0 Gardados para despois

A primeira folga de mulleres en Galicia, un día coma hoxe de 1857

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Ao redor de catro mil mulleres traballaban en 1857 na Fábrica de Tabacos da Coruña, segundo recollía nese momento o xornal pontevedrés El País. A cifra é aproximada (e seguramente superior ao número real) pero dá conta da importancia desta instalación fabril, posiblemente a que nese momento reunía en Galicia a máis obreiros. Eran mulleres na súa maioría, que todas as mañás chegaban dende todos os puntos da comarca ao edificio situado na Palloza. Os seus salarios, xa moi reducidos e dependentes sempre do número total de cigarros producidos (cobraban por peza), víronse aínda máis ameazados coa chegada das novas máquinas de picar tabaco.

Catro mil mulleres comezaron unha protesta na que se lanzaron contra os seus xefes, destruíndo as novas máquinas para picar tabaco e botando ao mar parte da produción, chegando a subir á parte superior dos tellados do edificio

E así, o 7 de decembro dese ano ás 11 da mañá esas tres ou catro mil mulleres comezaron unha protesta na que se lanzaron contra os seus xefes, destruíndo as novas máquinas para picar tabaco e botando ao mar parte da produción, chegando a subir á parte superior dos tellados do edificio. Ademais, as folguistas rebentaron a caixa forte da Fábrica, na que se di que había 28 mil reais. A folga enmárcase dentro das protestas luditas contra a mecanización da actividade industrial que iniciaran os artesáns ingleses e que se estaban a producir en todo o continente.

De inmediato, o capitán xeneral e o gobernador civil enviaron tropas de infantería e cabalería para acabar coa revolta. Ao redor das catro da tarde a protesta finalizou e máis de vinte mulleres foron detidas. Ao ser trasladadas á prisión do Parrote, outros grupos de mulleres apedraron os militares que as levaban, ata que a Garda Civil cargou contra elas, dispersando as manifestantes. A realidade é que a protesta non conseguiu o seu obxectivo (as máquinas impuxéronse de inmediato), pero constituíu en todo caso a primeira folga de mulleres documentada en Galicia.

Imaxe antiga da Fábrica de Tabacos | Dominio Público

A Fábrica de Tabacos da Coruña fora constituída como unha manufactura real en 1804. Durante o século XIX creáronse dez fábricas de tabacos no Estado Español e a da Coruña foi a segunda en crearse e acabou sendo a máis grande. Emilia Pardo Bazán localizou aquí a acción de La Tribuna, unha descarnada novela naturalista que describe as duras condicións de traballo das mulleres proletarias. A obra, de 1882, considerada a primeira novela social española, describe a vida dunha cigarreira coruñesa, Amparo, unha líder obreira, cunha gran concienciación política, republicana e federalista. Para documentarse, Pardo Bazán visitou decote a fábrica, describindo ao detalle o proceso de produción dos cigarros e o ambiente que existía entre as traballadoras da factoría.

"Hai que desmontar o mito de que as mulleres non temos historia. As mulleres non aparecemos nin a título individual nin como colectivo, pero sempre estivemos aí, sempre traballamos, o noso papel sempre foi fundamental"

Chema Álvarez describe neste artigo publicado en eldiario.es como eran estas mulleres: "dado que se vían obrigadas a levar os seus fillos e fillas ao traballo -moitas delas eran nais solteiras- mexían os bebés nun berce atado mediante unha corda aos seus pés, mentres leaban os puros. Eran mulleres independentes, remisas ao matrimonio e á férula do home, cun sentido moi avanzado da vida, burlonas coa beatería imperante na época. Foron as primeiras en crear clubs republicanos ou de librepensamento e afiliarse a eles e lograron que se creasen as primeiras salas de lactación, garderías e escolas dentro das fábricas".

Nos últimos dous anos A Coruña acolleu actividades durante o 8 de Marzo (festivo na cidade como Día da Muller Traballadora) lembrando o papel que na historia desenvolveron as cigarreiras e outros colectivos profesionais. "Hai que desmontar o mito de que as mulleres non temos historia. As mulleres non aparecemos nin a título individual nin como colectivo, pero sempre estivemos aí, sempre traballamos, o noso papel sempre foi fundamental", destacouse, subliñando que estas mulleres que chegaban todos os días coas súas saias longas dende distintos puntos da comarca son "responsables de facer unha A Coruña mais digna e máis solidaria" .

Monumento ás cigarreiras, ante a fábrica | Praza Pública | CC BY-SA

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.