A metade das enfermidades mentais presentan síntomas antes dos 14 anos

Alumnado dun instituto nunha aula © Xunta

Entre o 10 e o 20% dos nenos, nenas e adolescentes teñen problemas de saúde mental; a metade das enfermidades mentais presentan síntomas antes dos 14 anos e tres cuartos delas comezan antes dos 24. O Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora este mércores como cada 10 de outubro, céntrase este ano na mocidade e na necesidade da prevención e dunha educación inclusiva para tratar con eficiencia estes problemas

Enre o 10 e o 20% das persoas novas teñen problemas de saúde mental e a metade destas doenzas presentan síntomas antes dos 14 anos

Educación inclusiva, saúde mental positiva. Ese é o lema empregado por Saúde Mental Feafes Galicia (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia), que reivindica "unha educación que aposte polos valores, que traballe a diversidade e a inclusión e que teña en conta os retos dunha sociedade que cambia a gran velocidade". O obxectivo é "conseguir unha saúde mental máis positiva nas xeracións futuras"

Feafes destaca a necesidade dunha educación inclusiva e de prevención para abordar con tempo os problemas de saúde mental na mocidade

Para logralo, Feafes Galicia advirte do "papel fundamental" que xoga o sector educativo e o reto que ten de "crear un ambiente escolar onde os mozos e mozas se sintan cómodos, respectados e integrados". Ademais, repara na importancia de "involucrar" as familias e as institucións educativas nesa etapa clave de prevención ao ser a escola un dos lugares onde a rapazada pasa gran parte do seu tempo.

"Hai moitos determinantes educativos e sociais que inflúen na aparición destas enfermidades; o acoso ou violencia entre os novos poden provocar que se desenvolva unha doenza mental"

"Hai moitos determinantes educativos e sociais que inflúen na aparición destas enfermidades; a rapazada pasa máis tempo na escola que na casa e hai problemas como a violencia, o acoso ou o bullying que poden determinar que unha persoa en concreto desenvolva unha enfermidade que provoca un sufrimento moi grande", explica Xosé Ramón Girón, presidente de Feafes Galicia, que aclara que a responsabilidade "non é do sistema educativo nin dos docentes" senón na necesidade de "implementar os mecanismos necesarios para poder traballar sobre os condicionantes que poden causar estas situacións para abordalas canto antes"

"Unha educación inclusiva potencia as habilidades de cada neno e nena, facilita a participación de todo o alumnado, loita contra a exclusión e permite a todos os mozos e mozas acceder a unha aprendizaxe de calidade", lembra Feafes, que reivindica a "urxente necesidade" de que a saúde mental da mocidade "estea na axenda política". O propósito: reverter a advertencia da Organización Mundial da Saúde (OMS), que indica que "os trastornos mentais serán a primeira causa de discapacidade en 2030". 

"Falar de enfermidades mentais custa porque hai un prexuízo social e cultural inmenso; por iso facemos un chamamento a que se fale das enfermidades mentais igual que doutra calquera doenza", engade Girón, que advirte de que vivir este problema "en soidade" tamén provoca que se "alonguen os tempos de diagnóstico e tratamento". Na adolescencia, ademais, esta situación pode agravarse. "Aqueles rapaces que están sometidos a calquera tipo de agresión ou presión, van sufrir moito dano se non teñen por onde sacar toda esa información fóra", asegura. 

Ante este panorama, os especialistas reclaman o desenvolvemento de técnicas de detección temperá e intervención precoz pero advirten de que para logralo "é preciso o investimento de recursos humanos e financeiros". Ademais, piden unha política publica transversal e con vínculos intersectoriais para abordar o problema do que Feafes alerta coa campaña Mocidade Saudable. A ela sumáronse no seu apoio concellos, partidos políticos e diferentes entidades sociais. 

"A saúde mental ten que saír de onde estea agochada e poñerse en primeiro plano, na axenda política"

"Hai que poñelo na axenda política", insiste Girón, que lembra que en Galicia hai 50.000 persoas con discapacidade por enfermidade mental. "É un problema de saúde pública e hai que asumilo como tal e abordalo; a saúde mental ten que saír de onde estea agochada e poñerse en primeiro plano", remata quen pide "intervir e traballar". 

 

Recomendacións para o tratamento informativo

Alén disto, e aproveitando tamén o Día Mundial da Saúde Mental, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lembrou as recomendacións sobre tratamento da saúde mental nas informacións periodísticas e que foron redactadas por esta entidade e polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) nunha guía práctica

Así, CPXG e COPG instan a "normalizar" a enfermidade mental, lembrar que os tratamentos funcionan e falar de persoas, anónimnas ou non, que son capaces de levar unha vida plena e integrada. Ademais, recomenda "rexeitar a linguaxe discriminatoria e estigmatizante que unicamente define a persoa pola súa enfermidade mental" e a incluír as persoas con enfermidade mental como fontes e interlocutores para "visibilizar e normalizar", rachando prexuízos e evitando estereotipos.

"As persoas con enfermidade mental teñen a mesma probabilidade que calquera outra de cometer actos violentos", lembran CPXG e COPG para instar a non simplificar. Do mesmo xeito, reclama coidar "a exactitude dos termos" e "empregar o diagnóstico específico se a enfermidade mental é importante para a información", así como "evitar o uso inapropiado ou fóra de contexto de termos propios da saúde mental". "Difunde a loita polos recursos necesarios para unha atención á saúde mental de calidade, inclusiva e completa", rematan. 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.