Alerta pola "insuficiente" protección que prevé a Xunta para os parques do Invernadeiro e Enciña da Lastra

Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra © Turgalicia

Dende hai uns días atópanse en exposición pública os borradores dos Plans Reitores de Usos e Xestión (PRUX) dos parques naturais do Invernadeiro e da Serra da Enciña da Lastra, ao igual que o do Parque Natural de Corrubedo. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) realizou unha análise de ambos os dous documentos, alertando de numerosas eivas e dunha insuficiente protección: dende prácticas e actividades prohibidas pola lei ao escaso financiamento previso para o funcionamento destes espazos de enorme valor medioambiental.

"A apertura de novos desmontes, gavias ou viarios debera estar prohibida no interior do Parque Natural", sinala

En relación ao PRUX do Parque Natural de Enciña da Lastra, a SGHN destaca que "resulta inadmisible" que non se atopen prohibidos "os cambios de usos que supoñan a desaparición ou diminución significativa do estado de conservación dos tipos de hábitats de interese comunitario ou dos hábitats das especies de interese para a conservación". E igualmente, reclama a prohibición da fumigación con equipos aéreos, da liberación no medio natural de organismos modificados xeneticamente ou dos depósitos de lodos de depuradoras industriais ou urbanas.

En canto ao Parque Natural do Invernadeiro, a entidade subliña que "a apertura de novos desmontes, gavias ou viarios debera estar prohibida no interior do Parque Natural", algo que o PRUX non fai. Ademais, aposta pola substitución a medio-longo prazo da actual devasa perimetral por unha faixa de vexetación protectora menos inflamable e moito menos impactante na paisaxe que a devasa actual de largura desmesurada. A SGHN bota en falla "un plan para reducir a profusión de devasas e pistas forestais que nalgúns casos deseñáronse sen adoptar adecuados criterios de funcionalidade e mitigar os seus efectos negativos no parque". Ademais, pide limitar "o número e a velocidade dos vehículos que circulan polo parque para minimizar o atropelo de fauna".

"A circulación e aparcadoiro sobre hábitats de interese comunitario non debería ser autorizado nin siquera excepcionalmente", di

De igual xeito, sinala que "as probas deportivas deberían estar prohibidas no interior do Parque Natural" e que "a circulación e aparcadoiro sobre hábitats de interese comunitario ou sobre os hábitats das especies de interese para a conservación non debería ser autorizado nin siquera excepcionalmente". Finalmente, engade que "o voo de aeronaves a menos de 1000 m de altitude non debería ser un uso autorizable".

Parque Natural do Invernadeiro | CC BY-SA | Dorfun

 

Escaso gasto anual na xestión dos parques

Sinala que o gasto previsto resulta "insuficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos de conservación e xestión do Parque"

Nas súas alegacións aos dous documentos, a SGHN amósase tamén crítica coas estimacións económicas realizadas polo goberno galego para a xestión de ambos os dous parques: uns 37 euros por hectárea e ano no Parque Natural Serra da Enciña da Lastra e 27 euros por hectárea e ano para o Parque Natural do Invernadeiro. "Esta cifra resulta insuficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos de conservación e xestión do Parque", subliña a entidade, que engade que o investimento debería situarse entre os 70 e os 114 euros. Conclúe que o gasto previsto no PRUX do Invernadeiro é un 39% do gasto medio que se ven facendo nos espazos protexidos de España, unha cifra que no caso do PRUX da Enciña da Lastra fica no 52%.

A SGHN denuncia "o progresivo desmantelamento que foi sufrindo a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, na cal se eliminaron todos os directores dos Parques Naturais"

A entidade comenta, neste senso, que "resulta curioso" que nesta estimación de custos da Enciña da Lastra non se inclúe ningunha imputación dos salarios do persoal dedicado á xestión e dirección do Parque Natural, dende os Axentes Medioambientais, técnicos da administración, ou mesmo a Dirección do espazo. "Esto pode deberse a que en realidade a Xunta non pode prever que se vai destinar unha carga de traballo por parte do persoal propio durante os 6 anos de vixencia do PRUX, debido ao progresivo desmantelamento que foi sufrindo a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, na cal se eliminaron todos os directores dos Parques Naturais".

Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra | Xabier Vázquez Pumariño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.