"Esíxese a perfección ás traballadoras do fogar, pero esa perfección non se aplica á hora de pagar"

Manifestación feminista en Vigo, o pasado 8 de marzo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Algo máis de 26.000 persoas (o 95% mulleres) están inscritas legalmente en Galicia no réxime especial para empregadas do fogar da Seguridade Social. Porén, calcúlase que máis de 70.000 mulleres se dedican laboralmente ao traballo do fogar e coidados. En realidade, a cifra é só un cálculo aproximado, pois o sector carece de estudos en profundidade e unha boa parte destas mulleres continúa a realizar o seu labor nunha situación de invisibilidade: sen contratos, sen dereitos, con gran precariedade, sen organización e sen voz. Este venres e sábado Compostela acolleu as xornadas Traballo digno, no fogar e nos coidados, impulsadas polo Concello de Santiago e organizadas por Carmen Castro e Paula Ríos, co obxectivo de "visibilizar e investigar sobre a realidade de discriminación e vulneración" na que se atopan as mulleres dedicadas ao chamado traballo doméstico.

Calcúlase que máis de 70.000 mulleres se dedican laboralmente ao traballo do fogar e coidados en Galicia, pero só 27.000 están dadas de alta na Seguridade Social

Na xornada participaron representantes de asociacións e sindicatos que dende hai anos loitan pola equiparación dos dereitos laborais destas mulleres cos do resto dos traballadores, como XiaraSindihogar/Sindillar, Traballadoras do fogar en loita, Kellys Unión Galicia ou SEDOAC. Debullouse o actual marco legal, as principais problemáticas que sofren e as súas reivindicacións máis urxentes. Tamén se afondou nos problemas engadidos que deben superar as mulleres migrantes, que representan un grupo significativo dentro das traballadoras do fogar, da man de colectivos como Afrogalegas, Malen Etxea ou ATH Zaragoza.

Unha das mesas de debate das xornadas celebradas esta fin de semana en Compostela | Carmen Castro

No ano 2011 o Real Decreto 1620/2011 regulou por primeira vez a relación laboral do traballo do fogar, que facía obrigatoria a realización de contratos por escrito e o ingreso das súas cotizacións á Seguridade Social por parte dos empregadores, fixando un período transitorio ata o ano 2019 para completar a equiparación da cotización das traballadoras domésticas coa base mínima de cotización de Réximen Xeral e a cotización polos seus salarios reais.

O decreto de 2011 facía obrigatoria a realización de contratos por escrito e o ingreso das súas cotizacións á Seguridade Social por parte dos empregadores

A norma, que fixaba un salario mínimo, era restritiva e insuficiente noutros asuntos, pois non lles outorgaba a estas traballadoras o dereito ao seguro por desemprego, non limitaba a xornada laboral a 40 horas e non recoñecía a realización de horas extraordinarias. Ademais, ficaba fóra o recoñecemento de enfermidades laborais ou do dereito a acollerse a baixas por maternidade. A chegada do PP ao Goberno, un ano despois, limitou aínda máis a norma, cun novo decreto que eximía os empregadores de dar de alta ás empregadas que traballasen para eles menos de 60 horas ao mes, permitindo que nestes casos fosen as propias traballadoras quen realizasen a alta/baixa do sistema e o pagamento de cotas.

 

"A maioría da xente que traballa por horas está sen asegurar"

"A reforma do 2011 foi un pequeno avance que se conseguiu grazas á presión histórica de organizacións de empregadas do fogar e ás recomendacións que chegaban a OIT. Houbo tímidas melloras, a xente comezou a dar de alta e a interesarse polo tema" explica Teresa Rodríguez Vilaseco, da Asociación Xiara. Porén, alerta de que "por desgraza segue existindo moita precariedade, pois o que vemos é que a maioría da xente que traballa por horas está sen asegurar, a pesar de que a lei di que hai que facelo". "Outro tema é o das internas, que teñen outro tipo de problemas e a súa situación é moi difícil de controlar, e nas que se dan casos de explotación extrema", engade. "Ademais, a contrarreforma do 2012 foi moi negativa", explica. "Que sexan as propias traballadoras quen se fagan cargo do pagamento das súas cotas á Seguridade Social implica moitas veces que o teñan que facer reducindo o seu propio salario", di.

"Inspección de Traballo non sempre pode actuar cando hai un problema, porque son situacións que se producen no interior dun fogar, nun entorno privado"

Teresa Rodríguez critica tamén a falta de control existente: "Inspección de Traballo non sempre pode actuar cando hai un problema, porque son situacións que se producen no interior dun fogar, nun entorno privado". "Hai poucos recursos, poucos inspectores, e se noutros sectores hai xa pouco control, no emprego doméstico este non existe, directamente", di. "Coa crise a situación empeorou áínda máis: menos salarios, máis traballo sen contratos, menos control", engade.

