40 anos do 78: Adaptación e renuncias da dereita e da esquerda no proceso de Transición

Asemblea obreira en Vigo nos anos 70 © Fundación 10 de marzo

O 6 de decembro de 1978 someteuse a referendo o proxecto de Constitución, piar fundamental do proceso de reforma política, e un dos momentos clave da Transición, xunto coa morte de Franco, a aprobación da Lei para a Reforma Política (15 de decembro de 1976), as primeiras eleccións lexislativas (15 de xullo de 1977) e as primeiras eleccións municipais (3 de abril de 1979). Este xoves celébrase, polo tanto o 40 aniversario dese momento, que deu carta de natureza legal ao proceso e que configurou a estrutura sobre a que nos anos seguintes se construíu o actual sistema democrático.

A pasada semana o grupo Hispona (Historia Política e dos Nacionalismos) da USC organizou o encontro Arredor do 78: xornadas de reflexión e debate sobre a Transición, coordinado polo profesor Emilio Grandío, no que expertos e investigadores debullaron diferentes aspectos do proceso de Transición Política. As xornadas abríronse cunha conferencia dobre, a cargo do propio Grandío e mais de Julio Prada (Universidade de Vigo), que analizaron a realidade das esquerdas e dereitas nese momento e os procesos de cambio e adaptación que en cada caso tiveron que realizar.

"[A dereita] tiña claro que o Franquismo non podía sobrevivir unha vez morto Franco, e que era necesario un cambio. Había que decidir como pilotar a reforma, que ritmo debían seguir os cambios e a intensidade dos mesmos"

"O primeiro que hai que ter claro é que non había unha única dereita. Atopamos ata cinco grupos conservadores: o que chamamos 'dereita nostálxica', o bunker, que sempre se mantivo contraria a calquera proceso de reforma; o grupo dos azuis; o grupo Tácito; a dereita neofranquista; e, finalmente, os seguidores de Fraga. Agás o primeiro grupo de nostálxicos, o resto tiña claro que o Franquismo non podía sobrevivir unha vez morto Franco, e que era necesario un cambio", salienta Prada. "Todos tiñan claro, ademais, que a oposición democrática non tiña forza suficiente para levar a cabo a ruptura, polo que había que decidir como pilotar a reforma, que ritmo debían seguir os cambios e a intensidade dos mesmos", di.

A reforma era a vía máis adecuada para evitar a ruptura e que do que se trataba era de manter o control político do proceso inevitable que seguiría á desaparición do ditador. En que medida influíu nesta posición a influencia da revolución portuguesa de abril de 1974? A dereita española asumiu nese momento que era necesario pilotar o proceso de Transición para evitar o risco dun desenlace revolucionario? "Para min a influencia portuguesa é absolutamente fundamental", di Julio Prada. "Os integrantes do grupo Tácito fan continuas referencias nese ano ao risco de ruptura en España se non se produce un proceso de Transición. E se un ve os informes do Foreign Office británico ou os cables que saen da embaixada norteamericana, ou o interese que hai dende Alemaña por potenciar ao PSOE de Felipe González, vemos que existe unha preocupación por conducir o proceso dunha determinada maneira. Os historiadores temos cada vez máis claro isto. E cousas que ata hai uns anos se propoñían como simples hipóteses, hoxe podémolas fundamental documentalmente", sinala.

"Se un ve os informes do Foreign Office británico ou os cables da embaixada norteamericana, ou o interese que hai dende Alemaña por potenciar ao PSOE, vemos que existe unha preocupación por conducir o proceso dunha determinada maneira"

Tralo fracaso do Goberno liderado por Arias Navarro (no que Fraga era ministro de Gobernación), Adolfo Suárez chega á Presidencia e os sectores conservadores máis convencidos de que é necesario un amplo proceso de reforma comezan a liderar o proceso, dando lugar un ano despois á UCD. "A UCD conectou mellor co sentir maioritario que existía nese momento, que seguramente estaba influído en parte por un sentimento de medo, pola lembranza da Guerra Civil. Os meses posteriores á morte de Franco foron un tempo de incerteza, que axudou a aflorar ese sentimento. A iso uniuse o feito de que os líderes da UCD ocupaban nos meses previos ás eleccións boa parte dos resorte do poder, comezando polo Goberno central e os Gobernadores civís", sinala Julio Prada para explicar o dominio que nos primeiros anos da Transición exerceu a Unión de Centro Democrático.

