193 rosas brancas polas vítimas galegas dos campos nazis

O acto homenaxeou os 193 galegos enviados aos campos de concentración nazis © Parlamento de Galicia

Case 200 galegos foron deportados aos campos de exterminio nazis. Este luns o Parlamento acolleu un acto de homenaxe ás vítimas do Holocausto e aos galegos recluídos nos campos de concentración. Os seus 193 nomes foron lidos, un por un, por parte de alumnas e alumnos do IES Xosé Neira Vilas de Perillo (Oleiros). Ademais, colocouse unha rosa branca en honor de cada un.

Os seus 193 nomes foron lidos, un por un, por parte de alumnas e alumnos do IES Xosé Neira Vilas de Perillo (Oleiros)

A homenaxe, que coincide coa celebración do Día Internacional en Conmemoración das Vítimas do Holocausto (27 de xaneiro), foi unha iniciativa da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, que o pasado 21 de decembro solicitou oficialmente que a cámara realizase un acto de conmemoración "no que se lean os nomes de todos e cada unha das persoas galegas que foron obrigadas a subir nos trens da morte, que morreron alí ou que foron liberadas pero nunca puideron regresar ao lugar no que naceran porque a ditadura franquista lle negou o dereito a regresar a seu país de orixe".

A solicitude foi aceptada polos catro grupos parlamentarios, que aprobaron unha declaración institucional que subliñaba que o Holocausto tivera a súa orixe "no intento de eliminación da disidencia política e ideolóxica e derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista e que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista". A Declaración lembraba en particular "os máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano".

“Ante a barbarie e na defensa dos dereitos humanos; fronte aos totalitarismos –sexan do signo que sexan- e fronte á súa barbarie, non hai nin pode haber reservas entre os demócratas”, afirmou Santalices

Este luns, o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, afirmou que “ante a barbarie e na defensa dos dereitos humanos; fronte aos totalitarismos –sexan do signo que sexan- e fronte á súa barbarie, non hai nin pode haber reservas entre os demócratas”. Santalices celebrou "a reiterada unanimidade desta Cámara na condena do Holocausto, máis tamén para reclamar unha actitude inquebrantable fronte a posibles brotes de racismo, xenofobia ou discriminación baseados na orixe étnica o unas crenzas relixiosas das persoas”.

O acto comezou coa lectura dos nomes das 193 vítimas galegas dos campos nazis, persoas que foron obrigadas a subir aos trens da morte; unhas morreron nos campos de concentración, mentres que outras foron liberadas. Durante a celebración institucional, Elías González Docampo interpretou á zanfona dúas pezas musicais: O cego da faba e Negra Sombra. O acto rematou co Himno Galego.

No vestíbulo principal do Parlamento de Galicia, escenario do acto, colocáronse 193 rosas brancas, aprisionadas por arame de espiño e ao carón do escudo de Galicia. “Sirvan estas flores para simbolizar o recoñecemento ás vítimas dos campos nazis na Galicia actual, unha Galicia democrática, dotada das súas propias institucións de autogoberno xurdidas da Constitución española e do Estatuto de Autonomía; unha Galicia que, liberada para sempre das ataduras da ditadura, acubilla o recordo destas e de todas as vítimas, co agarimo e coa dignidade que todo ser humano merece, en especial os que loitaron pola liberdade e contra o fascismo”, salientou Santalices, que recordou especialmente aos exiliados españois que, ao remate da guerra civil, en 1939, foron confinados en campos de concentración no sur de Francia en condicións infrahumanas.

O presidente da cámara tivo tamén un recoñecemento especial para as irmás Touza –Lola, Amparo e Julia-, tamén coñecidas como "as Schlinder galegas"

O presidente da cámara tivo tamén un recoñecemento especial para as irmás Touza –Lola, Amparo e Julia-, tamén coñecidas como "as Schlinder galegas", que dende Ribadavia deron soporte a unha rede que conduciu a Portugal, e desde alí a América, a varios centos de xudeus que fuxían do horror nazi, calcúlase que ao redor de 500. O monforntino Antón Patiño Regueiro relatou a súa acción na novela Memoria de Ferro. A cantina que tiñan preto da estación do ferrocarril agochaba un zulo no que deron acubillo a republicanos que fuxían da represión fascista e a xudeus que chegaban dende toda Europa. Dende alí, axudábanos a cruzar o río Miño en barco, ata chegar a Portugal, unha manobra na que contaban coa axuda de barqueiros como Ramón Estévez. Nas operacións tamén colaboraban outras persoas, como Ricardo Pérez Parada, que sabía inglés e un pouco de polaco e facía de tradutor. As irmás Touza foron homenaxeadas no ano 2008 en Ribadavia.

O proceso seguido nas últimas semanas no Parlamento galego contrasta co sucedido na Asemblea de Madrid, onde a súa presidenta negouse a nomear os 546 madrileños presos en campos de concentración nunha homenaxe que a cámara autonómica lle ía realizar ás vítimas do nazismo. Paloma Adrados (PP) rexeitou a petición da ARMH ao considerar que é un "acto que transcende fronteiras" e que sería necesario nomear aos millóns de vítimas do holocausto.

 

Imaxe do acto celebrado este luns no Parlamento © Parlamento de Galicia
A declaración institucional foi apoiada polos catro grupos parlamentarios © Parlamento de Galicia
Intervención de Miguel Ángel Santalices © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.