Os médicos de familia denuncian "o deterioro" da Atención Primaria en Galicia

Mobilización de SOS Sanidade Pública © SOS Sanidade Pública

A AGAMFEC (Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria) vén de difundir un comunicado no que alerta da situación de "deterioro" e de "precariedade" da Atención Primaria en Galicia. A Atención Primaria é a porta de entrada ao sistema sanitario, é alí onde se fai un seguimento continuado dos e das pacientes, onde se detectan as doenzas e o seu correcto funcionamento libera ademais ás urxencias de situacións de colapso. Se falla a Atención Primaria, falla todo o sistema sanitario.

"O gran problema da Atención Primaria é a falta de financiamento. A porcentaxe de gasto da AP en España é un paupérrimo 14% (cando os expertos defenden un 25%) e en Galicia estamos 2 puntos por debaixo: un 12%"

Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria subliña que "o gran problema da Atención Primaria é a falta de financiamento". "A nosa administración sempre negou esa evidencia. Tivo que acudir unha catedrática de economía da saúde á comisión parlamentaria para poñelo de novo sobre a mesa: A porcentaxe de gasto da AP en España é un paupérrimo 14% (cando os expertos defenden un 25%) e en Galicia estamos 2 puntos por debaixo: un 12%", explican, engadindo que "nestes anos da crise aumentou o gasto hospitalario e diminuíu un 2% o de primaria".

Denuncia así mesmo a "mentira repetida" sobre a “falta de médicos”. "Como explican os nosos directivos que cando se convoca unha OPE para 200 prazas veñan 800 candidatos?", pregúntase. "O que queremos os médicos, como todo o mundo civilizado, son contratos dignos e estables. Non, como dicía a economista, seguir coa política de menos gasto pero máis contratos. Iso só significa precariedade e contratos-basura", critica.

"O que queremos os médicos, como todo o mundo civilizado, son contratos dignos e estables. Non, como dicía a economista, seguir coa política de menos gasto pero máis contratos. Iso só significa precariedade e contratos-basura"

A AGAMFEC sinala que "resulta desmoralizante escoitar ós nosos directivos as propostas para solucionar o colapso da AP. Pensan que todo se arranxa cun simple cambio nas axendas". Porén, di que "a evolución da poboación, a cronicidade e o envellecemento ten que facer ver que non podemos seguir co discurso de 1500 doentes por médico. Isto é unha visión simplista. O que debemos é estudar a carga de morbilidade e poñelos recursos en función desta". A entidade engade que "na situación actual de falta de cobertura de vacantes e ausencias fai, ademais, que estos datos sexan falsos: se no meu centro faltan permanentemente 3 compañeiros, a miña cota non é de 1500, senón de 2000, moitos meses ó ano".

"A lamentable situación dos PAC e da pediatría son unha mostra máis da falta de planificación da organización sanitaria"

Neste senso, alerta de que "a lamentable situación dos PAC e da pediatría son unha mostra máis da falta de planificación da organización sanitaria". A entidade profesional lembra que, xunto cos colexios médicos, leva anos realizando propostas para tentar de solucionar a situación, "mais a consellería non só non levou a cabo nada do aconsellado, perdéndose un tempo do que agora carecemos, senón que mesmo chegou á desconsideración cos médicos de familia", di. E conclúe que "non estamos en tempos de comisións, estamos en tempo de decisións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.