Inspección de Traballo ratifica as "graves" irregularidades laborais en Proxecto Home

Ramón Gómez Crespo e Francisco Conde, nun centro de Proxecto Home © Xunta

O pasado mes de outubro, CCOO sacou á luz graves irregularidades e duras medidas que contra o cadro de persoal se estarían producindo en Proxecto Home Galicia. Varias traballadoras, a través do sindicato, denunciaban "explotación e persecución laboral" nunha entidade que leva a cabo un importante traballo social con persoas drogodependentes ou con problemas de alcoholismo e outras dependencias no país.

Traballadoras do Proxecto Home, a través de CCOO, denunciaron "explotación e persecución laboral" e graves irregularidades na entidade

Advertían de que no último ano a Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia deixara de pagar algúns salarios nas condicións establecidas no convenio, modificara de xeito unilateral os horarios dalgún centro, pechara sedes, destituíra coordinadores, forzara traslados de persoal ou vetara cambios de quendas entre compañeiras. CCOO denunciaba que a entidade aplicara durante anos un regulamento interno que servía para rebaixar as condicións laborais e levou o caso á Inspección de Traballo que, segundo adiantaba, avalaba as súas denuncias. Pero faltaba o informe oficial.

O persoal advertiu de peches de sedes, impagos e destitucións en represalia pola demanda do cumprimento do convenio

Por iso, desde a entidade negábase calquera irregularidade e instábase os representantes das traballadoras a amosar os informes. "Que acheguen toda esa documentación se é que a teñen", dicían desde a Fundación, que acusaba o persoal de "querer instrumentalizar e mediatizar". A documentación chegou xa e ratifica moitas das irregularidades denunciadas. "Deixa en evidencia as mentiras da xerencia", advirte CCOO. 

É un informe da Inspección de Traballo da provincia da Coruña, á espera de que chegue o de Pontevedra, que confirma as denucias sindicais e insta a empresa a cumprir o convenio colectivo. O oficio, ao que tivo acceso Praza.gal, é contundente contra Proxecto Home e acúsao, por exemplo, de non pagar a totalidade do salario durante as baixas médicas, algo que a entidade negara nos medios pero que recoñeceu mesmo ante a autoridade laboral. 

A Inspección de Traballo vén de ratificar as denuncias do persoal nun contundente informe contra Proxecto Home

"Compróbase que a empresa non aplicou o disposto no artigo 52 do convenio colectivo, ao non complementar a prestación ata as porcentaxes fixadas nel", di Juan Zas, secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos. Así, a Inspección emite un requirimento para que se proceda a "complementar ata a porcentaxe indicada no convenio [...] a prestación de IT [incapacidade temporal], debendo ingresar as diferenzas de cotización resultantes", algo que, segundo o sindicato, traducirase "en moitos miles de euros".

Ramón Gómez Crespo, director de Proxecto Home-Galicia asina un convenio con Rey Varela / © Xunta

Pero hai moito máis. A Inspección corrobora que Proxecto Home contrataba "terapeutas en formación" que eran encadrados na mesma categoría profesional que persoal de conserxaría, limpeza ou atención telefónica. "En ningún dos devanditos postos [...] se leva a cabo labor ningún de intervención social", di a autoridade laboral, que abre a porta a que se denuncie a cuestión ante a Xustiza. 

A autoridade laboral acusa a entidade de non pagar todo o salario durante as baixas, de contratar a dedo ou de rebaixar con cláusulas as condicións laborais

Ante as supostas promocións a dedo, Inspección insta a aplicar o convenio no relativo á provisión de vacantes e postos de nova creación, que se han rexer "polos principios de igualdade de oportunidade, transparencia, publicidade e competencia técnica". E tamén ratifica a denuncia sobre cláusulas nos contratos que rebaixaban as condicións respecto do convenio, polo que pide que se anulen "por contraviren a norma legal ou convencional". 

En canto aos excesos de xornada e de horas extras, a Inspección é tamén dura tras constatar que, durante 2017, os traballadores monitores de noite superaron o máximo de 80 horas extras anuais, polo que "se procede a iniciar procedemento sancionador pola comisión dunha infracción grave". E insta tamén a empresa "ao pagamento dos salarios resultantes e das diferenzas de cotización".

Inspección tamén advirte da superación das horas extras ou de atacar a liberdade sindical

A autoridade laboral tamén pide á entidade que cumpra a lei respecto da liberdade sindical e poña a disposición dos centrais un taboleiro de anuncios "que deberá situarse no centro de traballo e nun lugar onde se garanta un axeitado acceso a el" e emite un requirimento para que a empresa "cumpra coas súas obrigas de información, consulta e participación previstas" no Estatuto dos Traballodores e nas "demais normas concordantes".

Refírese ao dereito da representación legal do persoal a ser informada de todas aquelas cuestións que poidan afectar tanto aos traballadores e traballadoras como sobre a situación da empresa ou do emprego nela. E lembra que o comité de empresa ten dereito a coñecer o balance, conta de resultados, memoria, modelos de contratos de traballo ou sancións impostas por faltas moi graves. 

CCOO lembra que o comité ten dereito a emitir un informe previo antes da execución de calquera medida sobre as reestruturacións de persoal, reducións de xornada, traslado total ou parcial das instalacións ou calquera outra incidencia que poida afectar ao volume de emprego, tales como as que se levaron a cabo en Proxecto Home. 

CCOO di que o informe "deixa en evidencia as mentiras" da xerencia de Proxecto Home, "que avanza cara ao colapso"

O sindicato considera que o informe da Inspección ratifica as irregularidades denunciadas nun "importantísimo" proxecto social que "avanza inexorablemente cara ao colapso por culpa dunha única persoa", en referencia a Ramón Gómez Crespo, director de Proxecto Home-Galicia. O sindicato non descarta "esixir responsabilidades" ao padroado da fundación, como responsables últimos da situación. "Se non son capaces de garantir a súa viabilidade deben permitir que outras persoas asuman as funcións", remata Juan Zas. 

Fragmentos do informe da Inspección de Traballo © CCOO-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.