eran a normalidade; todo o Ibex-35 as tiña"

Un momento da obra 'Hazte banquero' CC-BY-SA Xnet

O Tribunal Supremo ratificou hai tan só uns días a condena a Rodrigo Rato. Ex-director do FMI, ministro de Economía e vicepresidente co goberno de Aznar e figura relevante do PP, foi condenado a catro anos e medio de cadea por un delito continuado de apropiación indebida no caso das tarxetas Black. O inicio do proceso xudicial contra o que tamén foi presidente de Caja Madrid sitúase xa en 2012, cando a asociación cidadá 15MpaRato comezou a apañar cartos nun crowdfunding para presentar unha querela que foi admitida pouco despois. Ano e medio máis tarde, a través de Xnet, este colectivo fai públicos máis de 8.000 correos electrónicos de Miguel Blesa, ex-director da entidade financeira. Naqueles mails desvélase o modus operandi coa trama das preferentes e aparecen xa referencias aos cartóns de crédito que eran "black a efectos fiscais". Un dos membros de Xnet e impulsor do 15MpaRato foi o galego Sergio Salgado. Nesta entrevista, reflexiona sobre a importancia desta última condena e da cidadanía organizada. "A nosa vitoria é que se saiba que isto o fixo a cidadanía", di.  

Que balance fai da condena ratificada do Supremo a Rodrigo Rato?

Non nos alegramos de que ninguén vaia ao cárcere porque non somos bárbaros, pero aínda hai unha cousa peor que que a xente vaia á cadea: que só vaian uns e non vaian nunca outros. Que acaben na cadea os que nunca acababan na cadea sempre é unha boa nova. Por outra banda, non nos alegramos de que unha persoa acabe presa pero si de que este símbolo entre no cárcere. Un símbolo das portas xiratorias, este símbolo do mal facer en todos os cargos nos que estivo e que aínda así foi ascendido sempre a outro cargo maior, o símbolo do afundimento da economía española. 

"Que acaben na cadea os que nunca acababan na cadea sempre é unha boa nova; vai preso o símbolo do afundimento da economía española"

Rato é un símbolo pero na condena hai moita máis xente...

Certo, e debería de terse moi en conta isto porque caeu moi repartido, en moitos partidos e sindicatos. A segunda persoa coa condena máis grande é Moral Santín, un histórico do PCE, gran figura de IU en Madrid até antonte. Sen o apoio deste partido tampouco sería posible este reinado de Blesa, de avaricia, de ignorancia e de impunidade. Foi unha carreira cara adiante que acabou coa quebra da economia española. Hai xente de sindicatos, do PSOE, do PP, de importantes empresas, mesmo o secretario persoal da Súa Maxestade. E lembremos que son 63 condenados a prisión, aínda que moitos deles se cadra non entran porque teñen condenas inferiores aos dous anos. 

"A impunidade non é ningún ordenamento legal, é a sensación psicolóxica de quen penssa que nunca lle pasa nada por facer o que fai"

A condena a Rato ou a entrada en prisión de ex-directivos das caixas galegas como Gayoso acaba de vez con esa "impunidade" que tanto se denunciou?

Desde o primeiro día dixemos que a impunidade non é ningún ordenamento legal. Non hai ningunha lei que diga que Rato non pode entrar no cárcere porque a impunidade, en realidade, é unha sensación psicolóxica daqueles que pensan que nunca a ninguén lle pasou nada por facer o que fan. Agora sabemos que mesmo tendo sido ministro, director do FMI ou presidente do terceiro banco do Estado podes acabar na cadea e é esa a sensación psicolóxica que racha. 

Que importancia tivo 15MpaRato ou Xnet nesta condena? Que traballo hai detrás?

