0 Gardados para despois

Cebrián afirma que a edición galega de El País se creou por "presións de lobbies progresistas"

Redacción | @prazapublica

El País fará oficial o vindeiro martes un ERE que afectará a entre 138 e 144 xornalistas dos 440 cos que conta o xornal. Neste proceso desaparecerán as edicións de Galicia, Euskadi, Valencia e Andalucia. O ERE xa lle foi comunicado ao comité intercentros do xornal. Nesta xuntanza o presidente de Prisa, Juan Luis Cebrián, revelou que o ERE incluirá xubilacións anticipadas, despidos e unha rebaixa salarial para os traballadores que permanezan. O comité pediulle a Cebrián que paralizase o ERE e optase por outras fórmulas de aforro, algo ao que Cebrián se opuxo. 

El Pais tivo no primeiro semestre deste ano dous millóns de euros de beneficios, ao contrario que El Mundo e ABC, que tiveron grandes perdas

Porén, o que máis molestou aos traballadores foron as declaracións do presidente do grupo nas que entre outras cousas xustificaba o expediente dicindo que "non podemos seguir vivindo tan ben" e facendo referencia aos "elevados soldos" dos xornalistas. O comité de empresa denuncia que Cebrián cobrou en 2011 ao redor de 13 millóns de euros e que o Grupo Prisa conta con 486 directivos. Os xornais do grupo teñen un gasto de persoal total de 105 millóns de euros ao ano. Porén, o Consello de Administración cobrou máis de vinte millóns en 2011 e El Pais tivo no primeiro semestre deste ano dous millóns de euros de beneficios, ao contrario que El Mundo e ABC, que tiveron grandes perdas.

O presidente de Prisa afirmou que a creación destas edicións, entre elas a galega, se debeu "ás presións de lobbies máis ou menos progresistas"

Ademais, Cebrián fixo referencia á idade dos redactores do grupo: "o tema máis preocupante é que a idade media do cadro de persoal é de 53 años” e que “isto afecta aos perfis profesionais e ao modelo de periódico que queremos facer”. Prisa fixo público un comunicado, difundido en elpais.com, no que sostén que “o futuro del periódico pasa necesariamente por unha radical transformación no dixital” para que sexa sostible e “poida seguir desempeñando o papel clave que xogou na sociedade española".

Pero Cebrián tamén falou sobre as edicións territoriais. Segundo o comité de empresa, o presidente de Prisa afirmou que a creación destas edicións, entre elas a galega, se debeu "ás presións de lobbies máis ou menos progresistas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.