ADEGA relaciona o caso Pokemon con concesións hidroeléctricas a Iberdrola e Fenosa

Obras de Iberdrola no corazón da Ribeira Sacra CC-BY-NC-SA M. Carballada

Francisco Fernández Liñares, expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, está sendo investigado no marco da operación Pokemon por supostos delitos de prevaricación, suborno e tráfico de influenzas. Durante o seu mandato, o organismo que dirixia realizou numerosas concesións de novos encoros ou ampliación dos existentes a Iberdrola e Fenosa. Estes proxectos de Santo Estevo II e San Pedro II xa en marcha ou os futuros de Santa Cristina, Belesar III, Os Peares III e Edrada-Sto. Estevo foron denunciados sen cesar polas organizacións ecoloxistas.

En concreto ADEGA denuncia que Fernández Liñares foi o gran defensor destas concesións "mesmo contra o acordo do Senado de non autorizar novos aproveitamentos nestes ríos e a opinión da daquela ministra de Medio Ambiente Rosa Aguilar, quen recoñecera a sobreexplotación da bacía". A organización engade que a Confederación "presentou un Plano Hidrolóxico a medida de Endesa e Fenosa". Os proxectos seguiron adiante polo empeño de Fernández Liñares a pesar da oposición do goberno bipartito en 2007. Por este motivo ADEGA entende que a fiscalía debería investigar a tramitación destas concesións no marco da operación Pokemon.

Os proxectos seguiron adiante polo empeño de Fernández Liñares a pesar da oposición do goberno bipartito en 2007

A tramitación das autorizacións administrativas para a construción dos encoros promovidos por Iberdrola no Sil, os xa construídos de Santo Estevo II e San Pedro II (cuxas obras rematarán en 2013), e o previsto de Santa Cristina (que comezarán en 2013-2014), estiveron rodeadas de polémica polas inusuais declaracións do daquela responsábel da Confederación Miño-Sil, Sr. Fernández Liñares, manifestándose a favor destes proxectos ("en Sta. Cristina non haberá impacto ambiental") e acusando aos ecoloxistas de "oportunistas políticos" e "descoñecedores da lei". Mesmo o daquela senador do BNG e hoxe candidato de CxG por Ourense, Xosé Manuel Pérez Bouza, denunciara na cámara alta que "Fernández Liñares parecía actuar máis como un representante de Iberdrola que como un responsábel dunha administración pública".

A pesar de que a Xunta se desvinculou do proxeto alegando que a autorización dependía do goberno central, ADEGa lémbralle a Núñez Feijoo que a Xunta ten competencias ambientais plenas sobre os espazos protexidos galegos

ADEG esixe tamén a paralización da tramitación destas concesións, en particular das de Sta. Cristina (Iberdrola) e Edrada-Sto Estevo (GN-Fenosa), instalacións cun elevadísimo impacto ambiental e paisaxístico sobre a Ribeira Sacra e a Rede Natura 2000. E a pesar de que a Xunta se desvinculou do proxeto alegando que a autorización dependía do goberno central, ADEGa lémbralle a Núñez Feijoo que a Xunta ten competencias ambientais plenas sobre os espazos protexidos galegos.

Obras de Iberdrola no corazón da Ribeira Sacra CC-BY-NC-SA M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.