0 Gardados para despois

A reinserción a través das ondas

Laura L. Ruiz | @lauralruiz


Un enreixado, outro máis, un control e outro. Así ata chegar ao patio interior do Centro Penitenciario de A Lama. Despois, aínda que sexa chocante, todas as portas están abertas. É o módulo das actividades. Unha vintena de alumnos agardan á profesora moi concentrados. Van realizar o primeiro exame do taller de radio. Se o fan ben, pasarán ao estudio de gravación. A profesora é un membro de Agareso, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, que lles achegou o mundo do xornalismo ao seu día a día.

En que ano comezou a radio, que é a pirámide invertida, que diferencia hai entre un debate e un faladoiro. Son algunhas das preguntas que ten preparadas Montse Fernández. Da vintena que agarda para facer a proba de coñecementos, só hai dúas mulleres, situación que se entende ao coñecer que hai ao redor de 1.200 internos no centro fronte a case 60 mulleres. Mentres, unhas cantas habitacións máis ao fondo do corredor, seis internos analizan e propoñen temas para a maqueta do próximo número de Xanela, a revista de A Lama.

Natalia Puga, outro membro de Agareso, aconsella e supervisa. “Está moi ben que se pase dunha a dúas as páxinas as dedicadas ao módulo de mulleres”, responde a unha proposta de Sergio, corazón da publicación. Sorprende ao visitante que só se pode distinguir a educadores, voluntarios ou internos pola identificación colgada do pescozo.

Noutro andar agardan Sabela Íñiguez e Juan de Sola, membro e presidente respectivamente de Agareso, asociación que fixo posible que ao redor de media ducia de internos do C.P. A Lama saian da súa rutina e se impliquen nunha actividade de equipo. Supervisan os contidos de A Radio, un proxecto recente que conseguiu involucrar a internos de practicamente todos os módulos. A aventura comezou a finais de 2007 co espazo En otra Onda. Juan de Sola recollía na prisión as opinións dos internos sobre a actualidade e dáballes visibilidade nun espazo de Onda Cero e que acabou recibindo o recoñecemento do Ministerio de Interior coa Medalla ao Mérito Social Penal.

Despois, o proxecto creceu co taller, outras emisións dentro do centro, a revista e a propia radio. “Se me dis hai catro anos que ían ser os propios internos os que xestionasen unha radio que emite mañá e tarde, diríache que non é posible”, confesa este xornalista experimentado, que un día quixo visibilizar o que se facía dentro do C.P. e non parou desde entón. Ata xa teñen previsto un novo programa de sensibilización social no C.P. de Teixeiro.

 

Autónomos e motivados

O éxito das actividades débese ás ganas dos internos e as internas, ás ganas dos membros de Agareso, á dirección do centro e ao equipo de educadores sociais que seleccionan aos participantes. Teñen que cumprir unha serie de requisitos -como non ter delictos de sangue- e comprometerse coa actividade. Nos mandos técnicos da Radio está José, quen confesa que antes de coñecer a iniciativa de Agareso non tiña nin idea de como funcionaba. Agora é imposible que os programas saian adiante sen a súa axuda: “Estou todo o día aquí”, asegura cun sorriso.

A formación dos internos en A Radio debe ser ininterrompida xa que adoitan cambiar de participantes moi a miúdo

Outro interno interrompe a presentación cunha idea que ben merece a atención do equipo. Diego propón a Juan que persoas do PAIEM – o Programa para a Atención a Enfermos mentais que se desenvolve no centro- colaboren nun faladoiro. “Os demais adoitan darlles de lado e está ben que falen da súa enfermidade, da súa opinión sobre a crise ou do que queiran. Hai que darlles voz”, argumenta Diego, que obtén a felicitación dos presentes pola súa idea.

A formación dos internos en A Radio debe ser ininterrompida xa que adoitan cambiar de participantes moi a miúdo. “No Nadal marcharon moitos do equipo e agora hai que empezar a ensinar de novo”, comenta Juan, que repasa a situación de cada un dos que pasaron pola radio logo dos cambios de centros, terceiros graos ou a concesión da liberdade. O mesmo ocorreu na Xanela, que comezou como un proxecto unipersoal e agora a logrado interesar a todo o centro. “Procuramos -explica Sergio- que sempre haxa alguén de todos os módulos, para que así o lean os seus coñecidos e consigamos máis xente”.

 

Distintos internos, distintos módulos

Unha idea que ten moito sentido logo de comprender que non todos os módulos son iguais: están os ordinarios, os convivenciais e o MET. A maioría dos internos que participan nas actividades de Agareso forman parte dos segundos, onde a norma é o respecto e son os propios internos e internas os que coordinan a limpeza e actividades do módulo. Pero como o obxectivo é a reinserción, moitos do Módulo Educativo e Terapéutico tamén participan nos talleres. Nos debates da radio e nas páxinas da revista poden contar as súas vivencias, a súa perspectiva do futuro e as súas reflexións acerca de porqué acabaron alí. O fondo da cuestión é o mesmo para todos no MET: as drogas. Moitos están rehabilitándose, outros xa o lograron e outros se resisten a facelo. “A primeira norma é comprometerse a deixar de consumir”, comentan desde a dirección do centro.

O fondo da cuestión é o mesmo para todos no MET: as drogas

Por iso, os compañeiros da Radio esfórzanse en falar das consecuencias do consumo e do tráfico nos demais, nun mesmo e na sociedade desde diversos espazos. Tamén das consecuencias do exceso de velocidade ou o alcol á hora de conducir. E dos equipos deportivos. E das ansiadas saídas. E da música que máis lles gusta. E de moitas outras cousas tanto de dentro como de fóra dos muros, porque ningún deixa de pensar no día que volva ser libre.

Á hora de regresar ás celas, un ruidoso e ordenado grupo recolle as súas cousas e encamíñase polo corredor. Todos cumpren de forma puntual os horarios, pero seguen pensando en que poderán facer mañá: un novo contido para a revista, unha nova idea para un programa novo, un novo interno que podería falar en tal ou cal debate. Só cando se chega ao patio é cando se ve quen queda e quen se vai do centro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.