Sada mobilízase ante o peche dunha escola unitaria en pleno curso

Mobilización contra o peche da escola unitaria de Carnoedo © Sada Maioría

Familias, cidadanía e todos os grupos políticos da corporación mobilízanse en Sada contra o peche da escola unitaria de Carnoedo. "Non pechen a miña escola", dicía a pancarta dun dos pequenos que se achegou este venres á manifestación celebrada ante o centro, que será cerrada despois das vacacións do Nadal, segundo anunciou a Consellería de Educación. 

A Consellería de Educación decidiu pechar a escola unitaria de Carnoedo á volta das vacacións de Nadal pola escaseza de alumnado

Foi o pasado martes cando unha inspectora da Xunta comunicou na escola que sería cerrada en xaneiro pola baixa matriculación de alumnado. Neste curso, tan só tres nenas, de tres e catro anos, acoden ás clases. A decisión causou malestar entre pais e familias, xa non só polo feito en si, sneón porque se decida facer no medio do curso, polo que as pequenas serían trasladadas ao colexio de Mondego a partir do 8 de xaneiro.  

Todos os partidos da corporación sadense, co alcalde Benito Portela á cabeza, censuran que o peche se produza no medio do curso e que nin tan sequera se agarde a xuño. Os grupos compartiron unha declaración institucional rexeitando a decisión. O centro, cuxos gastos son sufragados na súa totalidade polo Concello, perdeu dous alumnos este curso, pero as familias advirten de que para o curso vindeiro podería haber ata oito matriculados. 

A Xunta pecha as unitarias que queden con cinco ou menos alumnos, malia as expectativas de incremento que en Carnoedo hai para o curso que vén

A Xunta insiste en pechar e aclara que segue o mesmo criterio para todas as unitarias: cerralas no caso de que queden con cinco ou menos alumnos. "Os cativos non son números", advirten desde a ANPA. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.