O TSXG autoriza as manifestacións de CCOO e UGT que prohibiran as xuntas electorais

Manifestación de CCOO e UGT en Vigo © CC.OO.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de autorizar as manifestacións convocadas este luns polo Cumio Social e que foran prohibidas polas xuntas electorais na provincia de Pontevedra e Ourense. O fallo anula a denegación de permiso que fora emitida polas subdelegacións do Goberno por considerala "vulneradora do dereito de reunión".

Así, os sindicatos CCOO e UGT, que lideran a convocatoria, poderán celebrar unhas marchas que xa advertían o luns á mañá que manterían e que volveránprotestar contra os recortes e a favor do apoio á industria.

A Xustiza dálle a razón aos sindicatos e permite unhas marchas que xa se celebraron noutros puntos do Estado

Os secretarios xerais de UGT e CCOO en Galicia, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, confirmaran na mañá deste luns que mantiñan todas as convocatorias, incluídas as prohibidas polas xuntas electorais, aínda que estaban á espera de que o TSXG se pronunciase tras o recurso interposto polas dúas organizacións. Ao final, a Xustiza deulles a razón.

"A prohibición é inaudita", aseguraron os líderes sindicais, que anunciaron tamén a súa presenza na mobilización de Vigo, unha das que está prohibida. Malia iso, fontes da subdelegación do Goberno aseguraron a varias axencias de noticias que se os convocantes insisten en celebrar as marchas, darán ordes ás forzas de seguridade para impedilas.

Para os sindicatos, o PP quere "amedrentar e enmudecer o cabreo cidadán" contra os recortes e censuraron o feito de que se prohibisen  unhas marchas e non outras. "A manifestación sairá si ou si", dixeron en referencia á marcha de Vigo, onde teñen previsto convocarse en Vía Norte con Urzaiz ás 20 horas.

Ademais, os dous líderes sindicais aclararon que as marchas non se enmcarcan dentro da campaña, senón no movemento europeo pola industria e o emprego, que aproveita a celebración da Xornada en Defensa da Industria para celebrar as protestas. Do mesmo xeito, lembran que outras mobilizacións xa se levaron a cabo noutros puntos de Estado, incluída Euskadi, onde tamén se celebran comicios.

Tamén explicaron que recibiron a notificación das xuntas electorais por medio das subdelegacións do Goberno, pero sen coñecer aínda se a prohibición chegou a iniciativa do Executivo, se foi de oficio ou se houbo unha denuncia de parte. Así, advirten que estas comunicacións non achegan motivos e son contrarias á xurisprudencia do Tribunal Constitucional, que sempre primou os dereitos fundamentais de reunión e manifestación. 

A Subdelegación do Goberno anunciara incluso que daría ordes ás forzas de seguridade para impedir as manifestacións

A convocatoria foi realizada polo Cumio Social, que agrupa 150 organizacións sociais de todo tipo, entre as que sobrancean os sindicatos CC.OO. e UGT. O secretario xeral de Comisións, Ignacio Fernández-Toxo, xa denunciara que no existe ningún elemento na lexislación que xustifique a prohibición, que cualificou de "auténtico atropelo ao dereito básico de manifestación".

Hai uns días a Xunta Electoral Provincial de Pontevedra prohibiu unha convocatoria as ONGs galegas para celebrar o 17 de outubro o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A convocatoria, que si foi autorizada no Pais Vasco, consistía na representación dunha obra de teatro na Porta do Sol de Vigo e despois unha concentración pacífica coa lectura dun manifiesto ao final.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Cartaz da convocatoria Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.