As obras que causaron o incendio de ENCE carecen de licenza municipal, segundo o Concello

Edificio de caldeiras de ENCE © Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra denuncia que o incendio que esta mañá afectou á factoría de ENCE en Lourizán iniciouse nas obras que a empresa está a realizar no complexo e que carecen de licenza municipal. As chamas foron provocadas polos traballos de desmontaxe dunha torre de refrixeración ao prender no material de poliéster no que está construída a citada instalación. O Goberno municipal abriu un expediente informativo e comunicará nos vindeiros días "a paralización de todos os traballos ilegais que se realizan en Lourizán". O lume, que provocou unha gran fumareda visible dende toda a comarca, comezou ás nove da mañá e foi sufocado media hora despois.

O Goberno municipal abriu un expediente informativo e comunicará nos vindeiros días "a paralización de todos os traballos ilegais que se realizan en Lourizán"

A tenente de alcalde e responsable de Disciplina Urbanística, Carme da Silva, explicou esta mañá en rolda de prensa que “se a empresa non tivera actuado como actuou, o incendio non se tería producido”. Da Silva lembra que hai uns meses ENCE lle comunicou ao Concello dous proxectos: un en materia de eficiencia enerxética de aforro de auga e calidade ambiental, e un segundo de integración paisaxística.

Naquel momento, a resposta municipal foi que a empresa necesitaba un título habilitante municipal para facelas, a pesar que de a empresa se amparaba en ter un permiso da Consellería de Industria. “Non é suficiente”, aclara Carme da Silva, que explica que cómpre un expediente na que se reclamen informes a todas as administracións implicadas con estas obras ou os terreos nos que se van realizar. En novembro técnicos do Concello visitaron a factoría e comprobaron que se estaban a facer obras tanto en materia de eficiencia enerxética (pola cal se desmantela a torre de refrixeración) como do proxecto de integración paisaxística. Da Silva insta á empresa a “que cumpra toda a normativa como a teñen que cumprir todos os pontevedreses e todas as empresas de Pontevedra”.

A empresa nega pola súa banda as acusacións do Concello e asegura que o accidente se debeu á desmontaxe de equipos obsoletos

A empresa nega pola súa banda as acusacións do Concello e asegura que o accidente se debeu á desmontaxe de equipos obsoletos na torre de refrixeración, unhas actuacións para as que -asegura- non necesita licenza municipal. A compañía minimizou o sucedido: “Trátase dun silo que xa non se utiliza no proceso fabril, moi escandaloso pola importante fumareda negra, pero sen máis consecuencias”.

"Máis alá da transcendencia que poida ter este feito puntual, ponse en evidencia máis unha vez o perigo que supón para a poboación da comarca e para o medio ambiente", di a APDR

As obras foran denunciadas tamén pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR), que sinala que "máis alá da transcendencia que poida ter este feito puntual, ponse en evidencia máis unha vez o perigo que supón para a poboación da comarca e para o medio ambiente convivir cunha fábrica que non só está a contaminar as augas da Ría e o ar que respiramos e a destruír os nosos recursos económicos, senón que atenta contra a integridade da cidadanía en xeral e a dos seus traballadores en particular".

"Accidentes coma este, deixan en evidencia tamén, a inexistencia -na práctica- dun Plan de Emerxencia Exterior que protexa á poboación no caso dun accidente de maior gravidade e xustifican máis -se cabe- a esixencia da eliminación da fábrica do seu actual emprazamento", engade a entidade, que convoca unha concentración este mércores ás 21 horas na Praza da Peregrina para pedir o peche da fábrica.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.