O persoal de Alcoa agradece "o enorme apoio" cidadán e político contra o peche: "Seguiremos e gañaremos"

Manifestación na Coruña contra o peche de Alcoa CC-BY-NC-SA CIG

Ducias de miles de persoas saíron este sábado ás rúas da Coruña para rexeitar, catro anos despois da última ameaza, o peche da factoría de Alcoa e o despedimento das case 400 persoas ás que emprega, cunha vaga expansiva nos postos de traballo indirectos que infunde temor no conxunto da cidade e da súa contorna. Tras a multitudinaria mobilización, secundada tamén por todas as principais forzas políticas e sindicais de Galicia, o comité de empresa de Alcoa A Coruña quixo este domingo agradecer publicamente "o apoio e agarimo que estamos recibindo", así como advertir á multinacional estadounidense a súa vontade de seguiren "loitando".

"Se o apoio puidese transformarse en enerxía eléctrica resolvería o noso problema para sempre"

Os apoios recibidos dende o anuncio de peche foron múltiples, relatan. Dende as familias do persoal da factoría e das empresas auxiliares ata os planteis de San Cibrao e Avilés, veciñanza anónima da Coruña, "toda a corporación municipal do Concello, co alcalde á cabeza", concellos da área coruñesa, "a Xunta e o presidente, cargos das distintas administracións, sindicatos, comités doutras empresas, asociacións e movementos sociais".

Un operario de Alcoa, ao remate da manifestación contra o peche / CC BY-SA Galiza Contrainfo

Todo este apoio, agradecen, "fíxose visible" na manifestación. "Se puidese transformarse en enerxía eléctrica resolvería o noso problema para sempre" e por extensión, "o de todos os consumidores". En calquera caso, o comité de empresa amosa a súa disposición a seguir combatendo o peche. "Estamos convencidos, agora máis ca nunca, de que con todo o agarimo e apoio que estamos recibindo, gañaremos".

Prevese que na semana que comeza se produzan contactos entre o Goberno de España e Alcoa

O comité aproveitou tamén este comunicado para dirixirse á veciñanza da Coruña e pedirlle "desculpas" por "se, en calquera momento, entorpecemos un pouco" a vida habitual da cidade. "Tentaremos no posible facer visible o noso grave problema buscando sempre o menor impacto para todos", conclúen.

A vindeira semana preséntase como determinante para o futuro dos postos de traballo de Alcoa na Coruña e tamén en Avilés. Así, alén do mantemento das mobilizacións e dos contactos do persoal coas diferentes institucións e a propia empresa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e mais o do principado de Asturias, Javier Fernández, reuniranse coas ministras de Industria e Transición Ecolóxica, Reyes Maroto e Teresa Ribera, como paso previo ás conversas do Goberno de España con Alcoa. Sobre a mesa estará a reclamación dun marco eléctrico estable.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.