0 Gardados para despois

350 persoas participaron nas accións das Brigadas deseucaliptizadoras

Redacción | @prazapublica

O pasado 21 de abril naceron as Brigadas deseucaliptizadoras, unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización impulsada por Verdegaia e numerosos colectivos e comunidades de montes a nivel local. A primeira acción tivo lugar na Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán (en Lousame) primeiro espazo galego en ser recoñecido con esta figura de protección das Nacións Unidas. Dende entón as Brigadas levaron a cabo unha ducia de accións en oito concellos de toda Galicia, dende Corcubión a Cenlle, pasando por Dodro, Cerdedo-Cotobate, Ponteareas ou Pazos de Borbén, onde terá lugar unha actividade o vindeiro 12 de xaneiro.

En total, a iniciativa incorporou xa 533 hectáreas de territorio e nas súas accións participaron 350 brigadistas voluntarios e voluntarias

En total, a iniciativa incorporou xa 533 hectáreas de territorio e nas súas accións participaron 350 brigadistas voluntarios e voluntarias, que eliminaron especies exóticas invasoras (particularmente eucalipto mais tamén acacias) en zonas de alto valor natural, paisaxístico ou patrimonial.

O proxecto está tamén pensado para que calquera colectivo (comunidades de montes veciñais, asociacións veciñais, grupos de sendeirismo...) poida implicarse na organización dunha brigada local. A través de Verdegaia, as Brigadas dispoñen dun fondo que permite a adquisición de ferramentas e outros materiais de loxística, así como avituallamento (comida e bebidas) para as voluntarias. Destacan que "as accións das Brigadas, cun non menos importante sentido de convivio e comunidade, artículanse normalmente por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal ofrecido ás voluntarias)". O fondo tamén fai posible a adquisición de plantas forestais para accións de reforestación con frondosas autóctonas e a cobertura coas correspondentes seguros de responsabilidade civil para persoas adultas e menores de idade.

Acción das brigadas en Corcubión | Brigadas deseucaliptizadoras

 

Próximas intervencións

A próxima intervención (e derradeira deste primeiro ano de vida da iniciativa) terá lugar novamente na Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán. Desta volta eliminarase eucalipto nun hábitat comunitario de interese prioritario de queirogal húmido asentado nunha zona húmida higroturbosa. A intervención susténtase nun plano de adaptación ao cambio climático seleccionado con outros catro de todo o Estado como estudos de caso dunha guía recentemente publicada co apoio do Ministerio da Transición Ecolóxica.

O 12 de xaneiro as Brigadas intervirán no Monte Veciñal en Man Común de Amoedo (Pazos de Borbén), afectado polos incendios de 2006 e 2017 e onde o eucalipto se está a estender debido á acción do lume

Ademais, o vindeiro 12 de xaneiro, as Brigadas estrearanse no Monte Veciñal en Man Común de Amoedo (Pazos de Borbén). As zonas a deseucaliptizar están enmarcadas nunhas 30 hectáreas, aínda que as actuacións centraranse na contorna da Senda Arqueolóxica de Amoedo, creada en 2014 pola Comunidade de Montes Veciñais e que pon en valor máis de 80 petróglifos e 20 mámoas. O estado actual das mesmas e de “semidesertificación”, acusando niveis altos de erosión nalgúns puntos debido aos incendios de 2017, lume que xa sufrira a mesma Comunidade no 2006. O peor efecto destes incendios é que os eucaliptos se expanden con forza polas zonas onde antes non había ou había poucos, xa que no 2006 se realizara unha retirada desta especie invasora dos montes de Amoedo.

O 12 de xaneiro terá lugar unha intervención na parroquia de Amoedo (Pazos de Borbén)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.