"A UCD conectou mellor co sentir maioritario que existía nese momento, que seguramente estaba influído en parte por un sentimento de medo, pola lembranza da Guerra Civil"

Por que a UCD se desfai entre 1980 e 1981, chegando ás eleccións de 1982 con apenas 8 deputados (5 deles en Galicia)? "É unha das grandes preguntas que se fixeron primeiro os politólogos e os sociólogos antes que os historiadores", di Prada. "Para entender a descomposición da UCD hai que remontarse ao proceso inicial de confluencia que viven os distintos grupos da dereita para dar lugar a este partido. UCD é en realidade un proxecto para gañar unhas eleccións e pilotar dun determinado xeito un modelo de Transición. Pero unha vez conseguido isto, non podían convivir dentro dunha mesma estrutura tendencias que eran case antagónicas, moito máis cando teñen que exercer o Goberno. Unha parte do partido presentaba un proxecto de divorcio co que non estaba de acordo máis da metade da formación". "Ao final UCD desfaise no ano 1981, dando lugar ao dous grandes bloques, un de centro-esquerda e un de centro-dereita, coa atracción dos grupos socialdemócratas de UCD por parte do PSOE e dos grupos democristiáns por parte de AP", conclúe.

Mitin de UCD en Vigo en 1979

 

Adaptación e cambio na esquerda

Mentres iso pasaba nos sectores máis conservadores, a esquerda bulía. A conflitividade obreira foi crecendo exponencialmente até 1972, cando se acadou unha marca de case nove millóns de horas de traballo perdidas en folgas. A represión do movemento obreiro fixo que esta conflitividade se reducise nos anos seguintes, até 1975, cando de novo se disparou por riba dos dez millóns de horas. Trala morte do ditador, a mobilización obreira foi intensa no mes de xaneiro de 1976, con paros de varios días nos transportes, a construción e a metalurxia, unha presión que obrigou ao Goberno, por exemplo a militarizar o Metro de Madrid, para evitar a sensación de caos. Só entre xaneiro e marzo houbo en España 17.731 folgas, cando en todo o ano 1975 houbera 3.156. No conxunto de 1976, o número de horas de traballo perdidas por motivo de folga acadou os 150 millóns.

"Unha das cuestións das que nunca se fala é de que a Transición foi máis unha desmobilización que unha mobilización. Nos sectores de esquerda había unha gran mobilización que se freou durante o proceso de institucionalización que se levou a cabo"

Emilio Grandío destaca que no campo da esquerda se produce ao longo dos anos seguintes un proceso de desmobilización: "Unha das cuestións das que nunca se fala é de que a Transición foi máis unha desmobilización que unha mobilización. Nos sectores de esquerda había unha gran mobilización que se freou durante o proceso de institucionalización que se levou a cabo". "Esta desmobilización ten o seu sentido para o éxito do proceso: Había medo, en parte, a que España se convertese nunha segunda revolución portuguesa. E a radicalización da maior parte dos grupos de esquerda en 1975 ou 1976 é evidente; o PSOE, por poñer un exemplo, era marxista e falaba do dereito de autodeterminación dos pobos", di.

A partir de 1976 prodúcese no campo da esquerda unha competición entre PCE e PSOE polo liderado, na que de inmediato se impón o partido de Felipe González. O PSOE tivo, primeiro, que facerse co dominio do campo socialdemócrata, no que competía co PSP de Tierno Galván, coa Federación de Partidos Socialistas (de carácter confederal, na que estaba o PSG) e co propio PSOE-Histórico. "A vontade, tanto do Estado franquista como das potencias occidentais que están detrás do proceso de transición á democracia é que exista un gran partido socialdemócrata, non catro, que permita cimentar o desenvolvemento dun Estado de benestar democrático en España", afirma Grandío.

