0 Gardados para despois

Luz Campello: "O médico xa non é o único referente do sistema sanitario. Cómpre reforzar a relación do traballo social"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O edificio docente Novoa Santos, situado a carón do CHUS compostelán acolle este venres a III Xornada de Traballo Social e Saúde, baixo o título de "As persoas por diante". O Colexio de Traballo Social (COTSG), a Asociación Española de Traballo Social e Saúde (AETSyS) e a USC colaboran na organización do evento, promovido polo Servizo Galego de Saúde.

Durante todo o día xefes e xefas de servizo de centros sanitarios de toda Galicia e numerosos profesionais do sector participarán nos debates e mesas redondas, centradas nos temas da continuidade dos coidados desde que unha persoa ingresa no hospital, a coordinación entre os distintos ámbitos do sistema de saúde e as relacións entre o sistema sanitario público e o terceiro sector. O COTSG salienta que o obxectivo é “achegar coñecemento e formación aos profesionais da saúde" e, igualmente, "concienciar do indispensable da figura da traballadora social nos distintos ámbitos da saúde".

"Buscamos chamar a atención sobre o noso papel como traballadores sociais no sistema sanitario. Non somos servizos sociais, somos profesionais da saúde"

Ademais, presentaranse os resultados de varias experiencias de intervención comunitaria e de posta en valor do traballo social sanitario. Falamos con Luz Campello, traballadora social do CHUAC e delegada da AETSyS.

É necesario afianzar o papel do traballo social sanitario? Non está suficientemente recoñecido e integrado no sistema de saúde e nos seus procesos?

Buscamos chamar a atención sobre o noso papel como traballadores sociais no sistema sanitario, no que facemos o noso traballo sen o necesario recoñecemento como persoal sanitario. Non somos servizos sociais, somos profesionais da saúde. Isto sitúanos nas marxes do sistema, sen a posibilidade de acceder a espazos onde se toman as decisións e sen poder achegar o noso coñecemento e a nosa relación directa e continua cos pacientes, de cara a conseguir unha mellora do sistema. Reclamamos que se poñan no centro ás persoas, que é algo que ás veces se perde de vista.

"As persoas somos un todo: A perda de saúde e a enfermidade están moi relacionadas co social e tamén o está a recuperación"

A atención sanitaria vai moito máis aló dun tratamento médico aplicado nun momento dado para facer fronte a unha doenza?

As persoas somos un todo, é dicir, a perda de saúde e a enfermidade están moi relacionadas co social e tamén o está a recuperación. O social sempre quedou como o irmán pobre do sistema sanitario, pero é algo fundamental para evitar enfermidades. Nós axudamos as persoas tanto a previr que enfermen como, despois, no proceso de coidados. Axudamos tamén a que entendan mellor o funcionamento do sistema sanitario. Temos que traballar de forma coordinada para que cada persoa na súa autonomía teña os medios e teña información para contar cunha mellor saúde.

Non é boa a coordinación neste momento?

Unha das mesas da xornada fala da continuidade asistencial e aí vanse tratar todas as cuestións ligadas á coordinación. Cada vez máis enténdese que para optimizar os recursos sanitarios e para mellorar a saúde da poboación temos que traballar coordinados. Temos que traballar en rede, para dar resposta a problemas de saúde marcados cada vez máis pola cronicidade. Esta coordinación debe darse entre os distintos niveis da atención sanitaria: primaria, especialidades..., e tamén entre o sistema sanitario e os servizos sociais, o sistema educativo, o ámbito laboral...

"A mellora do sistema sanitario permítenos vivir máis anos con enfermidades crónicas que antes provocaban a morte. Isto xera unha serie de problemas novos -cronicidade, soidade...- relacionados co coidado. O que é un éxito non podemos permitir que se converta nun fracaso"

O sistema sanitario e a sociedade no seu conxunto están preparados para o actual contexto de envellecemento e de cronicidade das enfermidades?

Non creo que esteamos preparados. É un dos grandes retos que temos que enfrontar. A propia mellora do sistema sanitario e outros factores permítennos vivir máis anos con enfermidades crónicas que antes provocaban a morte. Isto xera unha serie de problemas novos -cronicidade, soidade...- relacionados co coidado, nun contexto no que os fogares son cada vez máis pequenos en número de persoas. E o que é un éxito non podemos permitir que se converta nun fracaso. Temos que prepararnos para esta nova maneira de enfermar, para esta nova demanda sanitaria que xa non se caracteriza tanto polos ingresos de agudos, senón que demanda máis outras cuestións, relacionadas con calidade de vida e non con curación. Isto significa que gañan peso algúns profesionais: enfermería, fisioterapia, psicoloxía, traballo social... O médico xa non é o único referente do sistema sanitario. Temos, ademais, que escoitar máis ás persoas: as relacións cos profesionais son xa máis horizontais, máis igualitarias. Temos que informalas e axudar a que tomen as súas decisións.

"Temos que prepararnos para esta nova maneira de enfermar, unha nova demanda sanitaria que non se caracteriza tanto polos ingresos de agudos, senón por outras cuestións relacionadas con calidade de vida"

Outra das mesas tratará a relación entre o sistema de saúde e o terceiro sector. Como debe ser esta relación?

O terceiro sector, que engloba asociacións, fundacións, coordinadoras..., medrou moitísimo e a súa función pasou de ser máis reivindicativa, como era hai anos, a ser máis corresponsables na solución de determinados problemas, sobre todo en relación con cuestións moi específicas que afectan a determinados grupos poboacionais. Preocúpanos como integrar todo isto, e aí o traballo social sanitario cumpre un papel moi importante. Sempre estivemos aí, buscando que pacientes e familias acadasen dereitos e servizos e seguramente neste momento temos que dar un paso adiante e colocarnos nun papel de interlocutores entre o sistema sanitario e o terceiro sector, liderando esa relación.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.