Unha semana para emendar a Lei de Transparencia

Son moitos os debates que nos últimos anos se organizaron ao redor da necesidade desta lei CC-BY-SA Medialab Prado

Nos vindeiros meses pode facerse realidade unha vella reivindicación de amplos sectores da cidadanía: A Lei de Acceso á Información Pública e Transparencia. Despois da súa aprobación deixará de ser o único gran país de Europa que no garanta o dereito a que calquera persoa poida acceder á información e documentos das institucións públicas. O vindeiro 25 de setembro remata o prazo para presentar emendas a unha lei que vai camiño de defraudar todas as expectativas postas nela. A subordinación do dereito de acceso á protección de datos, que entidades coma a Casa Real ou os partidos queden á marxe dela ou que sexa xestionada por unha entidade dependete do Goberno, son algunhas das criticas.

O PSOE levábaa como promesa electoral nos seus programas electorais de 2004 e 2008 pero durante oito anos incumpriu o seu compromiso. O Partido Popular tamén prometera unha Lei de Transparencia na campaña das eleccións xerais de 2011 e de feito nos seus primeiros cen dias de goberno fixo público un anteproxecto. A norma someteuse durante 15 días a un proceso de consulta pública que recibiu ao redor de 3.700 achegas de persoas e entidades.

Son numerosas as criticas ao proceso 'nada transparente' de tramitación da  Lei de Transparencia

Porén, son numerosas as criticas ao proceso nada transparente de tramitación da  Lei de Transparencia. Os cidadáns tiveron que depender das filtracións aos medios para obter algúns dos documentos do debate: a memoria, os estudos sobre a necesidade e oportunidade, un informe sobre o impacto por razón de xénero ou a memoria económica coa estimación do custe da posta en marcha da nova lei. Tampouco se difundiron os case 3.700 comentarios á lei nin se lles remitiron aos expertos. Cando se solicitou que se fixesen públicas o Goberno dixo que non era posible porque eran “correspondencia”, pois nelas figuraba o nome e email dos que participaran e non se pedira o seu consentimento para divulgalo.

A Casa Real queda á marxe da aplicación desta norma “por non ser unha administración pública”. O mesmo sucede con ONGs, partidos políticos, sindicatos e a patronal, perceptores todos de fondos públicos

Pero grazas ás filtracións sabemos que o Goberno non atendeu as principais suxestións da cidadanía e ademais revelouse que a norma contén numerosos limites marcados pola protección de datos. De feito a lei incorporou varias das recomendacións da Axencia de Protección de Datos que por exemplo aconsellou non publicar en internet os ficheiros coas facturas debidas polas entidades locais aos provedores. Porén, en países coma o Reino Unido as entidades locais están  obrigadas a publicar proactivamente todo gasto por riba de 500 libras (uns 630 euros).

Outras criticas xiran ao redor do feito de que a Casa Real queda á marxe da aplicación desta norma “por non ser unha administración pública”. O mesmo sucede con ONGs, partidos políticos, sindicatos e a patronal, perceptores todos de fondos públicos. Outras das criticas á norma chegan porque a axencia que se encargará de velar polo cumprimento da transparencia segue dependendo do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e non é un organismo independente, como o é a Axencia de Protección de Datos.

Demándase que recoñeza o dereito a acceder á información pública como dereito fundamental. Coa actual redacción a lei segue siendo ordinaria e ante un conflito prevalecerían outros dereitos fundamentais (coma a protección de datos)

Demándase que recoñeza o dereito a acceder á información pública como dereito fundamental. Coa actual redacción a lei segue siendo ordinaria e ante un conflito prevalecerían outros dereitos fundamentais (coma a protección de datos). Hai uns meses, nunha entrevista en Praza, César Calderón cualificaba o proxecto de lei como “analóxico, triste e sen ambición, obxectivamente menos ambicioso que o que o propio PP presentou estando na oposición”. E salientaba que “a pesar de que existe todo un epígrafe dedicado á transparencia activa, non hai na lei nin unha mención á apertura e reutilización de datos das administracións, o xa famoso open data, o que sitúa a lei fóra da realidade dos países máis avanzados da nosa contorna”.

Os colectivos máis críticos, como Red Sostenible, solicitan a todos os partidos que presenten unha emenda á totalidade, co fin de evitar “a aprobación dunha lei de transparencia que non satisfai as necesidades nin as expectativas dunha democracia” e porque “aprobar o proxecto tal e como está, aumentará a desconfianza entre a sociedade civil e o poder político”.

Son moitos os debates que nos últimos anos se organizaron ao redor da necesidade desta lei CC-BY-SA Medialab Prado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.