A Fiscalía pide seis anos aos acusados de estafar milleiros de agricultores galegos

Inspección de produtos fitosanitarios © Asaja

A Fiscalía pide penas de até seis anos e medio de cadea para seis implicados na operación Fito, aberta en 2016 no xulgado de Instrución número 4 de Ponferrada contra as empresas Rabcor, Sanea Control e Lucaser pola programación en Vilafranca do Bierzo de cursos de formación para obter o carné de manipulación de fitosanitarios, uns cursos cos que se estafou uns 7.000 agricultores, moitos deles galegos, aos que lles cobraban entre 100 e 150 euros por un carné que non precisaban ou que só eran requiridos para profesionais.  

Empresas cobraban entre 100 e 150 euros por cursos para obter o carné de manipulador de fitosanitarios que só requirían profesionais

Así o adianta a Cadena SER, que aclara que o Ministerio Fiscal cre que se debe xulgar os seis investigados por un delito continuado de estafa e de falidade documental, para os que se piden penas de entre catro e seis anos e pico, ademais da restitución dos cartos estafados. O procedemento abriuse hai dous anos tras unha investigación do Seprona en coordinación coa Fiscalía de Medio Ambiente de Ponferrada e un xulgado do Bierzo, que contaron coa colaboración dos técnicos de Sanidade e Agricultura e Gandería da Xunta e da Junta de Castilla y León. 

As empresas enganaban os agricultores ofertando os cursos de formación e asegurándolles que o real decreto da Xunta de Galicia obrigaba a ter o carné para manipular fitosanitarios baixo ameaza de sancionar economicamente a quen non tivese ese permiso, que só era requirido para profesionais e vendedores. 

Os cursos eran moito máis curtos pero tamén caros que os ofertados en Galicia, que eran escasos 

A obriga provén do Real Decreto 1311/2012 e entrou en vigor en novembro de 2015, polo que moitos profesionais, pero tamén moitos que non o precisaban e ante a escaseza de oferta en Galicia, inscribíronse en cursos on-line que se pasaban en dous días fronte aos varios que requirían outros e que eran moito máis caros. A maioría dos estafados eran persoas maiores, sen ordenador. Así, desde as mesmas direccións IP das empresas contestaban os test con robots informáticos pero os exames constaban como se fosen realizados polos inscritos.

"Chegaban autocares cheos de galegos que non saían nin do Parador Nacional para recibir as clases prácticas", contaba o responsable do sindicato agrario Asaja en Castilla y León, que aseguraba que os monitores contestaban ás preguntas que os asistentes non sabían. 

As propias empresas organizadores ou os monitores contestaban as preguntas que non sabían os inscritos

A Garda Civil comprobou moitas irregularidades nos cursos presenciais da empresa Rabcor, pero tamén implica a galega Lucaser e a asturiana Sanea Control. Ademais, a Fiscalía pide a Xunta e Junta que anulen a validez dos carnés emitidos, unha decisión que recae na Audiencia Provincial de León. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.