O persoal da CRTVG cumpre cinco meses de protestas contra a "manipulación"

Mobilización do persoal da CRTVG no 23º venres negro Dominio Público Defende A Galega

Cico meses. Son os que leva o persoal da CRTVG mobilizándose nos denominados venres negros, reclamando o cumprimento íntegro da Lei de Medios Públicos aprobada sete anos atrás e denunciando a "manipulación" nos seus contidos informativos. Son xa 23 as xornadas de protesta que, desta vez, reivindican o "servizo público" que supoñen ou deberían supoñer a Radio Galega e a TVG. 

O persoal mobilizado da CRTVG cumpre cinco meses de protestas e o seu 23º venres negro

Foi antes do verán, o 25 de maio pasado, cando persoal da CRTVG decidiu unirse por primeira vez aos venres negros impulsados polos seus compañeiros de RTVE. Fixérano en solidariedade coas súas demandas e para esixir a creación do Consello de Informativos e a fin da devandita manipulación nos medios públicos galegos. Era unha novidosa protesta, na que moitos xornalistas, operarios e demais empregados vestiran de negro e concentráranse na entrada principal das instalacións de San Marcos, así como noutras delegacións, ademais de difundir as súas mensaxes e as súa fotografías vestidos con roupa escura nas redes sociais.

Cinco meses despois, e no 23º venres negro, o loito continúa sendo protagonista logo de que as protestas cesasen na RTVE. E o persoal mobilizado confía en que dea os seus froitos. "O guión do futuro da CRTVG escribímolo os profesionais. Chegarán o Estatuto Profesional, o Consello de Informativos, a reapertura das delegacións pechadas e unha grella plural e comprometida", explican desde o colectivo Defende A Galega, que acusan a dirección da Corporación de "desmantelar, manipular, desmotivar, incumprir a Lei de Medios e eliminar as desconexións locais e o Diario Cultural".

Os profesionais acusan a CRTVG de "desmantelar, manipular, desmotivar, incumprir a Lei de Medios e eliminar as desconexións locais e o Diario Cultural"

A protesta deste venres chegou só uns días despois de que se coñecese o arquivo por parte da CRTVG do expediente aberto á xornalista que criticou ante Feijóo o control informativo nos medios públicos. A dirección dos medios públicos pechou o proceso sancionador contra Tati Moyano entre críticas á vaga de solidariedade coa xornalista, que encadra nun "xuízo mediático e político". Cinco días despois da gala contra o cancro na que a xornalista aludiu ás protestas dos venres negros expedientárona esgrimindo "indicios" de que se maquillara na TVG para presentala.

O persoal en protesta considerou o arquivo do expediente "unha vitoria cunha evidente dimensión colectiva e social", así como "unha derrota para os que intentan silenciar a mobilización dos profesionais dos medios públicos, en permanente estado de resistencia desde hai cinco meses". Nesta loita, ademais, piden "a implicación da sociedade galega". 

A mobilización deste venres encádrase, ademais, na mesma semana na que se coñeceu a terceira condena xudicial á Xunta por vulnerar o dereito a secundar a folga feminista do 8M, dúas delas en referencia á vulneración cometida co cadro de persoal da CRTVG. Nesta mesma semana, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, difundiu unha carta enviada ao director da CRTVG hai unha semana na que reclamaba cobertura sobre a súa actividade no Parlamento Europeo e denunciaba o tratamento informativo que si deron dun chío seu publicado o pasado 30 de xullo. 

© Defende A Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.