Galicia acollerá unha campaña tinguida de manifestacións e tensión na rúa

Manifestación en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete

Será unha campaña tinguida de manifestacións. A carreira electoral, que comeza oficialmente este xoves ás 12 da noite, virá marcada tamén polo descontento social ante os recortes e a crise económica que afecta a toda a sociedade. A toda en xeral. Traballadores públicos, gandeiros, estudantes e a cidadanía en global están convocados por sindicatos e colectivos a saír á rúa nos vindeiros quince días, os mesmos nos que os partidos galegos pedirán o voto a un pobo que decide o vindeiro 21 de outubro o próximo goberno da Xunta de Galicia. Non serán os únicos que sairán. Á marxe das citas xa programadas, desde o Goberno temen tamén as protestas dos afectados polos preferentes ou do sector naval, que xa advertiron de accións "sorpresa" no caso de que non se dea resposta ás súas demandas.

Galicia vivirá varias mobilizacións contra os recortes e a política económica dos gobernos do PP durante a campaña

Este mesmo xoves, a poucas horas do comezo oficial da campaña, será a hora dos gandeiros. Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Fruga onvocaron unha mobilización en Santiago de Compostela na que pedirán unha solución "inmediata" ao sector lácteo ante a "gravidade" da situación económica que padecen as explotacións agrarias debido a "os ruinosos prezos do leite".

Malia o anuncio feito polo ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, coa aprobación do paquete lácteo no Consello de Ministros, os sindicatos agrarios cren que a decisión non é dabondo e cualifícana de precipitada e errónea porque "afondará máis na crise de prezos do sector", especilamente nunha Galicia onde o valor do leite en orixe segue a ser dos máis baixos do Estado e da UE, cunha media de 27-28 céntimos o litro, á vez que os custos de produción mantéñense arredor dos 36.

A CIG mobilízase este xoves 4 nas vilas e cidades de Galicia contra "o saqueo do pobo"

Nesta mesma xornada de xoves, a CIG ten convocada tamén nove marchas en toda Galicia baixo o lema "Paremos o PP! Non ao saqueo do pobo. Existen alternativas. Rescatemos os nosos dereitos”. Serán manifestacións nas sete cidades, ademais de en Vilagarcía e Foz, para "amosar o descontento que existe entre a cidadanía contra as políticas de recorte e axustes aplicadas polos Gobernos do PP na Xunta e o Estado".

Ademais, a central nacionalista quere "facer tamén unha chamada de atención sobre o significado que terá para Galiza e as condicións de vida dos galegos votar o Partido Popular" nas eleccións do vindeiro 21 de outubro. Así, a CIG advirte xa dun novo rescate para o Estado e o seu secretario xeral, Xesús Seixo, aclara xa que "virá acompañado de novas esixencias por parte da Unión Europea, na liña das medidas anunciadas estes días polo PP, centradas na reformar do sistema público de pensións: supresión da xubilación a tempo parcial con contrato relevo, dificultar o acceso á xubilación anticipada voluntaria, desvincular o incremento das contías das pensións á suba do IPC ou o adiantamento do atraso da idade de xubilación aos 67 anos".

Suso Seixo subliña que "existen máis razóns que nunca para seguir insistindo na necesidade de que Galiza teña competencias reais en materia económica, financeira e fiscal" para poder "afrontar como país á saída á crise e ter capacidade de decisión en todos aqueles ámbitos determinantes á hora de definir o modelo económico e social que queremos".

O luns día 8 serán CCOO e UGT os que convoquen a cidadanía para "denunciar os recortes sociais"

Tan só catro días despois, o luns 8 de outubro, son CCOO e UGT os sindicatos que convocan a cidadanía baixo o lema “Hai que impedilo! Mobilízate!". Serán tamén manifestacións en varias cidades e vilas do país, e en conxunto con outras partes do Estado, nas que se pretende "denunciar os recortes sociais e a proposta de Orzamentos Xerais do Estado para 2013 e reivindicar políticas a prol dos sectores industriais", aproveitando a Xornada Mundial do Traballo Decente e unha convocatoria de acción europea en defensa da industria. A CIG xa advertiu tamén que podería unirse a estas convocatorias, a dúas semanas da celebración dos comicios autonómicos.

Tampouco quedarán na casa os funcionarios. Logo do peche celebrado durante toda a xornada deste mércores, a Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos –da que forman parte máis de vinte organizacións sindicais do sector público-, xa anunciou a convocatoria dunha manifestación de todos os empregados públicos de Galicia nas sete cidades o vindeiro día 15 ás 19 horas, en plena campaña electoral e a menos dunha semana das eleccións.

Todos os sindicatos que forman parte da plataforma denuncian "o ataque aos servizos públicos" que, explican, "forma parte dunha estratexia do PP para desmantelalos e privatizalos". Ademais, rexeitan tamén os novos recortes económicos e sociais que recolle o proxecto de orzamentos xerais do Estado para o ano 2013 e a grave situación á que abocan estes presupostos aos traballadores públicos.

As organizacións estudantís convocan manifestacións e folga xeral para o día 11 e os traballadores públicos protestarán en toda Galicia o luns 15

Un pouco antes, o día 11, tócalle aos estudantes. Varias organizacións estudantís e xuvenís do Estado, entre elas as galegas Liga Estudantil, Comités e Agir, teñen convocado para esa xornada o Día Internacional de Loita Estudantil, no que pretenden "protestar contra as reformas e recortes levados a cabo nos últimos meses na educación" e "reivindicar a soberanía dos pobos", e na que os tres colectivos convocan unha folga xeral no ensino universitario e medio do país.

Ademais, os días 16, 17 e 18 de outubro, o Sindicato de Estudantes convocou tamén folga xeral estudantil, durante unha semana considerada de "loita" para "deter os ataques do PP á educación pública".

Será unha máis das numerosas protestas que lle esperan ao PP e ao seu candidato, Alberto Núñez Feijóo, consciente de que as protestas van principalmente dirixidas aos diferentes recortes e axustes económicos aplicados tanto polo seu Goberno en Galicia como polo do seu partido a nivel do Estado. De feito, o cartel electoral do aspirante á presidencia da Xunta por parte dos conservadores obvia as siglas do PP e céntrase na figura persoal do xefe do Executivo galego.

Serán tamén, as preparativas ante as que semella que será unha nova folga xeral en todo o Estado para o vindeiro mes de novembro.

 

Manifestación de gandeiros en Santa Comba © SLG
Cartel da manifestación deste xoves da CIG © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.