As cidades galegas, tomadas polos vehículos privados

Autobús urbano da Coruña © Concello da Coruña

Aprobado baixo en sustentabilidade e suspenso en mobilidade para as cidades galegas. Siemens vén de publicar un informe sobre os distintos parámetros medioambientais que forman parte da xestión urbana analizando a súa situación en 25 cidades españolas, entre elas Vigo, Compostela e A Coruña. Ningunha delas está entre os primeiros postos e só Santiago acada boas puntuacións en eficiencia enerxética, uso de enerxias renovables e calidade do aire.

Segundo o informe, o principal problema da Coruña chega coa mobilidade, pois a porcentaxe da población que se despraza ao traballo nun medio diferente do automóbil é do 33,9%, 12,5 puntos por debaixo da media das cidades analizadas. E en Vigo a porcentaxe é ainda inferior: 30,1%.

Segundo outro informe realizado polos Ecogaleguistas, coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, Vigo suma máis de 220.000 entradas diarias de vehículos na cidade, Compostela rolda as 100.000, A Coruña os 250.000, Pontevedra 55.000, Lugo 60.000, Ferrol 50.000 e Ourense 41.000. A este respecto o partido ecoloxista denuncia que “as iniciativas das distintas administración son escasas na pretensión de reducir este grave problema e intensas na de incrementalo, como consecuencia dos plans de estradas que as distintas administración veñen propoñendo desde hai décadas”.

Vigo suma máis de 220.000 entradas diarias de vehículos na cidade, Compostela rolda as 100.000, A Coruña os 250.000, Pontevedra 55.000, Lugo 60.000, Ferrol 50.000 e Ourense 41.000

En especial critican o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica 2010-2015 (Move) do goberno Feijoo, que pretende duplicar as vías de alta capacidade de Galicia, “desbaldindo 4.000 millóns de euros dos orzamentos públicos no transporte por estrada, o máis contaminante, o de maior impacto na configuración do territorio, o de maior consumo enerxético e o máis insolidario socialmente”. Galicia conta actualmente con 1000 km de vías de alta capacidade, dato que a sitúa, con 34 km/1000 km2, por riba da media europea, que é de 15,9 km/1.000km2 e ao mesmo nivel que Francia.

“Non precisamos máis autoestradas, nin vías rápidas. Precisamos outro modelo de transporte que aposte pola proximidade, pola economía local e polo achegamento dos servizos á cidadanía no canto de achegar a cidadanía aos servizos”, din. O Espazo Ecosocialista propón a este respecto a implantación de Planos de Mobilidade Sostible en todas as comarcas, adaptados a súa realidade demográfica e xeográfica.

Tamén demanda a potenciación do transporte público colectivo mediante a mellora das frecuencias e paradas, carrís-bus e desenvolvemento dunha rede de ferrocarril de proximidade que abranga as principais vilas e cidades galegas. Igualmente pide o establecemento dunha rede básica de vías ciclistas e o apoio aos desprazamentos a pé.

Canda a estas medidas propón outras destinadas a desincentivar o uso dos vehículos privados, como a eliminación de prazas de estacionamento no centro e a creación de estacionamentos disuasorios  na periferia, a limitación da velocidade no entorno urbano a 30km/h ou medidas fiscais que taxen o vehículo en función do tamaño e emisións.

Servizo de Bicicoruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.