"Esquécese cuestionar as manadas de homes que van penetrar por todos os buracos a mulleres vulnerables"

Pés de muller baixando dun coche CC-BY-SA Hetaira

Vigo acolleu este xoves a VII Xornada da Rede Galega contra a Trata, titulada este ano "Por unhas novas masculinidades fóra do mercado sexual". No programa combinábanse achegas máis teóricas sobre os mecanismos que levan aos homes a perpetuar o sistema prostitucional e a explotación sexual das mulleres (a cargo, por exemplo, de Lola Ferreiro: "A construción da sexualidade masculina. Como se fabrica un putero" e de Iván Sambade), coa intervención da activista feminista Amelia Tiganus (Feminicidio.net), que ofreceu a súa visión e a súa experiencia como supervivente da trata, prostituída durante cinco anos.

"Conseguen esa demostración de masculinidade a través de usar os nosos corpos e as nosas vidas"

Ademais, unha mesa redonda analizou o tratamento da prostitución dende a industria cultural e mediática, a cargo da directora de cine Isabel de Ocampo e de Ana Sanmartín, voceira de Xornalistas Galegas. E a xuíza Paz Filgueira, que durante anos foi titular da sala de Violencia sobre a Muller de Vigo, falou sobre "A resposta xudicial nos delitos de trata sexual e prostitución: Que papel xogan os homes que pagan por sexo?". A xornada celebrouse na sede do MARCO, nun auditorio que ficou pequeno e cuxas inscricións pecháronse este mércores pola mañá. Con todo, as sesións puideron seguirse en directo a través da canle online da Universidade de Vigo, que colaboraba na organización, xunto con Concello e Xunta.

A intervención máis agardada era sen dúbida a de Amelia Tiganus, que exerceu a prostitución durante cinco anos, despois de ter sido violada por un grupo de homes na súa Romanía natal cando apenas tiña 13 anos. Vendida por 300 euros a un proxeneta español, pasou con 40 prostíbulos de todo o Estado antes de conseguiu escapar desta explotación. Dende hai anos reside en Euskadi e participa moi activamente no movemento feminista a través de Feminicidio.net, loitando contra a trata de mulleres e traballando a prol da abolición da prostitución. Antes de pasar por Vigo, ofreceu nas últimas semanas conferencias en Lugo ou Pontevedra.

Tiganus alertou de que o funcionamento da prostitución "está a cambiar", desaparecendo os tradicionais clubs que antes enchían as estradas ou algúns barrios das cidades, e sendo cada vez máis habituais os pisos

Tiganus pediu unidade ao movemento feminista para loitar contra a prostitución: "No movemento feminista ás veces esquécese a situación de todas esas irmás que están sendo prostituídas. Esquécese cuestionar a todas esas manadas de homes que van todas as fins de semana penetrar por todos os buracos do corpo a mulleres que son vulnerables, que están dispostas a facelo porque non lles queda outro remedio que ser ultraxadas e convertidas en obxectos de uso e abuso". "Conseguen esa demostración de masculinidade a través de usar os nosos corpos e as nosas vidas", denunciou. Clamou contra o "sistema prostitucional", do que "forma parte o Estado Español, culpable de que existan eses campos de concentración que son os prostíbulos, culpable de que haxa mulleres na rúa e nos pisos... Un sistema do que forman parte tamén os proxenetas, chamados 'empresarios de alterne'", dixo.

Alertou, así mesmo, de que o funcionamento da prostitución "está a cambiar", desaparecendo os tradicionais clubs que antes enchían as estradas ou algúns barrios das cidades, e sendo cada vez máis habituais os pisos. "Os puteiros agora queren discreción e aos proxenetas vénlles moi ben esa procura de discreción. Os negocios están sendo trasladados a pisos, pechando os clubs e o que vai ser cada vez máis común son as supostas traballadoras sexuais, como se denominan, creando cooperativas. É todo un circo, é así como os proxenetas queren seguir vendendo a moto", dixo. 

