A Xunta para a decisión sobre a planta do Irixo, pero negocia xa a súa instalación en Cerceda

Os veciños do Irixo, contra a incineradora CC-BY-SA Adega

A Xunta xa non o agocha. O proxecto da planta incineradora do Irixo "pinta mal", xa que non hai "novidade ningunha" sobre o proxecto que a empresa Estela Eólica incluía dentro do concurso eólico e que pretendía ser a Sogama do sur. O propio conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, recoñecía este mércores as dificultades para que esta planta de tratamento de residuos se sitúe na zona prevista, malia o apoio incondicional que o Goberno galego lle dera nun principio. Non só iso, senón que o Executivo xa negocia co Concello de Cerceda para ampliar as instalacións de Sogama e arranxar así o problema que se lle vén enriba. No entanto, e malia que a última xuntanza entre administración autonómica e deste goberno local se celebrou no pasado mes de agosto, o adianto das eleccións acaba de paralizar unha decisión que terá que tomar a Xunta que saia dos comicios do 21 de outubro.

A Xunta decidiu paralizar a decisión sobre a planta incineradora logo do adianto electoral

"O concello ourensán do Irixo acollerá a planta de tratamento que dará servizo aos concellos do sur de Galicia". Así anunciaba a Xunta, o pasado mes de decembro, que a nova incineradora de lixo prevista para Galicia acabaría neste concello ourensán. Máis de seis meses despois, e logo das protestas veciñais e ecoloxistas da zona, do rexeitamento da propia Deputación de Ourense e do atraso e as dúbidas de Estela Eólica -compañía encargada de levar a cabo o proxecto- a denominada Sogama do sur semella que quedará na nada. "Cremos que as circunstancias e os condicionantes económicos do proxecto cambiaron substancialmente, pero é unha cuestión allea á consellería", insistiu este mércores Agustín Hernández, que asume xa o fracaso nas intencións da Xunta.

Tal e como adiantara Praza, Cerceda e as instalacións de Sogama son agora as mellores colocadas para asumir a planta incineradora. As xuntanzas entre o conselleiro de Industria, Javier Guerra, e o alcalde da localidade, José García Liñares, véñense producindo desde hai meses. A última, segundo puido saber este diario, a principios do pasado mes de agosto. Pero agora todo está parado. O adianto electoral cambiou os plans da Xunta, sabedora de que será o vindeiro Executivo o que terá que lidiar co tema, pero tamén de que unha decisión sobre a localización en plena precampaña complicaría aínda máis as expectativas electorais do PP.

Cerceda está disposta a asumir a planta, pero pedirá "contrapartidas" en forma de investimentos á Xunta de Galicia

Pero as negociacións existen, até tal punto que o Concello de Cerceda -disposta a recibir a infraestrutura- xa puxo enriba da mesa unhas "contrapartidas" pola ampliación das instalacións de Sogama e a asunción dos residuos que estaban previstos no sur de Galicia. Segundo fontes coñecedoras destas negociacións, a localidade esixiría a cambio da instalación da planta "maiores investimentos na rede viaria, mellor saneamento ou a mellora das infraestruturas da vila". De feito, a propia administración local ten elaborado xa un borrador para futuras xuntanzas.

Mentres, representantes das plataformas do Deza, do Carballiño e do Irixo continúan adiante estes días coa súa recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que promove o cambio no modelo de xestión de residuos, ademais de comezar as xuntanzas con representantes de PP, PSdeG-PSOE e BNG para que na campaña se fale da xestión de residuos, se fagan propostas e se clarifiquen as posicións. Para iso, pediranlles un compromiso sobre o "cambio de modelo" e no caso de non existir "advertirán os cidadáns sobre a posición real de cada un".

"A Xunta segue na indefinición de sempre; non é serio o que fan", din desde a plataforma 'Incinerador no Deza non'

"Pedímoslle á Xunta unha declaración oficial sobre o futuro da planta, pero non temos noticias e semella que seguen na indefinición de sempre; non é serio o que fan", explica Xosé Manuel López, voceiro da plataforma Incineradora no Deza non. "Sendo un tema capital o da localización para as comarcas do Irixo e do Deza, o tema raíz é que se vai facer co plan de residuos, se se aposta por incinerar ou se se cambia o modelo", insiste o portavoz, que engade que o obxectivo é "reducir ao máximo a incineración ou eliminala se é posible".

Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama
A protesta contra a instalación da incineradora advírtese en distintos lugares do Concello do Irixo CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.