15MpaRato foi o colectivo que anunciou a primeira querela, aínda que logo se sumaron moitos máis, e tamén quen puxo as probas das preferentes nos tempos nos que os preferentistas eran tratados como especuladores. Tamén filtramos os correos de Blesa, que fixemos chegar á prensa e onde se fala daquelas "tarjetas black a efectos fiscales". De aí desencadeouse a segunda peza do caso Bankia. Ademais, grazas ao noso traballo tamén se soubo que no banco sabían perfectamente cando Bankia saiu a Bolsa que a entidade estaba quebrada, polo que o xuíz ordenou devolver 1.700 millóns a pequenos investidores... Estamos a falar deses 1.700 millóns, dos 1.500 das preferentes ou de 63 membros da elite banqueira e política española condenadas a prisión polas tarxetas Black... Non está mal para un crowdfunding de 15.000 euros...

"1.700 millóns devoltos a pequenos investidores, os 1.500 das preferentes e 63 membros da elite financeira e política española condenados a prisión... Non está mal para un crowdfunding de 15.000 euros"

Considérano un triunfo?

Para nós é unha vitoria, pero a vitoria é que se saiba que foi a cidadanía quen o fixo. Non somos avogados, nin xuristas, nin economistas... Non somos nada e precisamos que se saiba de onde sae todo porque nestes últimos anos comprobamos como sempre detrás do descubrimento dun escándalo de corrupción está a cidadanía, unha fonte anónima, unha asociación veciñal, xente organizada... Esa é a diferenza entre que un caso quede en nada ou vaia cara adiante. Debe saberse e cundir o exemplo porque é o que pode cambiar as cousas. 

"A vitoria é que se saiba que foi a cidadanía quen logrou isto; detrás do descubrimento dun caso de corrupción sempre está a xente"

É o das tarxetas Black a punta o iceberg?

É a normalidade. Todo o Ibex-35 tiña tarxetas Black, todas as empresas participadas polo Estado, tamén. É o marabilloso das tarxetas Black, porque son 12 millóns cando se xulga un desfalco en Bankia de 3.000 millóns que logo derivaría no rescate bancario ou tantos outros problemas na economía española. Para esa xente, aqueles 12 millóns non eran nada, só a graxa que engraxaba o sistema. O caso é moi indignante porque comprobamos como funciona o sistema e as portas xiratorias. É moi interesante e por iso decidimos facer a obra teatral Hazte banquero, porque a través deses correos de Blesa podíamos ver como funcionan as cousas. Pensamos que esa xente é moi poderosa e que ten todo controlado, pero logo decatámonos que todo é unha fuxida cara adiante por unha mestura de ignorancia e impunidade. 

"Para toda aquela xente, as tarxetas Black non eran nada, tan só a graxa que engraxaba o sistema"

Cre que a sociedade española mudou para sempre respecto da visión que tiña do sistema político e financeiro?

A sociedade española cambiou para sempre a partir do 15-M. A sociedade sempre vai por diante das leis e dos gobernos. Os políticos poden tardar moitos anos en darse de conta, de feito o PP seguiu durante anos coa súa estratexia de dicir que todo era mentira ou un ataque dos seus inimigos cando o acusaban de corrupción. Así aguantou anos ata que quedou noqueado. O PSOE chegou ao poder e pola mañá dicía que non dimitía ninguén e á tarde estaban dimitindo a Màxim Huerta. A partir do 15-M, todo mudou para sempre, aínda que ás veces non sexa evidente. É como cando unha montaña se vai erosionando durante anos e pouco a pouco ata que un día cae nun momento. 

"A sociedade española mudou para sempre a partir do 15-M, aínda que ás veces non sexa evidente"

Quen debe temer agora? En que andan a traballar?

En Xnet dedicámonos fundamentalmente a temas de corrupción, pero tamén e sobre todo a Internet como ferramenta para estar mellor organizados como cidadanía. Temos moito traballo con isto porque ás grandes empresas e aos gobernos non lles gusta internet. Ademais, algunhas compañeiras están tamén co caso Castor, logo de abrir unha querela contra este proxecto ao considerar que a operación ten uns beneficios que non tiveron en conta o ben común nin os intereses da poboación. 

Sergio Salgado CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.