Documental "Esquecidas" (Asociación Xiara)

"Este é un traballo individual, porque non hai contacto entre unhas e outras mulleres. O traballo faise de portas adentro nas casas, en soidade e os únicos espazos de contacto entre elas son as asociacións coma a nosa"

A isto únese a absoluta precaridade na que traballan moitas das mulleres, o que dificulta a realización de denuncias. E tamén a súa soidade e desprotección, produto dunha situación de invisibilidade e de falta de organización sindical. "Este é un traballo individual, porque non hai contacto entre unhas e outras mulleres. O traballo faise de portas adentro nas casas, en soidade e os únicos espazos de contacto entre elas son as asociacións coma a nosa, ou entidades de carácter social como Cruz Vermella ou Cáritas", explica a representante de Xiara. "Non hai patronal. A patronal é cada familia, polo que a negociación é sempre individual tamén", di.

Dende Xiara leva tempo reclamándose que a Xunta leve a cabo un estudo en profundidade para coñecer a situación do sector, cantas mulleres traballan realizando estes labores e como son as súas condicións. "Sería positivo que fose obrigatorio rexistrarse como empregador para poder contratar unha traballadora do fogar. Serviría para visibilizar a situación e tamén como mecanismo de control das condicións laborais de cada unha das empregadas domésticas", di.

O que nos din as cifras oficiais é que en Galicia hai algo menos de 27.000 persoas rexistradas no réxime especial de empregadas do fogar. 557 son homes e o resto mulleres, case un 98%. Porén, a realidade é que son maioría as traballadoras que non están dadas de alta na Seguridade Social, sobre todo aquelas que realizan unhas poucas horas ao mes para unha ou outra familia, ou para unha ou outra comunidade de veciños. A entrada en vigor do decreto que obrigaba á regularización de todas estas empregadas domésticas fixo que o número de persoas inscritas neste réxime da Seguridade Social se incrementase notablemente entre 2011 e 2013. Porén, dende entón permanece estancado.

O 52% das traballadoras do fogar rexistradas teñen máis de 50 anos e o 82% ten máis de 40 anos

Máis de tres mil (3.150) son estraxeiras, un 11,5%. Porén, un gran número de mulleres migrantes que realizan este tipo de traballo non están dadas de alta na Seguridade Social, polo que é probable que a proporción de traballadoras nacidas noutros países sexa aínda maior. Por idade, chama a atención que o 52% das traballadoras do fogar teñen máis de 50 anos e o 82% ten máis de 40 anos. A proporción de empregadas domésticas de máis idade incrementouse nos últimos anos: no ano 2002 as maiores de 40 anos eran o 72%, dez puntos menos que na actualidade.

 

A igualdade de dereitos que non chega

Non teñen dereito ao cobro do paro cando quedan sen traballo, están excluídas expresamente da Lei de Riscos Laborais e xubílanse cunhas pensións mínimas

As mulleres que realizan traballo do fogar e de coidados teñen polo xeral salarios moi baixos, ao redor do salario mínimo en moitos casos, e mesmo por debaixo, se traballan por horas nun e noutro lugar. Porén, a estas malas condicións económicas únense outros elementos de precariedade non resoltos polo decreto aprobado en 2011. Non teñen dereito ao cobro do paro cando quedan sen traballo, están excluídas expresamente da Lei de Riscos Laborais ou tamén do Fondo de Garantía Salarial (FOGASA). Ademais, os baixos salarios e cotizacións leva a que estas mulleres se xubilen cunhas pensións moi baixas, próximas ao mínimo legal.

A emenda 6777 de PP e Ciudadanos ao proxecto de Orzamentos Xerais postergou a equiparación de dereitos ata o ano 2024. PSOE e Podemos pactaron posteriormente incluír a equiparación nos Orzamentos de 2019, aínda bloqueados.

Aquel decreto de 2011 fixaba o 1 de xaneiro de 2019 como data límite para a equiparación de dereitos entre as traballadoras do fogar e o resto dos traballadores e traballadoras. Porén, hai uns meses unha emenda (a emenda 6777) de PP e Ciudadanos ao proxecto de orzamentos xerais do Estado realizado polo Goberno de Mariano Rajoy (e aprobado finalmente polo novo Goberno de Pedro Sánchez) postergou esa equiparación ata o ano 2024. Posteriormente, o acordo ao que PSOE e Unidos Podemos chegaron para a aprobación dos Orzamentos de 2019 (de momento bloqueado pola falta de apoios doutros grupos) incluía o compromiso para a equiparación "ao longo de 2019", recuperando a previsión inicial. Tamén incorporaba o compromiso de ratificar en 2019 o Convenio número 189 da OIT sobre as empregadas e empregados domésticos, que permitiría dotalas de todos os dereitos comúns ao resto de traballadores.

