CIG e CC.OO. esíxenlle a Educación que rescinda os concertos cos centros que segregan por xénero

O colexio de Monte Castelo, en Vigo © Colexio Monte Castelo

O Tribunal Supremo vén de facer pública dúas sentenzas que determinan que é ilegal que o Estado subvencione, a través de concertos eductivos, os centros de ensino privado que segregan alumnos e alumnas en función do seu xénero, a maior parte vencellados ou dependentes do Opus Dei. Para o Supremo, as axudas públicas a este tipo de centros son incompatibles coa Lei Orgánica de Educación (LOE) de 2006, que determina que na admisión de alumnos no poderá haber “discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición”.

O Goberno de PSdeG-PSOE e BNG aprobou unha norma para a aplicación do réxime de concertos educativos cos centros docentes privados a partir do curso académico 2009-2010, que establecía a prioridade para conceder concertos a aqueles centros que desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas. Porén, unha vez que Alberto Núñez Feijoo chegou ao poder, en agosto de 2009, atendeu as reclamacións dos centros segregadores, que nese mesmo curso recuperaron os seus concertos.

En consecuencia CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que rescinda estes acordos e que destine os cartos ao financiamento do ensino público, “nun momento no que está a padecer todo tipo de recortes e supresión de unidades”.

A CIG leva anos denunciando estes acordos e puxo como exemplo os casos dos colexios Las Acacias, Monte Castelao e Aloya, en Vigo; e Montespiño e Peñarronda na Coruña, que reciben ao redor de tres millóns de euros de subvencións

A CIG leva anos denunciando estes acordos e puxo como exemplo os casos dos colexios Las Acacias, Monte Castelao e Aloya, en Vigo; e Montespiño e Peñarronda na Coruña, que reciben ao redor de tres millóns de euros de subvencións a través destes concertos. A CIG-Ensino presentou tamén un recurso perante o Supremo para o que agarda unha sentenza similar as que xa se teñen ditado para as recibidas dende Andalucía e Cantabria. Por iso, Anxo Louzao, máximo responsable do sindicato, agarda que a rescisión dos concertos con estes centros se faga efectiva xa para o vindeiro curso escolar.

O mesmo espera CC.OO., quen a través de Machús Fernández, secretaria Xeral de CCOO-Ensino, manifestou a súa confianza en que estes centros privados deixen de segregar os alumnos en función do seu xénero.

Louzao afirma que sentenza evidencia que o PP actúa de “maneira partidista e en base a criterios ideolóxicos” e non co obxectivo de preservar un modelo educativo igual para todos. E engadiu: “Estamos ante un modelo de centros reaccionario, nas antípodas do que debe ser a educación coeducativa e que nin sequera permite a educación mixta, na medida en que estes centros non escolarizan alumnado de distinto xénero. Modelos educativos superados desde o franquismo que van en contra da organización democrática dunha sociedade, dos principios pedagóxicos de igualdade e de coexistencia e non de crear roles diferentes segundo o xénero”.

De igual xeito, Machús Fernández, de CC.OO., considera que "agora por fin resólvese unha situación lamentable, que ía en prexuízo da calidade do ensino, e co agravante de contar con financiamento público para un modelo de ensino segregador propio do franquismo e no dunha sociedade avanzada"

Anxo Louzao, á dereita, responsable de CIG-Ensino © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.