Colectivos pola defensa medioambiental da comarca de Compostela únense nunha Rede

Presentación da Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre © Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre

A plataforma contra a mina de Touro-O Pino, o colectivo contra o vertedoiro de Miramontes ou o de Lesta, a plataforma contra a planta prevista na Casalonga, afectados pola actividade mineira de Erimsa en Frades ou Mesía, a asociación en contra do megaparque eólico de Ordes ou a de defensa do río Sar. Todos eles uníronse xa na Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre, acumulando esforzos na batalla contra as agresións ao medio natural que sofre a contorna da capital galega

Colectivos contra a mina de Touro, os vertedoiros de Miramontes ou Lesta, a plata da Casalonga ou os eólicos de Ordes únense na Rede

Presentada este luns en Santiago, a Rede reclama a modificación da Lei de Iniciativas Empresarias de Galicia, a coñecida como Lei de depredación, para que se amplíen así os prazos para as alegacións a proxectos no rural. Esa é unha das reclamacións dentro do seu obxectivo fundamental de defensa da contorna ambiental da comarca compostelá, nos seus máis de 50 concellos e cunha poboación de 400.000 persoas

A Rede reclama a modificación da Lei de Iniciativas Empresariais para ampliar os prazos de alegacións e únese na defensa da contorna ambiental da comarca compostelá

A Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre xorde logo de que o pasado verán foran varios os colectivos que se uniron para facer fronte común para diferentes problemas medioambientias da zona. Á espera de incluír tamén asociacións da ría de Muros-Noia, Leandro del Río, voceiro, destacou na presentación que todos os grupos pertencen a "un territorio pefectamente acoutado cunhas características físicas e morofolóxicas específicas”. Ese sobre o que pretenden actuar para evitar males maiores e, por exemplo, “sanear os impactos que xa teñen a mina de Touro, as redes eléctricas en Ordes e o escándalo que é o vertedoiro de Grixoa”.

Un dos propósitos é facilitar a coordinación das diferentes plataformas, así como das reclamacións no ámbito político. Ademais, procuran xa que a Fiscalía actúe no caso do vertedoiro de Grixoa, dos eólicos en Ordes para evitar a súa instalación ou no tema da planta de residuos prevista na Casalonga, teoricamente "paralizada" pero que agocha “esa teoríca restauración da canteira que non deixa de ser probablemente un vertedoiro encuberto”. 

“A lexislación actual está favorecendo a implantación de industrias e actividade altamente contaminantes que moitas veces non son de capital galego ou español”

“A lexislación actual está favorecendo a implantación de industrias e actividade altamente contaminantes que moitas veces non son de capital galego ou español” advirte Leandro del Río, que advirte de que moitas veces "o beneficio que se pode sacar" de determinados proxectos con importante impacto "é inferior ao que  ten a gandeiría en todos os concellos afectados”. Ademais, critican o desleixo da Xunta no control destas actividades e advirten dunha actividade en positivo, con documentación, proposta de alternativas e propostas de modificación lexislativa. 

O vindeiro martes 23 terá lugar xa unha reunión en Rois onde se irá debullando ante a cidadanía a situación medioambiental que sofre a comarca de Compostela. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.