O Consello de Europa apaña tamén un informe sobre as "carencias" do galego no Bierzo e Zamora

Pintada a favor do ensino en galego no Bierzo © obierzoceibe.blogspot.com

O Consello de Europa recolle estes días as achegas de diferentes entidades e administracións para a publicación definitiva dun novo informe sobre o grao de cumprimento en Galicia e no Estado da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM). Os tres informes anteriores da entidade foron moi duros coa política lingüística do Goberno de Núñez Feijóo, reclamando máis impulso para o idioma propio, sobre todo na escola, ou criticando o decreto do plurilingüismo ou a "redución" no ensino do galego. A Mesa pola Normalización Lingüística, un dos colectivos que é consultado, presentou este martes as súas conclusións, acusando a Xunta e o Executivo central de seguir vulnerando os dereitos lingüísticos da poboación. Agora, é Fala Ceibe, organización cultural do Bierzo, a que vén de elaborar a súa avaliación sobre a situación en Castilla y León.

O galego, segundo Fala Ceibe, conta con 5.000 falantes en Zamora e uns 30.000 no Bierzo occidental

Nela, analiza as carencias da protección do galego por parte das distintas administracións públicas nun informe que se incluirá en todos os achegados ao Consello de Europa para que este leve a cabo as súas conclusións, logo de que o Estado lle entregase xa a súa análise. Neste caso, faise referencia á situación da lingua galega nunha zona lindeira con Galicia, onde é falada por unhas 5.000 persoas nas Portelas da Alta Seabra, en Zamora, e por unhas 30.000 na parte occidental do Bierzo

Respecto do ensino, Fala Ceibe lembra que desde 2001 pódese estudar galego, de xeito voluntario, nos centros escolares do Bierzo ocidental e das Portelas, pero que, no entanto, "aínda hoxe hai graves carencias". Segundo denuncia, varios centros escolares rurais da zona berciana galegofalante non ofertan aulas en galego. A Junta alega que non hai demanda na comunidae escolar ou que non hai alumnado dabondo. "A solución esixe que o ensino do galego sexa de oferta obrigatoria en todos os centros escolares do Bierzo ocidental", di a entidade, que cre que a lingua galega "debería estar presente en todos os ciclos educativos e eliminar calquera límite mínimo de alumnado para ter dereito a docentes".

Varios centros rurais de áreas galegofalantes non contan con oferta de galego

Alén diso, Fala Ceibe aposta pola reforma do Estatuto de Autonomía de Castilla y León para "acadar o recoñecemento de oficialidade da lingua galega das Portelas e do Bierzo porque só así os falantes deste idioma poderán ter recoñecidos os seus dereitos lingüísticos, individuais e colectivos". Así, considera que o "respecto e protección" estatutaria do galego supón "un insuficiente recoñecemento de mínimos que non axuda á protección do galego no século XXI" e reclama tamén unha Lei de linguas minoriarias. 

O informe tamén repara nos escasos medios técnico persoais e financeiros das diferentes administracións locais do Bierzo para levar a cabo medidas de normalización lingüística do galego e considera que "debería ser o Consello Comarcal do Bierzo quen crease un Sxervizo lingüístico comarcal para fomentar a lingua nos entes locais".

Fala Ceibe reclama o "recoñecemento de oficialidade da lingua galega das Portelas e do Bierzo"

Respecto dos medios de comunicación, aclárase que "non utilizan o galego acotío" e que a lingua "chega ao Bierzo a través dos medios de comunicación de Galicia e pola internet". "Só unha política lingüística de subvencións favorecería o uso parcial do galego neses medios", explica Fala Ceibe, que denucia tamen a "imposición" da toponimia castelá sobre a galegoberciana polas diferentes administraacións, polo que reclama "a recuperación da toponimia tradicional" e a súa "oficialización". 

Por último, o informe reclama que "todos os falantes do galego do noroeste peninsular teñan os mesmos dereitos lingüísticos recoñecidos". Lembra a existencia dun protocolo de colaboración entre Junta e Xunta de Galicia, pero demanda outro que inclúa o Consello Comarcal do Bierzo e un coa Comisión Toponímica de Galicia que permita recuperar os topónimos deturpados.

A ausencia de galego nos medios ou a "imposición" de toponimia castelá son outras das eivas que se denuncian no documento

"Outras institucións de Galicia teñen que amosar máis interese pola problemática lingüística do Bierzo, casos das universidades, Real Academia Galega ou o Instituto de Lingua Galega. Os seus estudos filolóxicos, sociolingüísticos ou históricos deben superar o actual lindeiro político de Galicia para interesarse polos falantes estremeiros veciños, eonaviegos, bercianos e portexos", remata. 

Alumnos de galego no Bierzo CC-BY obierzoceibe.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.