Piden que Galicia se prepare para a fin do petróleo

Campos de extracción de petróleo en Texas Dominio Público Praza Pública

O peak oil defínese como o momento da máxima extracción de petróleo global, tras do que a taxa de produción entra nun declive. É un concepto que se manexa dende os anos sesenta e hai discusión sobre o o ano exacto no que se producirá en función da evolución da demanda (calcúlase que en 2030 será un 37% superior á de 2006) e ás reservas realmentes existentes. A Axencia Internacional da Enerxía (AIE) fixo público en novembro de 2010 que a produción de cru chegou ao seu pico maximo en 2006. E Véspera de Nada bota man de informes da AIE e doutras institucións para afirmar que será en torno a 2015 cando se produzan os primeiros problemas de subministro debidos ao devalar da extracción de cru: "É dicir, pasaremos de ter suficiente petróleo pero caro, a ter escaso e moi caro".

Por ese motivo Véspera de Nada vén de elaborar un documento que lles está presentando ás distintas formacións politicas que concorren ás eleccións do 21-O. Pídelles que no caso de gobernar tomen medidas para que Galicia se prepare para ese escenario futuro de escaseza e prezos moito máis elevados dos combustibles. Para a entidade isto supón "unha revolución cara a sustentabilidade" baseada a procura "dun nivel crecente na capacidade de fornecérmonos por nós mesmos de alimentos e enerxía, e de consolidar redes locais de comercio e de colaboración e axuda mutua". E lembra que "a fin da crise non terá lugar se teimamos en manter un paradigma económico baseado nun obxectivo irrenunciábel do crecemento económico". Os documentos fundacionais de Anova xa consideran o Cénit do petróleo e o Partido da Terra fixo acuse de recibo do programa, que analizarán e somentarán á súa Asemblea Xeral para ver de incorporaren enmendas.

O texto pide en primeiro lugar modificar as funcións e fins do INEGA, de maneira que preste un servizo efectivo para o país, contribuíndo aos obxectivos establecidos polo goberno galego relativas á necesaria transición enerxética. Tamén se pide "revisar os orzamentos e o nivel de endebedamento á luz dun contexto permanente de declive da actividade económica actual".

Proponse ademais "revisar a política de compras a provedores da Xunta dando prioridade ao abastecemento de proximidade: de produtores e produtos galegos e, en segunda instancia, aqueles das zonas máis achegadas xeograficamente". E coa mesma orientación, "debe haber un apoio decidido á creación e/ou consolidación das redes locais de distribución de alimentos, e ás cooperativas de consumo ecolóxico e local".

Algunha das medidas máis novidosas fai referencia á "redución da xornada dos traballadores públicos en dependencias administrativas a 4 días x 10 horas/día"

Outro dos puntos alude á redución do consumo de combustible utilizado polos membros do goberno e cargos públicos da Xunta, limitando o número de desprazamentos e a fomentar o emprego do transporte público polos cargos públicos, especialmente nos desprazamentos urbanos. Algunha das medidas máis novidosas fai referencia á "redución da xornada dos traballadores públicos en dependencias administrativas a 4 días x 10 horas/día, seguindo o exemplo do Estado de Utah" co obxectivo igualmente de reducir os desprazamentos.

Dentro da parte máis ligada á economia, o texto pide "fomentar a identificación e reconversión de empresas dependentes directa ou indirectamente do petróleo" e avanzar cara a unha estrutura máis autocentrada e menos mundializada: "Favorecer a recuperación de sectores industriais con vocación produtiva orientada ao mercado galego e que foron abandonados no contexto da mundialización económica" e "Identificar os produtos críticos dos que carecerá o país a causa do fin do petróleo barato e estimular a súa produción local (ou dos seus substitutos) mesmo a partir de empresas públicas".

En canto ao hábitat apóstase por "promover a reestruturación das cidades para volver a un modelo compacto de usos mesturados, diversos e densos e á vida en proximidade: residencia, escola, traballo, lecer, comercio e trasporte cara ao exterior a menos de 10′ andando"

Por suposto, no que respecta á política enerxética, apóstase por avanzar "aceleradamente" cara as enerxías renovables, e ao tempo traballar por unha "drástica redución do consumo". Entre outras cousas apóstase por procurar fórmulas que fagan reverter parte dos beneficios das industrias enerxéticas nas bisbarras onde se asentan os grandes centros de produción enerxética coa finalidade de construír nelas unha outra alternativa produtiva encamiñada aos obxectivos dunha economía baixa en carbono. Outra das propostas é promover o cultivo e a autoprodución local de agrocombustibles. Proponse priorizar as axudas económicas ás empresas a que poñan en marcha plans de aforro enerxético ou que se teñan auditado enerxeticamente e teñan mostrado unha alta eficiencia enerxética. Tamén se propón "incluír na normativa de construción a obriga de illamento térmico".

En canto ao hábitat apóstase por "promover a reestruturación das cidades para volver a un modelo compacto de usos mesturados, diversos e densos e á vida en proximidade: residencia, escola, traballo, lecer, comercio e trasporte cara ao exterior a menos de 10′ andando. Redeseñar as cidades para os cidadáns e non para os coches". E tamén fomentar coa colaboración dos concellos a agricultura urbana ecolóxica. Finalmente pidese a "derrogación da nova Lei de Montes para favorecer un uso do monte autocentrado, sostible, diverso e encamiñado a fixar poboación no rural".

Proponse paralizar todo investimento novo para a construción de estradas ou autoestradas de alta capacidade, reducir os límites de velocidade das estradas. e desincentivar o uso do transporte privado

No que respecta ao transporte proponse paralizar todo investimento novo para a construción de estradas ou autoestradas de alta capacidade, reducir os límites de velocidade das estradas e desincentivar o uso do transporte privado, por exemplo mediante a promoción da compartición de vehículos privados: con carrís reservados para estes coches nas estradas (coches con 3 ou máis pasaxeiros) ou coa exención de peaxes. 

Finalmente, o documento aposta por penalizar a obsolescencia programada e favorecer a produción de bens “para toda a vida” e pide declarar Galicia zona libre de transxénicos.

Campos de extracción de petróleo en Texas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.