0 Gardados para despois

A incineradora do Irixo podería recibir até 35 millóns de euros do Igape

Redacción | @prazapublica

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, recoñeceu que o proxecto da planta de xestión de residuos do Irixo (Ourense) podería recibir axudas por parte do organismo económico de até 35 millóns de euros. Afirmouno entre duras críticas do portavoz do BNG no debate, Fernando Branco, quen acusou á Xunta de "lexislar á medida" de Estela Eólica.

Aguilera admitiu que o proxecto do Irixo axústase ás características das axudas convocadas polo Igape para proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Feder Galicia 2007-2013, para a aprobación de apoios específicos ás provincias de Lugo e Ourense. Aínda que destacou que polo momento a Xunta non ten "ningunha proposta formal" da empresa, o director do Igape defendeu que a súa obriga é apoiar iniciativas "viables, solventes e que cren emprego" e neste senso salientou que o proxecto do Irixo é "ambicioso".

Javier Aguilera fixou o límite de subvención para un investimento como a da planta do Irixo nun 15,55 por cento do investimento total, é dicir, un máximo de 35 millóns de euros.

Pola súa banda, Fernando Branco (BNG) acusou á Xunta de "facer un traxe á medida" de Estela Eólica no canto de lexislar "con carácter xenérico" para o conxunto dos galegos e dos proxectos empresariais. Argumentou que tanto esta subvención, como o concurso eólico e a nova lei de industria "favorecen" o proxecto "concreto" do Irixo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.