Galiza Nova queima un espantallo caracterizado como Felipe VI

Momento da queima, que tivo lugar na praza 8 de marzo © Galiza Nova

Galiza Nova celebrou este venres 12 de outubro un acto reivindicativo contra a monarquía española e a prol do dereito de autodeterminación. Na concentración, que tivo lugar na Praza 8 de marzo de Compostela, foi queimado un espantallo caracterizado como Felipe VI. O secretario xeral da organización xuvenil do BNG, Alberte Fernández, destacou que a queima simbólica do boneco coa imaxe do rei de España constitúe un “acto de defensa da liberdade de expresión, contra o réxime e todo o que representa queimando simbolicamente a monarquía española, que se mostra orgullosa no día de hoxe do xenocidio cometido en América Latina”.

Galiza Nova celebrou este venres 12 de outubro un acto reivindicativo contra a monarquía española e a prol do dereito de autodeterminación

Na súa intervención, Fernández aludiu tamén ao ditador Francisco Franco, lembrando que foi este quen “decidiu deixar a Xoán Carlos I como o seu sucesor”, quen -engadiu- “representa a continuidade do franquismo”. Afirmou ademais que "fronte á institución da monarquía blindada pola Consitución Española", o nacionalismo galego "tivo sempre clara a súa postura contraria: o proxecto do BNG é o da soberanía, partindo das Bases Democráticas que presentamos o ano pasado". Fernández referiuse igualmente ao movemento soberanista catalán, afirmando que o Estado español  “reprime os movementos de liberación nacional, chegando ate a violencia física, e cun xefe do estado que parabeniza aos policías que participaron nas cargas masivas do 1-O”.

O secretario xeral de Galiza Nova concluíu indicando que a queima deste boneco representaba “todo o que queremos rachar, para poder construír unha sociedade nova na que teñamos un traballo e ensino dignos, os dereitos das mulleres e as persoas LGTBI estean garantidos; así coma a liberdade de expresión, e na que poidamos vivir plenamente na nosa lingua”. 

A queima constitúe un “acto de defensa da liberdade de expresión, contra o réxime e todo o que representa", destacou o secretario xeral de Galiza Nova

No acto tamén interviu Navia Rivas, integrante da Dirección Nacional de Galiza Nova, que destacou que “Galiza non é Hispanidade. Galiza é loita. Loita obreira e loita nacional, que son a mesma”. Subliñou ademais o compromiso da organización xuvenil “co pobo galego, no noso compromiso por unha Galiza cos ollos no porvir, solidaria, republicana, laica, xusta, feminista, soberana”.

 

Momento da queima, que tivo lugar na praza 8 de marzo © Galiza Nova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.