Axentes forestais acordan melloras coa Xunta tras dous meses e medio de folga

Xunta e axentes forestais asinan o acordo © Xunta

A Xunta de Galicia e os sindicatos UGT, CCOO e CIG asinaron este xoves un acordo que pon fin á mobilización e folga que os axentes medioambientais e forestais mantiñan desde o pasado 25 de xullo e que rematou o pasado luns. O documento foi asinadopolos representantes sindicais e os conselleiros de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; de Facenda, Valeriano Martínez; e do Medio Rural, José González, os tres departamentos que participaron na mesa de negociación aberta cos traballadores este verán.

Xunta e UGT, CCOO e CIG asinaron un acordo que pon fin á mobilización e á folga que os axentes medioambientais e forestais mantiñan desde  25 de xullo

O acordo, segundo destaca a Xunta, supón unha "mellora notable" das actuais condicións laborais e retributivas dun colectivo "sometido a condicións de traballo especiais polas propias características e natureza do servizo". Os máis de 500 axentes integrados nas consellerías de Medio Ambiente (161) e do Medio Rural (388) experimentarán, segundo a Administración, "un avance substancial desde o punto de vista da conciliación da súa vida laboral e persoal".

Entre os cambios acordados figura establecer melloras salariais que veñen a "homoxeneizar as condicións retributivas destes profesionais", e cun aumento daquelas retribucións dirixidas a manter a continuidade do servizo a través de gardas e da prestación de traballo en domingo e festivos, especialmente en épocas de maior actividade estacional ou de incendios.

A Xunta destaca a "mellora notable" das condicións laborais e na conciliación

Tamén se asume o compromiso de negociar os principios do pase voluntario á segunda actividade para o persoal que teña cumpridos os 60 anos e cun período mínimo de servizo, e introdúcense unha serie de melloras relativas ás condicións de traballo, particularmente con relación á redución das quendas nocturnas ou á xornada máxima anual, que queda fixada en 1.665 horas.

Os sindicatos lembran que as primeiras intencións da Xunta eran aumentar considerablemente o número de horas anuais traballadas e o número de gardas nun 50%,  establecer unha retribución vinculada ao traballo de extinción de incendios e unha rebaixa xeral das condicións de traballo deste persoal. Fronte a isto, destacan, conseguíronse melloras "imposibles sen a mobilización contiuada" e a folga rematada o luns. 

Así, entre os avances destaca que a xornada máxima anual redúcese desde as 2.000 horas ás 1.665, con posibilidade de redución a 1.554 para os traballadores a quendas. O número de meses en gardas pasan de seis a catro e as horas da quenda de noite, de doce a dez; ademais, recoñécese o dereito a unha suba salarial progresiva en tres anos. Tamén se establecen mecanismos para flexibilizar a xornada e facilitar a conciliación laboral e familiar ou que a Administración asuma os gastos de comida nas quendas de maís de dez horas. 

O acordo supón a redución da xornada máxima e dos meses de garda, unha suba salarial progresiva ou a flexibilización dos horarios

Os períodos de garda, ademais, quedarán prefixados desde o ano anterior e a mobilidade funcional, obrigatoria até o de agora, pasa a ser voluntaria e regulada, ao igual que a segunda actividade. Tamén se establece unha libranza de dous días por cada festivo traballado. Entre o máis relevante, os sindicatos destacan tamén que a Xunta comprometeuse a instar o Estado a que se establezan os coeficientes redutores para a xubilación anticipada en base a penosidade, toxicidade, traballo nocturno e a quendas e a especial responsabilidade.

Desde a CIG advirten de que, con todo, "aínda quedan cousas pendentes" entre as que salientou a creación de 30 prazas para reforzar o servizo “fronte ao roubo de  competencias das forzas e corpos de seguridade do Estado” e o cumprimento do Acordo de Axentes Técnicos Ambientais do Grupo B.

A Xunta destaca que o acordo chega logo de meses de negociacións nas que o Goberno galego "mantivo sempre unha actitude dialogante e aberta a negociar as demandas laborais do colectivo". Ademais, destaca que unha comisión de seguimento con presencia paritaria da Administración e dos sindicatos será a encargada de velar polo cumprimento do acordo, así como das posibles interpretacións que haxa que facer do mesmo. "Os cambios acordados traduciranse nunha mellora das actuais condicións de traballo dos axentes, o que redundará tamén nunha maior eficacia no desenvolvemento das súas funcións", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.