Berros por un servizo de extinción de incendios "público, unificado e profesional"

Cartel da manifestación Dominio Público Praza Pública

Uns 300 traballadores manifestáronse este sábado en Compostela a favor dun servizo de extinción de incendios "público, único e profesional" e a favor dun pacto que libere este traballo do ámbito partidista. Convocados pola Plataforma en defensa do servizo público de prevención e defensa contra os incendios forestais, as protestas centráronse tamén en rexeitar a "militarización do monte" e en apoiar unha política forestal onde prime a prevención e a conservación do medio rural.

"Quen apaga o lume? Nós, e non a UME!", berraron os manifestantes

Os preto de 300 traballadores, vestidos co traxe propio que empregan no apagado dos lumes, reclamaron tamén a dimisión da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, por ser "a responsable da política de privatizacion" que, segundo eles, leva a cabo a Xunta. Entre berros de "Quen apaga o lume? Nós, e non a UME!", a manifestación percorreu a cidade de Compostela reclamando que non se entregue a extinción de incendios a empresas privadas "que buscan o beneficio económico" e que procuran "desmantelar" este servizo público.

Así, criticaron tamén a descoordinación que provocan estas políticas da Xunta e esixen que se abra "de inmediato" unha mesa de negociación con todos os axentes implicados, no servizo de extinción e na defensa do medio rural, para chegar a un acordo.

As reivindicacións da plataforma céntranse en catro puntos: a defensa dun servizo público, único e profesional de prevención e defensa contra os incendios forestais e a negativa á privatización; a contratación de todo o persoal realizada a través dun sistema único de listas de contratación, dentro do ámbito da función pública, e cunha valoración equitativa do tempo traballado segundo cada caso; a profesionalización do dispositivo e a eliminación do gasto da militarización dos nosos montes; e a elaboración dun Plano Forestal de verdadeira prevención de incendios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.