Denuncian desfases de centos de animais nos rexistros de entrada e saída de Bando

Un dos animais do refuxio de Bando CC-BY-NC-ND Inmobiliaria Lares

A Asociación Abeiro e a Asociación Animalista Libera continúan denunciando a xestión que nos últimos anos se vén realizando no refuxio de animais de Bando. As dúas entidades esixen unha auditoría para aclarar os desfases que segundo eles se producen nos rexistros de entrada e saida de animais. Abeiro e Libera denuncian por exemplo que nos anos 2007 e 2009 hai desfases de ata 592 animais, como sucede co capítulo das saídas: o informe anual de 2009 sinala 631 saídas, pero sen embargo o resumo contido na documentación dous anos despois ofrece un dato ben diferente: 1123 animais.

Para os animalistas o feito de que a comparativa de informes anuais co informe co balance do período 2005-2010 teña tal baile de números amosa “a necesidade de auditar as contas da Fundación Refuxio de Animais”, pois “resulta estraño que aparezan e desaparezan seres vivos segundo o escrito que se revise”.

Os dous colectivos cualifican de a xestión que realiza a dirección do refuxio de Bando como “pésima” e cun carácter “moi errático”. Afirman que nos últimos dias mantiveron contactos con algúns membros do padroado co obxectivo de poñelos ao tanto da situación que se está a denunciar e “das condicións en que foron expulsados varios voluntarios e da necesidade de realizar un rigoroso estudo económico da xestión”.

Un dos animais do refuxio de Bando CC-BY-NC-ND Inmobiliaria Lares

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.