A Fiscalía investiga xa un posible delito medioambiental na xestión do vertedoiro de Grixoa

Residuos no vertedoiro de Grixoa © Plataforma Stop Vertedoiro Santiago

A seis quilómetros do centro de Santiago, no espazo deixado pola antiga canteira de Miramontes en Grixoa, existe un complexo de tratamento de residuos formado por un vertedoiro (dende 2008) e unha planta de elaboración de solos artificiais, tamén coñecidos como tecnosolos (dende 2015) e que xa foi clausurada cautelarmente. Presentado como  un plan para a recuperación medioambiental, o furado existente foise enchendo con cascallos da construción e restos da propia canteira, pero desde hai máis de dous anos, a veciñanza denuncia os efectos negativos deste complexo, o uso diferente ao inicialmente previsto e a chegada de lixo e refugallos de todo tipo e sen excesivo control. 

Denunciada a situación mesmo nun documental, a Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago apañou apoios e documentación e presentou unha denuncia á que se foron adherindo posteriormente diferentes entidades, persoas e o propio Concello compostelán. Agora, a Fiscalía de Medio Ambiene vén de abrir dilixencias de investigación por un posible delito medioambiental na xestión do espazo

A Fiscalía entende que os feitos descritos na documentación achegada pola empresa ou pola inspección da Xunta "poden ser indiciarios de delito"

A Fiscalía considera que os feitos descritos tanto pola plataforma como nas actas de inspección da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, no  proxecto construtivo do vertedoiro e noutra documentación achegada pola propia empresa á Xunta “poden ser indiciarios dun delito contra o medio ambiente no seu aspecto comisivo ou omisivo". Así, á vista do aportado, "estima imprescindible para a súa investigación a práctica dunha serie de dilixencias” polos presuntos incumprimentos moi graves da autorización ambiental integrada do vertedoiro de Miramontes

A documentación alerta de residuos prohibidos, da falta de control, da non separación ou da presenza de máis materia orgánica da permitida

Entre eses incumprimentos avalados por actas de inspección incluiríase a presenza de residuos prohibidos e líquidos no vertedoiro, falta de control visual antes da descarga dos camións, deficiente xestión no rexeitamento de residuos, inexistencia de recollida ou separación de fraccións de residuos valorizables ou a entrada de residuos con maior carga orgánica á permitida legalmente. Segundo a documentación achegada, a porcentaxe de materia orgánica que estivo entrando no vertedoiro --que é de residuos industriais non perigosos e non biodegradables-- tería sido moi superior ao límite do 10% considerado no seu proxecto construtivo, “incumprindo coa Autorización Ambiental Integrada e poñendo en perigo a seguridade construtiva do vertedoiro”.

"Se non se cumpren as previsións legais, un vertedoiro dimensionado conforme á lexislación vixente para admitir residuos dunha determinada natureza, convértese nun perigo ambiental, pois nin a seguridade do propio vertedoiro, a emisión de gases e combustión, a  xestión de lixiviados e outros efectos paralelos e nocivos, ( cheiros, por exemplo), converten unha solución ambiental, como debe ser un vertedoiro de residuos, nun problema ambiental”, aclárase. 

Imaxe do vertedoiro de Grixoa en 2017 / © Plataforma Stop Vertedoiro Santiago

A Fiscalía sinala na súa resolución que, “ademais da empresa responsable, corresponde ás administracións públicas o control das actividades potencialmente contaminantes ou perigosas, polo que é preciso coñecer o estado dos expedientes, sancionadores, de reposición da legalidade, plans de actuación, ou calquera outro que a autoridade ambiental incoara ou realizara en relación ás actas de inspección ou ao programa de vixilancia ambiental”. Así,  solicita á Xunta a información sobre as medidas adoptadas, ao Concello de Santiago a información sobre as posibles queixas e denuncias polos cheiros ou o tráfico de camións pesados e sobre as actuacións da Policía Local respecto ao vertedoiro e dos bombeiros en relación aos incendios rexistrados neste. Mesmo pide informes á Garda Civil sobre as incidencias e denuncias e as medidas encamiñadas a restaurar a seguridade da zona e o tráfico, con relación ao tránsito de vehículos ao vertedoiro. 

A plataforma veciñal asegura que a empresa segue a operar de maneira irregular no vertedoiro malia as denuncias

Segundo a plataforma veciñal, os camións que van ao vertedoiro "circulan de forma irregular por un vía rural limitada a 5,5 toneladas de peso". Ademais, en declaracións a Praza.gal, lembran que, á marxe do peche cautelar da planta de tecnosolos, a situación no vertedoiro de Miramontes "está exactamente igual que cando o denunciamos no primeiro momento". "Malia todas as dúbidas, denuncias e evidencias que hai, a empresa continúa a operar do mesmo xeito, saltándose moitas leis", explican. 

O colectivo amósase "esperanzado" e considera "moi positiva" a apertura das dilixencias porque á fin se poderán "investigar e aclarar" os feitos que levan anos denunciando. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.