O Seminario Galego de Educación para a Paz lanza as súas propostas para os partidos de cara ao 21-O

Paraugas pola Paz, unha actividade do SGEP CC-BY-NC-ND SGEP

O Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) vén de facer as súas propostas públicas aos partidos e coalicións electorais que concorrerán ás vindeiras eleccións do 21 de outubro. A través dun comunicado, o colectivo quere "deixar constancia e solicitar o seu apoio para algunhas reivindicacións que en materia de Cultura de Paz, convivencia democrática e cooperación" vén reivindicando desde hai varios anos.

Pide a "derogación inmediata" da subvención pública aos colexios que segregan por sexo e a "eliminación da exención do IBI da Igrexa"

Así, o SGEP reclama a "derogación inmediata" da subvención pública aos centros educativos que segregan por sexo, unha medida separadora defendida polo Goberno do PP nos últimos meses, así como a "eliminación da exención do IBI da Igrexa Católica" e que se leven a cabo "iniciativas políticas tendentes a facer efectiva a laicidade do Estado".

Estas son dúas das reivindicacións de entre os once puntos reclamados polo SGEP, pero hai moitas máis. Así, desde o colectivo pídese que as formacións políticas dean un "impulso decidido á educación para a paz, os dereitos humanos e a democracia, tanto de maneira transversal como por medio dunha materia con horario e profesorado específico". Deste xeito, reclaman que se "recuperen obxectivos, contidos e procedementos da Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos", esencia dunha materia eliminada polo PP do currículo escolar.

Ademais, o SGEP aposta tamén polo "desenvolvemento de políticas públicas, desde as distintas administracións, encamiñadas a frear a pobreza e a exclusión social" e o "fomento do diálogo intercultural e protección das persoas inmigrantes e retornadas". Para o Seminario, é clave tamén a "promoción en todos os ámbitos" da resolución pacífica de conflitos, da mediación e mellora da convivencia democrática "sobre a base do respecto pola dignidade das persoas e de acordo cos valores cívicos da cidadanía e os dereitos humanos".

O SGEP solicita "un incremento significativo dos recursos destinados á cooperación ao desenvolvemento e á solidariedade"

Do mesmo xeito, e logo de que os recortes da Administración afectasen gravemente a varios proxectos solidarios, o SGEP solicita "un incremento significativo dos recursos destinados á cooperación ao desenvolvemento e á solidariedade, tanto no ámbito autonómico como no local". Alén diso, o Seminario fai especial fincapé en reclamar a aprobación da Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia que, lembra, "foi presentada na pasada lexislatura no Parlamento e apoiada polos grupos parlamentarios", así como a ponencia conxunta creada ao efecto baseada no texto de referencia achegada polo SGEP.

Na mesma liña, o Seminario solicita aos partidos o "compromiso" para que "promovan o progresivo recorte do gasto armamentístico" e que se empreguen eses recursos en "atender as necesidades máis apremiantes da cidadanía desfavorecida de excluída". Ademais, recordan a súa "oposición firme" á base militar de construción de drons en Trasmirás.

Reclama o "compromiso" para "promover o recorte no gasto armamentístico"

En canto ao ámbito educativo, o SGEP engade tamén a petición do "impulso, actualización e desenvolvemento" do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia de 2007 e do Observatorio Galego da Convivencia Escolar do mesmo ano, "coa dotación dos recursos necesarios para a súa implementación nos centros educativos e, particularmente, na formación do profesorado e do alumnado en materia de mediación e tratamento de conflitos". Para rematar, esixen tamén a creación da Rede de Escolas Espazo de Cultura de Paz de Galicia, de libre e voluntaria adscripción, "sobre a base dun programa xa promovido noutras comunidades autónomas, nomeadamente, en Andalucía e co apoio da administración educativa galega".

Paraugas pola Paz, unha actividade do SGEP CC-BY-NC-ND SGEP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.