25 olladas a Galicia para o Día Nacional

Dominio Público Praza Pública

Praza.gal pediu a vinte e cinco persoas de diversos ámbitos que dedicasen un intre a definir o país, a súa visión do Día Nacional ou as súas aspiracións para a Galicia do futuro

Dende hai case cen anos o 25 de xullo é unha xornada dedicada a celebrar a galeguidade e un país en construción, como a festa mesma. O Día Nacional de Galicia, segundo o seu nome oficial, ou Día da Patria, tal e como o vén chamando dende hai medio século boa parte do galeguismo e soberanismo, é unha festa e tamén unha reivindicación. "Que dentro de poucos anos, o 25 de xullo, non haxa un fogar galego, aldeán ou vilego, que non deixe de exteriorizar o seu patriotismo", desexaban os vellos galeguistas en 1920. "A festa maior de todos os galegos", resumiu Castelao xa dende o exilio".

Moitos xeitos e moitas visións da festa, moitas outras do país. Cara ao Día Nacional do 2018 Praza.gal pediu a 25 persoas de diversos ámbitos que dedicasen un intre a definir Galicia. A pensar que é para elas o país ou como desexarían celebrar o Día Nacional no futuro. Un desexo, unha aspiración ou unha lembranza. Velaquí o resultado: vinte e cinco olladas para o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia.

"Galicia é un pobo en marcha no que cada galego é insubstituíble".

"Galicia é, como dixo Risco, un mundo, o mundo enteiro. Galicia é o universo vital que explica e lle da sentido á miña vida; un mundo aberto, en relación intensa co conxunto de España e con Europa; e tamén con América e con toda a lusofonía".

"Galicia é país onde quero vivir, onde quero que se cumpran os meus soños, os dos meus fillos e netos..., e os das nosas xeracións. Inmersos con normalidade na nosa lingua, cultura e paisaxe. Orgullosos do pobo que as creou e lles deu forma, identificados como parte del".

"Para min Galicia é un proxecto de futuro. Coa memoria consciente do pasado, unha memoria crítica, porque temos moitas cousas que defender e moitas cousas tamén que mellorar, pero sobre todo Galicia é un proxecto compartido de futuro. Sen futuro non hai país. E cando falo de proxecto compartido, falo dun proxecto de todos, no que poidamos recoñecernos. Neste aspecto, deixádeme seguir sendo optimista. Os seres humanos nacemos para transformar e mellorar a realidade, mesmo aínda que pareza moi difícil".

"Galicia é un país que vive á intemperie, que busca a vida mentres sofre os desprezos de quen nos gobernan. Xente sinxela que se indigna ante as inxustizas, que non se resigna e loita por saír adiante. Aspiro a que teñamos un goberno digno que se dedique a amañar os problemas que non nos deixan durmir e se chame polo camiño da igualdade, os coidados, o emprego e o medio ambiente".

“Só tem solidão quen nao tem nação”, lembro ter lido nun comentario recente do JL, Jornal das Letras, sobre a obra do cantor José Mário Branco. E nesa frase recoñezo Galicia, a nación latente que colle corpo hai cen anos, en 1918, no Programa da I Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, que proclama a “igoaldade de dereitos pr-a muller” e que se presenta internacionalmente, da man de Plácido Castro, no IX Congreso das Nacionalidades Europeas en 1933. Mais ao pouco a historia, outra volta, crebou. Galicia, o lugar necesario para pousar a cabeza e os pés, o lugar dende onde estou, eu propia, a falar nesta construción comunal, a lingua galega, que nos distingue, que nos convoca e que acorda en nós as alertas de desaparición. Galicia, a nación á que tanto lle custa articular mecanismos políticos que nos permitan crear riqueza –material e cultural- para o común das persoas que quereriamos vivir aquí. Sen os custes da falta de independencia para decidirmos que facer".

"Galicia é un compromiso coa nosa xente, cos valores de xustiza, igualdade e solidariedade".

