Acampada Obradoiro organiza unha "Xornada de Redefinición"

Dominio Público Acampada Obradoiro

Hai xa varios meses que a Acampada do Obradoiro vén levando adiante diversas iniciativas, quer a través dos grupos de traballo e comisións xurdidos durante e tras a acampada, ou de xeito coordinado con diversos colectivos e asociacións. Dende a Comisión de Comunicación afírmase que "se ben consideramos que esta flexibilidade e dinamismo das e dos activistas é algo positivo, entendemos tamén que, para termos un futuro como movemento, é o momento dunha reflexión colectiva profunda que contribúa a asentar os nosos principios, eidos de traballo e estruturas de coordinación interna e externa".

O obxetivo da xornada de Redefinición da Acampada Obradoiro, que terá lugar o vindeiro domingo, 26 de febreiro a partir das 16 horas no local da Asociación Xuvenil Ítaca (rúa do Pombal, 18, baixo, Santiago) é debater o funcionamento interno do grupo e as estratexias a desenvolver nos vindeiros meses. Ademais, informarase das novas plataformas e iniciativas xurdidas nas relacións establecidas durante estes meses con outros colectivos e estudaranse as posibles sinerxías entre elas e con outras entidades. 

Seguindo un principio de transparencia, tanto a orde do día coma o esquema de desenvolvemento desta Xornada están sendo elaboradas colectivamente a través do grupo de Facebook REDacampadaSCQ.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.