0 Gardados para despois

Galicia 2033: Un país minguante e envellecido

Redacción | @prazapublica

As alertas sobre o progresivo envellecemento da sociedade galega e a caída de poboación son constantes nos últimos anos. Esta semana, ademais, coñecéronse as proxeccións demográficas elaboradas polo INE para os vindeiros 15 anos, que prevén que as actuais tendencias se manteñan e mesmo se acentúen. A pesar de que as estimacións apuntan a que Galicia continuará recibindo máis inmigrantes que enviando emigrantes ao exterior (en 2017 o saldo migratorio foi positivo en case sete mil persoas e en 2033 a cifra proxectada sería semellante), a baixa taxa de natalidade e a minguante poboación moza levarían o número de nacementos a un mínimo, moi por debaixo das defuncións. 

Así pois, a poboación galega podería descender en case 150.000 persoas nos vindeiros 15 anos, situándose no ano 2033 nos 2.564.491 habitantes, unha cifra inferior á que se rexistraba en 1940. Nos últimos anos Galicia sempre se situou por riba dos 2,7 millóns de habitantes (2.708.339 nos últimos datos oficiais correspondentes a 2017), un nivel que podería perder xa neste ano 2018, de manterse o actual ritmo de descenso. 

Nas estatísticas proxectadas polo INE chaman a atención, sobre todo, os datos relativos á natalidade e ao envellecemento. A taxa de natalidade, situada na actualidade en 7,02 nacementos por cada 1.000 habitantes (un dos indicadores máis reducidos de todo o planeta), podería caer ata os 5,74. Así, o número total de nacementos nun ano (18.312 en 2017) reduciríase ata os 14.752, menos da metade das máis de 33.000 defuncións que se prevén para o ano 2033.

Deste xeito, a idade media en Galicia podería superar os 50 anos nese 2033 (50,6), case catro máis que os actuais 46,8. Ademais, case un terzo da poboación superaría os 65 anos de idade (31,4%), sete puntos máis que a actual porcentaxe (24,6%). E todo a pesar de que o saldo migratorio previsto polo INE para ese ano 2033 é positivo para Galicia, tanto co resto de España (+405) coma co estranxeiro (+6.132).

Os datos por provincias amosan unha situación de envellecemento especialmente acentuada para Ourense (idade media de 53,05 anos) e Lugo (51,75), pero tamén para A Coruña (50,35). Pontevedra (49,81) ficaría lixeiramente por debaixo dese nivel de 50 anos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.