Xulgan os seis desempregados que en xuño levaron alimentos básicos dun supermercado en Ferrol

Concentración diante do supermercado ferrolán no que tivo lugar a acción reivindicativa © CIG

O pasado 6 de xuño a asemblea de desempregados de Ferrolterra acordou levar a cabo unha acción reivindicativa nun supermercado da cadea Dia, en Ferrol, consistente en retirar carriños con alimentos da cesta básica da compra presentado a cartilla do paro, para logo entregarllos á Cociña Económica. Porén, a policía impedira a acción pois requisou os alimentos, cun valor total de 25 euros, e identificou os participantes, despois dunha chamada da xerencia do supermercado. Ademais, a empresa presentou denuncia por faltas contra seis membros da asemblea, pola acusación de retirar produtos por ese valor total de 25 euros.

Este venres ás doce e media ten lugar en Ferrol a vista do xuizo de faltas e tanto a asemblea de desempregados e desempregadas coma a CIG convocaron unha hora antes unha concentración de apoio ao denunciados diante dos xulgados.

Con esta acción, que tivo lugar dous meses antes das simbólicas e mediatizadas iniciativas de Sánchez Gordillo, a asemblea pretendía simbolizar a situación "de emerxencia social" que vive a comarca, que rexistra un dos niveis de desemprego máis elevados do Estado, e a desesperación que sofren aquelas persoas "que xa non teñen nin para comer". Seis persoas, de todas as idades: entre 28 e 55 anos, entraron no supermercado, mentres unha trintena agardaba fóra con faixas de apoio.

Os responsables comarcais da CIG denunciaron "a desvergoña das grandes empresas de distribución como Dia que, diante do desespero social opta por criminalizar este tipo de accións simbólicas e reivindicativas, mentres non dubida en tirar ao lixo miles de quilos de alimentos próximos a caducar en lugar de entregarllos aos comedores sociais". Do mesmo xeito, lamentaron que a xustiza actúe como "cómplice desta farsa" ao admitir a trámite a denuncia, mentres "banqueiros, empresarios e políticos corruptos permanecen impunes roubando riqueza á clase obreira".

Identificacións por parte da policia o pasado 6 de xuño © Asemblea de Desempregados e Desempregadas da CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.