ADEGA denuncia un plan da Xunta para abastecer de auga A Coruña dende unha balsa mineira

Proxecto da Xunta © ADEGA

O Goberno galego ten en exposición pública un proxecto para conectar a través dun túnel de 1,4 quilómetros unha balsa con verquidos de Meirama co río Barcés, que desemboca no encoro de Cecebre, que subministra auga á cidade herculina.

Para ADEGA é a construción desta minicentral hidroeléctrica a verdadeira razón de ser do proxecto

O plan, ademais, inclúe unha minicentral hidroeléctrica. Para ADEGA é a construción desta minicentral hidroeléctrica a verdadeira razón de ser do proxecto: "producir quilovatios camuflando o proxecto como unha infraestrutura de subministro". O Plano Hidrolóxico non permite novos aproveitamentos hidroeléctricos nas bacías de Galicia-Costa, agás repotenciacións e "modernizacións" e en calquera caso non se pode proxectar unha obra sen que haxa unha concesión administrativa previa para a explotación dos quilovatios.

A asociación ecoloxista pregúntase o motivo de non conectar directamente a balsa mineira co río, situado a poucos metros, a opción de construir un túnel de 1,4 quilómetros e 3,5m de diámetro resulta técnicamente máis complicada e moito máis cara que facer un desaugue directo. E cren ver na construción da minicentral a explicación: "precísase unha significativa diferenza de cotas entre a captación (balsa) e o punto de entrega (central hidroeléctrica). Eis a razón do túnel, que actúa como tubaría de presión para a minicentral".

ADEGA denuncia ademais "a calidade das augas dunha balsa mineira, que moi probabelmante teñan unha alta acidez e unha importante cantidade de metais pesados"

ADEGA denuncia ademais "a calidade das augas dunha balsa mineira, que moi probabelmante teñan unha alta acidez e unha importante cantidade de metais pesados (particularmente arsénico) debido á natureza das rochas encaixantes (xistos cun alto contido en sulfuros metálicos) ademais dun baixa concentración de osíxeno". Critican, así mesmo, o impacto negativo que o trasvase de augas pode ter no rio Barcés, un LIC da Rede Natura con hábitats e especies protexidas.

Proxecto da Xunta © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.