21 días en galego: saber, querer, poder

Imaxe da iniciativa Dominio Público IES Pobra do Caramiñal

21 días falando en galego, na escola, na casa e tamén pola rúa, nos comercios da túa vila. Evidentemente non é nada extraordinario para unha persoa galegofalante, ou que empregue esta lingua boa parte do tempo, pero si constitúe toda unha experiencia para quen non estea afeito a facelo, como boa parte do alumnado de ESO e Bacharelato do IES da Pobra do Caramiñal. Velaí a importancia do proxecto, 21 días co galego, que por segundo ano consecutivo vén de poñerse en marcha no centro, promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Barbanza baralla a posibilidade de realizar a actividade en varios centros no vindeiro curso

Trátase de que durante tres semanas os alumnos e alumnas dos catro cursos de ESO e os dous de Bacharelato falen en galego. Por suposto nas clases de Lingua e Literatura galegas, pero tamén no resto das aulas, grazas á colaboración dos restantes departamentos. Así, durante estas tres semanas impartiranse en galego as Ciencias, Educación Física e a Tecnoloxía, e mesmo as traducións de Inglés e Francés faranse á lingua de Galicia. Tamén falarán galego na casa, grazas ao compromiso da ANPA e mesmo nos comercios da vila contando coa colaboración de 25 establecementos do CC Aberto O Deán e dos supermercados Eroski e Gadis. Ademais, os alumnos e alumnas deberán gravar cada día un breve vídeo ou audio (cos seus móbiles ou calquera outro aparello) relatando as súas impresións ou opinións sobre distintos asuntos ou sobre a súa propia relación coa lingua.

O primeiro obxectivo desta actividade é "o aumento e perfeccionamento do emprego da lingua oral" por parte dos alumnos e alumnas, pero tamén busca que realicen unha "reflexión íntima e persoal da relación que persoa ten co galego dende a súa situación vital concreta e individual", e que rachen con algúns obstáculos e barreiras internas que en moitas ocasións os frean á hora de "lanzarse" a falar.

Pilar Ponte, docente no centro e unha das promotoras da iniciativa, destaca que "a experiencia o ano pasado foi moi positiva porque aínda o alumnado máis remiso a falar galego participou. Realmente falaron só nos vídeos máis minutos que na clase de galego durante un curso enteiro". Pilar Ponte explica que "sempre pensan que saben falar menos do que saben, logo vén a motivación e ao final decátanse de que 'non era para tanto' e en moitos casos chegan a dicir que non o van seguir falando pero que polo menos agora saben que se queren poden facelo". "Non é unha actividade para aprender gramática, é unha actividade para soltarse a falar. Na maioría dos casos a evolución é saber, querer, poder", di.

"A experiencia o ano pasado foi moi positiva porque aínda o alumnado máis remiso a falar galego participou. Realmente falaron só nos vídeos máis minutos que na clase de galego durante un curso enteiro"

A principal diferenza coa experiencia do pasado ano está na colaboración deses axentes externos ao centro (familias, comercios, Concello...), que facilita que a iniciativa teña continuidade cando os rapaces e rapaces saen do instituto: "Quixemos que nese tempo que o alumnado non está no centro tamén houbese unha maior exposición ao idioma, queremos aumentar en cantidade e tamén en calidade no sentido de abrir novos ámbitos de uso", destaca Pilar Ponte.

Tamén colaboran na iniciativa persoas completamente alleas ao centro e á mesma Pobra, persoeiros do mundo da cultura, da literatura, da música ou do audiovisual, que tamén gravan un pequeno vídeo falando de diversos temas, uns vídeos que son vistos polos alumnos na clase e que cada día se van subindo á rede. Nesta segunda edición xa podemos ver os vídeos de Agustín Fernández Paz ou Francisco Castro, e na primeira o instituto contou coa colaboración de María Reimóndez, Luís Iglesia, Xosé Antonio Touriñán, Cándido Pazó, Lucía Aldao, María Yáñez, María Solar, Xabier Díaz, Uxía Senlle ou a Orquestra Panorama. Pilar Ponte salienta que a súa resposta foi "xenerosísima" e di que "a mágoa é que non vexan despois as reaccións que provocan no alumnado. O que máis valoran é a sinceridade do íntimo, cando a xente fala co corazón e dende o corazón. Aprecian moito esas pequenas anécdotas familiares dos famosos que teñen que ver coa lingua e nas que moitas veces tamén se ven reflectidos".

Pilar Ponte destaca que se trata dunha iniciativa "moi necesaria", pola "desgaleguización total que temos no ensino medio, polo menos na Pobra"

O éxito da experiencia fixo que xa nos últimos meses varios docentes de toda Galicia se puxesen en contacto co IES da Pobra do Caramiñal para interesarse pola iniciativa, que mesmo foi destacada nun portal vasco especializado en educación. Ademais, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Barbanza baralla a posibilidade de realizar a actividade en varios centros no vindeiro curso.

"É fundamental moverse no terreo deles. Hai que ir ao Tuenti e ao Twitter, hai que estar aí porque aí é onde se fala"

Pilar Ponte destaca que se trata dunha iniciativa "moi necesaria", pola "desgaleguización total que temos no ensino medio, polo menos na Pobra". E sinala que a clave do seu éxito está sendo a boa recepción que tivo entre os rapaces: "É unha actividade na que é imprescindible provocar o entusiasmo da descuberta, que os alumnos sintan que se lles ofrece unha aventura". E, ademais, empregando ferramentas (os móbiles, vídeos, youtube...), coas que están moi familiarizados e que forman parte da súa vida cotiá: "É fundamental moverse no terreo deles. Educativamente falando, creo que non se pode partir de que eles veñan a nós, somos nós os que temos que mover ficha e apropiarnos dos seus ámbitos de uso para educar. Hai que ir ao Tuenti e ao Twitter, hai que estar aí porque aí é onde se fala".

Imaxe da iniciativa Dominio Público IES Pobra do Caramiñal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.