"O Goberno español e a Xunta aínda non aprenderon a lección do Prestige"

Manifestación de Nunca Máis en Santiago © Nunca Máis

A piques de cumprirse dez anos da maior catástrofe medioambiental de Galicia, o Prestige volve ás portadas. A celebración do xuízo a partir do vindeiro martes 16 na Coruña fai rememorar unha desfeita que deitou 60.000 toneladas de fuel fronte as costas do país e que cambiou Galicia para sempre. A plataforma Nunca Máis reactívase tamén para berrar "contra a impunidade" e reclamar que se depuren todas as responsabilidades, cheguen a onde cheguen.

Pero é posible que se dea outro Prestige en Galicia? A resposta, para a plataforma e para os seus avogados, é clara. "Si pode volver ocorrer". Dez anos despois, Nunca Máis fai balance e repasa os avances conseguidos grazas á presión social, pero tamén das eivas, carencias e retrocesos que é preciso arranxar para evitar outra catástrofe máis nunha costa que leva aturadas demasiadas. "Todo indica que se volverán repetir erros similares aos producidos hai dez anos; Goberno español e Xunta non aprenderon a lección do Prestige", din no colectivo.

"A costa galega é o lugar do planeta que sufriu máis mareas negras na súa historia. Ningún pobo merece esta condena", reza unha das sentenzas que se inclúen no informe elaborado por Nunca Máis (Balanzo e demandas despois da maré negra) e na que se resume en datos e análises o que se fixo e que nos queda facer para evitar que o chapapote volva arruínar o país.

O episodio do Prestige evidenciou "a falta de previsión existente e o abandono e desleixo histórico do Goberno central"

O que lle queda claro á plataforma -que estará presente no xuízo exercendo a acusación popular- é que o episodio vivido co buque en novembro de 2002 evidenciou "a falta de previsión existente e o abandono e desleixo histórico do Goberno central", así como as actuacións "irresponsables e incompetentes", tanto do Executivo de Madrid como da Xunta de Galicia. Tamén foi evidente que a enorme reacción social, aglutinada arredor de Nunca Máis, evitou que xestión fose "aínda máis deficiente".

"Agora -lembra o colectivo- é o momento idóneo para ver o grao de cumprimento das peticións e reclamacións de Nunca Máis, tendo presente que son máis de 13.000 os barcos con mercadorías perigosas que, ano tras ano, pasan fronte as costas de Galicia", din, tras reclamar que se atendan as demandas necesarias para evitar outro Prestige.

A presión cidadá arredor da plataforma evitou que a xestión "foise aínda máis deficiente"

Houbo avances, claro que os houbo, moitos deles provocados pola presión cidadá, especialmente nas políticas de seguranza e salvamento. Así, cóntase co primeiro buque deseñado especificamente para o combate contra a contaminación mariña, así como un remolcador de altura novo, outro buque de salvamento ou medios aéreos dependentes do Estado. Do mesmo xeito, ampliouse a cobertura radar do litoral e afastouse a 42 millas o DST-Fisterra.

Tras a catástrofe, houbo avances nas políticas de seguranza e salvamento, pero moitos máis retrocesos e eivas

Tamén se substituíron os obsoletos buques da Xunta, ademais da retirada progresiva de buques petroleiros monocasco no ámbito da UE ou o establecemento de seguros con garantía financeira.

"As competencias de control e contra a contaminación seguen centralizadas en Madrid"

Pero as carencias e retrocesos son moitas máis e máis graves. "Existen eivas substanciais aínda non resoltas", recorda Nunca Máis, que lembra que tampouco hai indicios de se resolveren xa que "non están contempladas no Plano Nacional de Salvamento Marítimo 2010-2018). Así, denuncian que as competencias "seguen a estar centralizadas en Madrid", desde onde se controla o tráfico e a contaminación mariña. Do mesmo xeito, Galicia segue á cabeza en sentinazos, mentres segue a existir unha evidente falta de control por satélite, o que provoca, "como media, cinco verteduras contaminantes de hidrocarburos no litoral galego".

Falta de control sobre o pecio

Nunca Máis advirte tamén da "descoordinacion no seguimento do tránsito marítimo a través do sistema de identificación automática de buques", o que ten provocado recentes sinistros por colisión á entrada do porto da Coruña, así como da degradación nas condicións de formación das tripulacións.

En canto ao Plano Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña, Nunca Máis cualifícao de "electoralista e propagandístico", xa que "non contempla previsión ningunha de incremento de recursos, medios técnicos e persoal e despreza as recomendacións europeas de situar á fronte unha autoridade independente".

Ademais, a plataforma lembra que se eliminaron os exercicios e simulacros baixo parámetros OMI para mellorar a actuación no caso de catástrofes, realízase un proceso de privatización dos medios de salvamento e aplícase un decrto que obriga ao cobro pola participación de medios aéreso e navais da Xunta en operativos de salvamento.

No pecio, a 4.000 metros, acumúlanse unhas 1.100 toneladas de hidrocarburos

Por outra banda, o colectivo non esquece que segue a existir unha falta de control evidente sobre o pecio do Prestige e recorda que Repsol, no seu último informe, asegura que aínda fican unhas 1.100 toneladas de hidorcarburos no pecio a uns 4.000 metros de profundidade. Do mesmo xeito, reclaman informaciión respecto dos refugallos do Prestige, que aínda se manteñen en plantas especializadas de Galicia.

En canto ás afeccións sobre a saúde, Nunca Máis lembra que en 2010 un estudo da American College of Physicianas revelaba que entre os volutnarios participantes na recollida de chapapote produciuse "un incremento na taxa de dano xenético recente nas células sanguíneas de todos os individuos exposots, irritación de mucosas, danos a nivel respiratorio, efectos neuroanias ou menso un maior risco de padecer cancro".

Respecto dos sectores produtivos, os danos, tal e como di o colectivo, foron e son evidentes. "Aínda hai bancos marisqueiros non recuperados, como en Fisterra ou no Pindo", así como "unha importante merma produtiva e mesmo de facturación nas diferentes lonxas galegas" nestes últimos dez anos. Os efectos ambientais foron duros, malia que "non existe aínda a día d ehoxe ningunha avaliación sobre os efectos ambientais a longo prazo, nin se coñece o grao de recuperación dos espazos sensíbeis".

"Persiste o risco de incidente ou accidente marítimo sobre as nosas costas"

Ante este panorama, Nunca Máis asegura que "persiste o risco de incidente ou accidente marítimo sobre as nosas costas" algo que, aclaran, "verase probablemente incrementado coa atraccióndo tránsito de buques petroleiros que conlevará a activación do porto exterior da Coruña, logo do acordo asinado coa petroleira mexicana Pemex".

"Galicia segue a padecer importantes carencias en materia de seguranza marítima", conclúe o informe, que engade que "non é certo que o noso país estea preparado para enfrontar unha catástrofe semellante". "Todo indica que se volverán repetir erros similares aos producidos hai dez anos; Goberno español e Xunta non aprenderon a lección do Prestige", remata.

 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.