"Non é o mesmo fregar escaleiras que chupar o pene dun home que non coñeces", subliñou Tiganus

"Non é o mesmo fregar escaleiras que chupar o pene dun home que non coñeces", subliñou Tiganus, poñendo en dúbida o argumento do "libre consentimento" á hora de exercer a prostitución. "Estamos falando dun sistema que nos prostitúe. A loita por rematar coa explotación sexual das mulleres é máis importante que un suposto 'dereito a ser prostituída'", denunciou Tiganus, que concluíu que "Dentro do feminismo o único debate sobre a prostitución é como a abolimos". "Non estamos dispostas a ser putas nin a ser santas, só queremos ser suxeitos activos e donas dos nosos desexos, do noso pracer e sobre todo dos nosos dereitos humanos", engadiu.

 

Por que os homes prostitúen?

"Non estamos dispostas a ser putas nin a ser santas, só queremos ser suxeitos activos e donas dos nosos desexos, do noso pracer e sobre todo dos nosos dereitos humanos"

Varias das intervencións centráronse na figura do puteiro, dos homes que pagan por explotar sexualmente a mulleres. Na mesa redonda "Masculinidades prostituíntes e activismo feminista", Iván Sambade, doutor en Filosofía, preguntouse "Por que hai homes que deciden utilizar mulleres que non os desexan para satisfacer os seus desexos sexuais?". Sambade lembrou que "os homes estamos socializados nun determinado modelo de masculinidade hexemónica e a sexualidade vívese como 'dominación sexual' e como unha forma de confirmar a masculinidade" e que "estamos socializados pola cultural patriarcal para considerar as mulleres como obxectos e consideralas como seres 'para nós'”. Alertou así mesmo da existencia dun "sistema de complicidade masculina" a través do cal "os homes sostemos conxuntamente o modelo hexemónico de masculinidade".

"En tempos de crise da masculinidade, o modo fundamental a través do cal os homes poden confirmar a súa masculinidade é a través da dominación sexual das mulleres"

Sambade sinalou que, a pesar de que as elites seguen a estar formadas primordialmente por homes ou de que o traballo doméstico continúa a ser realizado maioritariamente polas mulleres, a masculinidade vive unha "crise", ao ser contestado o seu dominio. "En tempos de crise da masculinidade, o modo fundamental a través do cal os homes poden confirmar a súa masculinidade é a través da dominación sexual das mulleres. Xa non poden identificarse como provedores, xa non poden exercer tanta violencia como antes. Pero poden manter a dominación sexual a través do sistema prostitucional", destacou.

O filósofo destacou tamén a importancia da educación patriarcal, que dende nenos adoita reprimir a expresión das emocións nos nenos, mozos e homes. "Se eu reprimo a miña propia emotividade, se non son capaz de recoñecer os meus propios sentimentos, como vou ser capaz de recoñecer os sentimentos doutras persoas? A educación na masculinidade o que fai é anular o sentimento de empatía cara a outras persoas, sobre todo cara ás mulleres", dixo.

Sambade pediu "cambiar o foco" e "deixar de centrarse nas mulleres como vítimas da prostitución e centrarnos nos homes prostituíntes", como culpables desta situación

Para rematar, Sambade pediu "cambiar o foco", é dicir, "deixar de centrarse nas mulleres como vítimas da prostitución e centrarnos nos homes prostituíntes", como culpables desta situación. Concluíu, ademais, que na prostitución "non hai consentimento", e cualificou esta figura como unha "falacia produto da alianza entre o patriarcado e o mercado neoliberal". "Hai mulleres que poden elixir prostituírse sen ser directamente obrigadas, pero non o fan libremente", dixo, sinalando que "a trata e a prostitución son incompatibles coa igualdade entre homes e mulleres".

 

Cartel da Xornada © Rede Galega contra a Trata
Unha imaxe da Xornada celebrada este xoves © Rede Galega contra a Trata

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.