"Queremos ter acceso a unha xubilación digna. Queremos poder coller baixas por enfermidade e baixas por maternidade, ás que neste momento non temos acceso"

"A emenda 6777 foi unha burla, unha ofensa", denuncia Rocío Echevarría, representante do sindicato Sindihogar/Sindillar, barcelonesa nacida en Perú. "O único que pedimos é a equiparación do noso réxime de cotización ao do resto dos traballadores, queremos ter os mesmos dereitos que calquera outra traballadora", explica. "Queremos ter acceso a unha xubilación digna. Queremos poder coller baixas por enfermidade e baixas por maternidade, ás que neste momento non temos acceso", reclama. "Queremos que a nosa xornada laboral se limite a 40 horas semanas. Temos compañeiras no sindicato que traballan de internas e que están dispoñibles 24 horas ao día. Non son recoñecidas, non son valoradas, non teñen tempo libre e parece que ata teñen que dar as grazas por contar con aloxamento ou manutención", di.

"As mulleres migrantes estamos atadas a unha lei de estranxeiría radical que nos condena a ter que pasar tres anos sen poder obter un contrato de traballo", denuncia Rocío Echevarría

A situación é aínda máis complicada no caso das mulleres migrantes, que son unha parte moi importante das traballadoras, sobre todo nas cidades. "As mulleres migrantes estamos atadas a unha lei de estranxeiría radical que nos condena a ter que pasar tres anos sen poder obter un contrato de traballo", denuncia Rocío Echevarría. "Vémonos empurradas a ter traballos na economía mergullada", alerta e quéixase de que "non se nos valora como traballadoras aportantes á sociedade, fundamentais para o desenvolvemento económico da sociedade española. Consumimos nos nosos barrios e pagamos impostos todos os días". "Buscamos visibilizarnos e, sobre todo, facer visible o feito de que as mulleres migrantes contribuímos decisivamente a esta sociedade en todos os aspectos", di.

Manifestación de traballadoras do fogar en Madrid | CC BY-NC-SA | Olmo Calvo

 

Quen coida ás coidadoras?

"Estáselle dando cada vez máis importancia ao coidado destas persoas, por iso tamén reclamamos que se nos dea importancia ás persoas que as coidamos, que se nos valores e se nos dean condicións dignas"

O traballo de coidados é cada vez máis importante. Son estas mulleres quen se ocupan en moito caso de garantir unha vellez digna ás persoas maiores, ou de coidar a nenos, nenas e persoas dependentes. "Nós entramos nos fogares para suplir necesidades básicas das familias, como é o coidado, a limpeza, a alimentación. Funcións que non son suficientemente valoradas", lembra Rocío Echevarría. "Estáselle dando cada vez máis importancia ao coidado destas persoas, por iso tamén reclamamos que se nos dea importancia ás persoas que as coidamos, que se nos valores e se nos dean condicións dignas", subliña.

Tamén Teresa Rodríguez (Xiara) incide nesta cuestión: "Que consideración social ten este traballo dos coidados ou o da limpeza? Ningún. Parece que calquera o fai, que non ten importancia, que o fai que non ten cualificación, que non pode facer outra cousa. Pero os coidados non os fai calquera", destaca. "Os coidados son un dereito universal, básico, ao igual que a saúde, a alimentación ou a educación. Todo o mundo ten que ter acceso a uns coidados dignos. E en cambio a realidade é que hoxe está correctamente coidado só quen o pode pagar", di. "Hoxe esíxese a perfección ás traballadoras do fogar (“quero unha persoa de confianza”, dise), pero esa perfección non se aplica á hora de pagar", denuncia.

Teresa Rodríguez: "Se o 90% dos traballadores fosen homes, todos os problemas que denunciamos estarían xa solucionados"

E ambas as dúas destacan a importancia do factor de xénero nesta cuestión, nun sector absolutamente feminizado, con máis dun 90% de mulleres traballando nel. Rocío Echevarría afirma: "Se na nosa situación houbese un 90% de homes e non un 90% de mulleres, os cambios irían moito máis rápidos". Unha idea que reafirma Teresa Rodríguez: "Se o 90% dos traballadores fosen homes, todos os problemas que denunciamos estarían xa solucionados".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.