Arquivadas sen culpables as investigacións dos incendios de hai un ano no Val Miñor, incluído o que provocou dúas mortes

Furgoneta na que faleceron dúas persoas en Chandebrito (Nigrán) CC-BY-SA Praza Pública

Tres procedementos xudiciais distintos polos incendios rexistrados no Val Miñor na vaga do 15 de outubro do ano pasado, correspondentes aos lumes producidos en Baiona, Gondomar e Nigrán, este último con dúas mulleres mortas na parroquia de Chandebrito, veñen de ser arquivados sen que ata o momento se puidesen atopar culpables por falta de probas.

A falta de probas paraliza as investigacións dos lumes de Nigrán, Baiona e Gondomar, único concello este último no que se chegou a deter a dous irmáns nos días seguintes

Os incendios de hai un ano tiveron unha das súas zonas cero no Val Miñor, onde rodearon o centro urbano de Baiona e se propagaron de Gondomar a Nigrán de sur a norte para despois continuar cara a Vigo arrasando ao seu paso a parroquia nigranesa limítrofe de Chandebrito, onde morreron dúas mulleres que intentaban escapar do lume seguindo a unha patrulla da Policía Nacional. En Gondomar nos días seguintes foron detidos dous irmáns, pero o procedemento arquivouse ao non atoparse probas suficientes contra eles, igual que agora se constata no resto de procedementos abertos, segundo confirman fontes municipais.

Porén, no caso do incendio de Chandebrito, no que faleceron as dúas mulleres, o arquivo provisional permitiría evitar que siga a correr o tempo legalmente establecido para as instrucións penais á espera de que se rematen probas periciais pendentes.

O arquivo das investigacións xudiciais constata a dificultade de identificar a autoría dos incendios cando non teñen causas naturais ao tempo que relativiza o alcance de propostas como a do presidente Feijóo de que os responsables sexan xulgados por terrorismo. Por outra banda, tanto a Fiscalía como o Parlamento de Galicia rexeitaron que os incendios da vaga do ano pasado puideran atribuírse a un suposto terrorismo incendiario.

Un incendio preto das casas en Baíña (Baiona) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.