"Creo nun país que aposte pola ciencia e pola investigación como xeito de avanzar, que sexa solidario e integrador e que promova a liberdade das persoas e a xustiza social".

"Galiza é a miña nación, o lugar no que quero construír un presente cargado de rebeldía, igualdade, benestar, feminismo e xustiza. É posíbel se confiamos nas nosas propias forzas."

"Galiza, a matria das matrias, olla atrás e ve un camiño longo e difícil para manter intacta a dignidade. Somos fillas e fillos que bicamos cada mañán a esta nai velliña e resistente e cada 25 de xullo renovamos a festa do agradecento, a nosa festa. Somos dunha tribo que acredita no futuro, como diría o noso amado Narf. Levamos na fronte unha estrela, no bico un cantar. 25 de Xullo, sempre!".

"Galicia é o meu lugar de referencia no mundo, un dos elementos que conforman a miña identidade. Eu desexo que esa Galicia sexa ademais un país con capacidade para impulsarnos cara ao futuro, para crear unha sociedade diferente, un novo tempo, e aí creo que as cidades somos pancas de cambio e progreso para Galicia porque construímos dende abaixo, dende a administración que máis se implica nos retos e problemáticas da cidadanía".

"Galicia é Fogar. Non entendería a vida da mesma maneira se Galicia non fose a miña terra. A morriña é o compás que sempre me mostra onde está o norte, onde está a miña casa e a miña xente".

"25 de xullo, Día de Galicia. Fagamos país e usemos a nosa lingua".

"Galicia é un pobo, unha identidade, unha historia, un sentido común".

"Para min, Galiza é a síntese nacional das necesidades da súa maioría social e o dereito a ter pan, traballo e teito na nosa terra. Galiza é unha débeda histórica co noso futuro".

"Galicia é a cultura do esforzo. O traballo da terra e do mar. A fala. As persoas. A música. A ironía e retranca, a arte de converter os reveses en humor. Modernidade con apego costumista. Emoción dunha identidade propia e única".

"Un país de construción colectiva onde os bos e xenerosos triunfarán fronte aos poderosos oligarcas que queren diluír a nosa voz, a nosa riqueza, o noso sentimento de pobo".

"Galicia son as miñas raíces. Eu non creo en Deus nin en demos, pero si creo nas miñas raíces, compostas por toda a nosa xente, e renunciar ás nosas raíces é o máis de traidores que pode haber. Eu son un produto dela, de Galicia, e non vou renunciar a min mesma. Eu son unha milésima parte do noso pobo. Galicia debería ser, sen dubidar, unha república galega. E teño esperanza en que así sexa, aínda que eu non vaia velo. Pero para min o importante é non desprezar nunca a miña terra, porque moita xente o que fai, cando lle preguntan iso, é negar a súa terra. E eu non vou facer iso. Eu estiven na emigración 27 anos e medio e nunca acouguei en ningún sitio como na miña terra".

"Galiza é o país no que nacín e no que vivo. E onde quero que poidan vivir e traballar os meus fillos e netos, e todas as persoas que queiran vivir dignamente".

"Galicia é o soño de todas as mulleres e homes que cremos neste gran país"

"Galicia, polos seus valores diferenciais, debería ser un referente de diversidade en lingua, patrimonio, paisaxe, cultura; cun lugar preferente para a AGRIcultura). Non me atrevo a afirmar q o sexa".

 

"Para min, filla de emigrantes, Galiza é moito máis que o espazo vital soñado. É sentir, é terra, son veigas labradas, soutos en flor, futuro, nenas que medran na lingua propia, fraternidade, un pobo que precisa exercer a súa soberanía e vivir na cultura de seu".

"Con galego existe Galicia. গালিসিয়া রয়েছে গালিসিয়ান ভাষা আছে বলেই।"

“Sendo do interior rural, para min Galicia é a loita dos veciños por preservar e manter a nosa paisaxe, a nosa lingua, a nosa cultura. Unha loita sen medo por defender a nosa identidade”.

"Galicia é un sentimento de apoio na busca de xustiza".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.