"No propio ano 1978 prodúcese un proceso de converxencia de toda a socialdemocracia nunha única marca, a do PSOE, e baixo un só liderado, o de Felipe González"

"De feito, en 1975 e 1976 a principal forza na socialdemocracia era a Federación de Partidos Socialistas. O problema da FPS era que era unha estrutura case-federal que carecía dun líder referencial que puidese unificar os distintos partidos e liderar unha transición cara a democracia nun Estado tan centralizado como era o franquista. A Federación, que apenas tiña unha estrutura moi leve de coordinación, podería ter funcionado mellor nun estado federal ou mesmo confederal, pero non nesa España", comenta. "No propio ano 1978 prodúcese un proceso de converxencia de toda a socialdemocracia nunha única marca, a do PSOE, e baixo un só liderado, o de Felipe González. O PSP intégrase no PSOE e os partidos da FPS vanse desgaxando. O PSOE consegue crear unha imaxe de marca moi potente, que lle permite presentarse como unha posibilidade clara de Goberno. De feito a partir de aí crea mesmo un Goberno na sombra, e este proceso de construción lévao ao obter 202 deputados en 1982", di.

A pesar de que o Partido Comunista exercera dirante anos o liderado da oposición á ditadura, coa chegada da democracia, vese superado claramente polo Partido Socialista. "O PCE é o partido que se adapta mellor á clandestinidade, ten unha vertente sindical moi forte e é quen representa a oposición á ditadura. Pero non interesaba que houbese un Partido Comunista forte, por moito que fose eurocomunista", explica Grandío. "Ademais, a ditadura instaurara durante décadas o medo aos comunistas e tamén o fixera a Guerra Fría. Se nese contexto, colocas un partido socialdemócrata forte e unido, cun gran liderado e cun Goberno na sombra, tecnicamente moi potente, a explicación ao liderado da esquerda neses anos é doada", di.

"Os grupos descontentos con esta institucionalización e con esta desmobilización non van ter as canles necesarias para poder executar os seus proxectos. E estes sectores progresivamente van ir retirándose"

"Máis á esquerda hai un gran número de partidos: MCE, LCR, PTE..., que inicialmente de forma conxunta teñen unha gran forza, sobre todo nas rúas, onde teñen unha presenza constante. A estes grupos e persoas o proceso institucional pásalles por riba. Algúns intégranse noutros partidos, pero outros non", engade. "O proceso conleva necesariamente unha desmobilización da sociedade, reducir a contestación social que existía no ano 1976, sobre todo a obreira. Os grupos descontentos con esta institucionalización e con esta desmobilización non van ter as canles necesarias para poder executar os seus proxectos. E estes sectores progresivamente van ir retirándose", di.

A partir de 1978 creceu o desencanto, provocado pola disonancia entre o esperado e o acadado, o deterioro económico (aínda que non fose imputable ao proceso de Transición) e a substitución do activismo voluntarista da oposición á ditadura polo ritualismo electoral e a delegación de poder nos aparellos políticos dos partidos. Todo isto derivou nunha sociedade civil desartellada, cunha gran fenda aberta entre a sociedade civil e o sistema político. En consecuencia, a abstención pasou do 21.6% en 1977, ao 32.3% en 1978, ao 33.6% nas xerais de 1979, até chegar ao 39% dos comicios locais.

