0 Gardados para despois

A Xunta dificulta a conciliación cun trámite das súas axudas á conciliación e logo di que foi un erro

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O Goberno galego advertiu por escrito aos interesados de que deberán presentar documentación “con data 11 de decembro, non antes nin despois”, pero asegura agora que vai ampliar o prazo

Preto de 300 persoas que solicitaron e teñen dereito a unha axuda da Xunta para reducir a súa xornada de traballo e facilitar a conciliación da vida familiar e laboral estaban estes días a ver dificultada esa conciliación por un “erro” que admite o propio Goberno galego. A Secretaría Xeral de Igualdade chamounos por teléfono e remitiulles un correo electrónico para emprazalos a realizar “con data 11 de decembro, non antes nin despois” un trámite para o que previamente tiñan que obter estes días, cunha ponte polo medio, diversa documentación que implica desprazarse a oficinas de facenda ou a seguridade social en caso de non ter DNI electrónico. A Xunta asegura que eses correos e chamadas telefónicas están errados e que antes de que chegue a data en cuestión ampliará oficialmente o prazo para poder realizar o trámite requirido.

Como cada ano, a Secretaría Xeral da Igualdade convocou o pasado maio as súas axudas para que homes (ou mulleres no caso de familias monoparentais) reduzan a súa xornada de traballo para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Tras unha ampliación en setembro dos seus propios prazos para tramitar as peticións argumentando “o volume de solicitudes presentadas e o longo proceso de tramitación”, Igualdade avisou nos últimos días aos beneficiarios tanto con correos electrónicos como con chamadas telefónicas de que “debido a que a data límite da presentación da documentación xustificativa necesaria para proceder ao pagamento da subvención é o día 11 de decembro de 2018, non hai marxe para a entrega da documentación, soamente queda 1 día para a presentación, polo que pregamos que con data 11 de decembro (non antes nin despois) presenten a documentación a través de rexistro”. A paréntese e as cursivas son do correo orixinal da Xunta, no que se subliña e remarca a data.

Aviso aos beneficiarios das axudas á conciliación de que só teñen un día para tramitalas

Antes do trámite para o que a Xunta só ofrecía o día 11, os interesados deben obter certificados que, no caso de non ter DNI electrónico, obrigarían a desprazarse a oficinas da Seguridade Social e a Axencia Tributaria estes días, cunha ponte polo medio

No correo remitido aos interesados, a Xunta avanzoulles “que o próximo luns día 10 de decembro está previsto que sexa publicada no DOG [Diario Oficial de Galicia] a Resolución da concesión das axudas”, e é a partir do día seguinte á publicación oficial dese documento cando os solicitantes, unha vez comprobado que o seu nome está no listado, debían pedir o seu pagamento. Pero o prazo para presentar esa solicitude de pagamento remata, segundo se establecera previamente no DOG, o día 11, polo que ese é o único día habilitado para facer o trámite. Un trámite que, ademais, non é único xa que os interesados teñen que presentar outros certificados, entre eles o de que están ao día nas súas obrigas con facenda e a seguridade social. A propia Xunta sinalou aos afectados que poden obter eses certificados previos con sinatura dixital ou DNI electrónico, pero admitindo que se o afectado non os ten “terase que acudir persoalmente á Seguridade Social” mentres que “para a acreditación da Axencia Tributaria do Estado terá que solicitarse cita previa na páxina web correspondente e o día no que estea citado llo entregarán no momento”.

Tras ser preguntado por este diario, o Goberno galego di agora que a advertencia lanzada aos beneficiarios tanto no correo como nas chamadas telefónicas que se lles fixeron é “un erro” e asegura que nos próximos días, antes de que chegue o día 11 en cuestión, que segue a ser última data de xustificación das axudas publicada no seu momento no DOG, ampliará o prazo para esa xustificación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.