0 Gardados para despois

O gasto por habitante en luces de Nadal en Vigo duplica o das restantes cidades galegas

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A maior parte das cidades e vilas galegas foron acendendo nos últimos días a súa iluminación de Nadal. O gasto realizado este ano polo Concello de Vigo (825.000 euros só en luces, 1.5 millóns de euros engadindo outras ornamentacións e a Cabalgata de Reis) foi moi comentado e recibiu as críticas de varios colectivos sociais na cidade olívica.

Os 2,82 euros da primeira urbe de Galicia superan en moito os 1,42 euros de Lugo, os 1,41 euros de Pontevedra ou os 1,37 da Coruña. Ferrol (1,15) e Santiago (1,05) superan por pouco o euro por habitante, ao que non chega Ourense (0,93)

Vigo foi, efectivamente a cidade galega que deixou máis cartos nas luces, duplicando e nalgún caso triplicando o gasto das restantes urbes (en termos relativos á súa poboación). Os 2,82 euros da primeira urbe de Galicia superan en moito os 1,42 euros de Lugo, os 1,41 euros de Pontevedra ou os 1,37 da Coruña. Ferrol (1,15) e Santiago (1,05) superan por pouco o euro por habitante, ao que non chega Ourense (0,93). Narón (1,65) e Vilagarcía (1,60) sitúanse por riba e superan o gasto da maior parte das cidades galegas.

Outras vilas importantes presentan tamén cantidades significativas, aínda que movéndose máis ou menos ao redor do euro por habitante: Xinzo de Limia (22.000 euros), Cangas do Morrazo (21.000), Monforte (18.000), Lalín (11.495) ou Celanova (7.200). Cómpre sinalar que nalgúns casos, as cantidades son aproximadas, pois os contratos inclúen outros tipo de partidas, como os gastos xerados polas Cabalgatas de Reis, como en Vigo, iluminacións de Entroido ou para outras festas. De feito, o contrato de Vilagarcía ascende realmente a 80.000 euros, pero inclúe as luces das festas de Santa Rita e San Roque e as conexións das orquestras.

O gasto creceu en case todas as localidades. Hai dous anos Vigo gastaba 400.000 euros e agora máis que duplicou esa cantidade

Hai que salientar que o gasto creceu en case todas as localidades. Hai dous anos Vigo gastaba 400.000 euros e agora máis que duplicou esa cantidade. A Coruña mantén este ano os 335.000 euros de anteriores exercicios, pero en cambio Lugo e Pontevedra case triplicaron o desembolso, que tamén creceu bastante en Narón e Vilagarcía de Arousa.

 

Críticas en Vigo

O Concello de Vigo "non dubida en gastar case un millón de euros en decoración de Nadal mentres moitas veciñas sofren graves problemas económicos e carencias de todo tipo que non lles permiten satisfacer as súas necesidades básicas"

Xa dende o mes de outubro varios colectivos sociais comezaron a organizarse en Vigo denunciando o gasto excesivo na iluminación de nadal, e facendo notar "difícil situación económica que atravesan moitos veciños e veciñas da cidade e as dificultades e eivas que atravesan os servizos sociais municipais". A polémica das luces, cualificadas por Abel Caballero como "o non vai máis" deulle nome mesmo ao colectivo CAIN ("Colectivo de Admiradores da Iluminación de Nadal"), que hai unhas semanas impulsou un exitoso Encontro pola Cultura.

"Hai unha acción consciente pola que se tapan coas luces outras cuestións máis escuras. Aínda temos aí o buraco do Marisquiño, que parece o motivo claro polo que se adianta máis dun mes o anuncio do maior gasto da historia en iluminación de Nadal", denunciaban naquel momento. "As luces teñen que ver coa escuridade do burato negro que hai no Porto, co burato negro da designación de cargos públicos, co burato negro da falta de participación na cidade, co burato negro da pobreza. Que a luz non nos impida ver estes buratos negros", engadían,

A campaña contrapón o millón de euros gastado nas luces e decoración de nadal cos 139.000 euros de orzamento que o Concello destina ao albergue municipal nese mesmo período

O pasado 23 de novembro varias entidades sociais, unidas na denominada Asemblea por un Vigo +Social, presentaron a campaña #AlumeandoAMiseria. A campaña denuncia que o Concello de Vigo "non dubida en gastar case un millón de euros en decoración de Nadal mentres moitas veciñas sofren graves problemas económicos e carencias de todo tipo que non lles permiten satisfacer as súas necesidades básicas", engadindo que o Goberno municipal "prefire deixar nas sombras a realidade cotiá, antipática e pouco fotoxénica, ao tempo que constrúen un modelo de cidade escaparate, fermosa pero pouco humana, unha sorte de gran parque de atraccións para turistas".

A campaña contrapón o millón de euros gastado nas luces e decoración de nadal cos 139.000 euros de orzamento que o Concello destina ao albergue municipal nese mesmo período, ou aos 160.000 euros que destina a axudas extraordinarias a familias sen recursos, ou aos 12.000 euros de orzamento que destina á teleasistencia para maiores nese mesmo período, ou aos 16.665 euros de orzamento que destina a axudas á calidade e mellora do emprego da mocidade. Ou aos 77.000 euros de orzamento que destina a axudas de emerxencia para alimentos e produtos básicos, ou aos 160.000 euros de orzamento que destina a axudas de libros, material escolar e comedor nese mesmo período.

Iluminación de nadal na Coruña | Concello da Coruña

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.