Manifestación obreira en Vigo a finais dos 70 | Fundación 10 de Marzo

 

Unha reforma non é unha ruptura

"Para homologarse ao sistema de democracias que existía en Europa Occidental, os partidos de esquerda tiveron que facer necesariamente renuncias"

En que medida a esquerda tivo que facer renuncias clave no proceso de Transición? Cal era a forza social real das forzas que apostaba por unha ruptura total coa ditadura? Foi inevitable o resultado final do proceso de reforma do réxime? "Os abandonos que tivo que facer a esquerda teñen que ver co modelo de democracia escollido e co camiño que seguiu a Transición. O camiño podía ter sido outro e o modelo de democracia podería ter sido distinto, pero para homologarse ao sistema de democracias que existía en Europa Occidental, os partidos de esquerda tiveron que facer necesariamente renuncias; iso si, houbo algunhas que foron engadidas, como o tema da República", salienta Grandío.

"En 1975 o único que existía era un ditador que morreu na cama e que fixera un proceso sucesorio na persoa dun rei ao que alcumaban 'o breve'. A estrutura franquista non era moito máis, por moito que o Goberno de Arias Navarro tenta facer unha relativa apertura, que non é suficiente, porque enfronte hai unha oposición que está presionando para que haxa un cambio democrático de verdade. Isto non quere dicir que a oposición tivese forza suficiente para liderar o proceso. Era un equilibrio de poderes. As potencias occidentais tamén presionaban para que houbese unha reforma política de verdade, porque o camiño emprendido por Arias Navarro para tentar manter o réxime con algúns cambios levaría a un desenlace revolucionario, que temían", explica Grandío.

"Por moito que se acaden uns parámetros formais perfectamente homologables aos de calquera democracia avanzada, mantéñense as mesmas persoas e grupos á fronte do exército, na Policía, na xudicatura, nas elites económicas, na burocracia do Estado..."

Cambia a estrutura legal, apróbase unha Constitución homologable á de calquera dos países de Europa Occidental que contan con democracias avanzadas, un texto mesmo progresista en moitos aspectos. Porén, a maior parte das persoas que durante o final da ditadura ocupan posicións de poder e decisión no Exército, na Policía ou na xudicatura manteñen os seus cargos. E tamén se mantén inalterable a estrutura económica e as elites empresariais. "Iso é o que define os procesos de reforma e os diferencia dos procesos de ruptura. Mesmo aqueles procesos de ruptura máis avanzados necesitan unha certa continuidade para asegurar eses cambios. Se iso se dá en procesos case revolucionarios, moito máis nun proceso como o español, que se define precisamente por uns mecanismos de reforma do réxime anterior", destaca Julio Prada. "Por moito que se acaden uns parámetros que dende o punto de vista formal son perfectamente homologables aos de calquera democracia avanzada, mantéñense as mesmas persoas e grupos á fronte do exército, na Policía, na xudicatura, nas elites económicas, na burocracia do Estado...", engade.

 

Canto sabemos sobre a Transición?

Non son demasiadas as obras de investigación e divulgación (sobre todo en Galicia) que analizan o período de Transición. Dende o propio mundo académico ata agora non se emprestou demasiada atención a este proceso. "O coñecemento que ten a xente da Transición en Galicia é un coñecemento bastante escaso. Non hai demasiadas publicacións e investigacións sobre este período e quedamos case sempre cos tópicos", sinala Grandío para concluír.

"O coñecemento que ten a xente da Transición en Galicia é un coñecemento bastante escaso. Non hai demasiadas publicacións e investigacións sobre este período e quedamos case sempre cos tópicos"

Unha opinión na que concorda Prada: "Estou plenamente de acordo contigo. Pero hai que ter en conta que os historiadores traballamos en boa medida con fontes documentais. E en moitas ocasións a Lei de Arquivos estanos vetando o acceso a esas fontes. Esta é unha das razóns polas que dende o mundo da Historia e da Academia se está a estudar pouco a Transición, que é practicamente un ermo historiográfico en Galicia". Prada engade que "a nivel de rúa moitas posicións están moi marcadas polas traxectorias persoais de cada quen e polas percepcións que cada quen tiña naqueles momentos. E isto fai que as valoracións que se fan obvien os datos concretos ou o rigor histórico. 

Os profesores Julio Prada e Emilio Grandío durante as xornadas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.