Os colectivos animalistas preséntanlles aos partidos as súas demandas para o 21-O

Cada ano abandónanse en Galicia máis de 20 mil animais CC-BY-NC Jozelui

A Asociación Animalista Libera, a Fondation Franz Weber, Galicia, Mellor Sen Touradas e o Observatorio de fauna salvaxe en cautividade ZOOGAL veñen de presentar as súas propostas para avanzar na defensa animal durante a vindeira lexislatura. Remitíronlles este argumentario ás distintas formacións polítícas que concorren ás eleccións do 21 de outubro e nas vindeiras semanas manterán xuntanzas con eles. Polo momento os encontros fóronlles propostos a BNG, PSdeG-PSOE e á Alternativa Galega de Esquerdas.

Entre as principais demandas dos colectivos que traballan na defensa dos dereitos dos animais está que se cumpra a prohibición da entrada de menores a festexos taurinos, aprobada polo Parlamento de Galicia a finais de 2011. E tamén que se aproben normas máis estritas a respecto do funcionamento de parques zoolóxicos, acuarios e circos. Ou que dende a Xunta se realicen campañas autonómicas de adopción de animais domésticos e accións que permitan previr o abandono destes seres vivos, que en Galicia supera os 20.000 animais ao ano.

Entre as principais demandas dos colectivos que traballan na defensa dos dereitos dos animais está que se cumpra a prohibición da entrada de menores a festexos taurinos, aprobada polo Parlamento de Galicia a finais de 2011

Así mesmo convidarán os novos deputados e deputadas a sumarse ao Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais (EPDA), unha plataforma de traballo creada co obxetivo de servir como bancada animalista no Parlamento galego. Na pasada lexislatura tres deputados do BNG e catro do PSdeG-PSOE adscribíronse a este espazo presentando diferentes iniciativas parlamentares. Para o vindeiro periodo parlamentar estes colectivos agardan novas adhesións e maior diversidade de grupos.

As organizacións impulsoras sinalan que o benestar animal é unha preocupación crecente na cidadanía galega que non se ve compensada na normativa, xa que Galicia posúe unha das leis de protección dos animais máis desfasadas, que data de 1993 e que contempla excepcións como o tiro ao pombiño, "amplamente rexeitadas pola sociedade".

Cada ano abandónanse en Galicia máis de 20 mil animais CC-BY-NC Jozelui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.